Alonso Montero – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Idioma e autoodio http://antondobao.blogaliza.org/2009/09/08/idioma-e-autoodio/ Mon, 07 Sep 2009 23:24:17 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=511

No ben intencionado, mais non sempre atinado, argumentario clásico dos defensores da normalización da lingua galega, o recurso a un autoodio propio de nós-outros, núcleo da nosa idiosincrasia, como razón principal e case universal do penoso proceso de substitución lingüística que sufrimos desde hai séculos adoita ocupar o primeiro posto ben destacado. A lingua de Galicia, segundo este argumento, vén esmorecendo paseniño a través dos anos, das décadas e dos séculos por mor dunha tendencia colectiva ao desprezo de todo o que nos é propio. A síndrome dun pobo de bois mansos que nos ataca des que os afoutos pereceron no Medulio e baixo a represión fascista. Dicía Alonso Montero aí atrás que a sociedade galega ditara xa sentenza de morte contra o seu idioma. E non é certo.

Negar a operatividade do autoodio en certos individuos non sería oportuno, pero o momento que vivimos esíxenos revisar certas verdades indiscutidas que nos apartan dun camiño útil para o futuro da lingua e nos impiden idear e executar políticas lingüísticas de base realmente normalizadoras e esixírllelas aos poderes públicos, aínda que os que nos tocan neste momento histórico teñan intención de transitar outros carreiros.

Toda crise ha de dar lugar a renacementos. Neste rebumbio catártico ao que nos empurran uns gobernantes irresponsables, os nosos esforzos normalizadores deberan reorientarse á preservación dos grupos de falantes e á extensión de usos. Cómpre converter en anécdota pueril a galegofobia dos que adoecen por vivir en subalternidade, submisión, dependencia e autodestrución. Os López-Chaves, Negreiras ou Louzáns (deberan desgaleguizar xa os seus apailanados apelidos!) quedarán adscritos ao lugar que lles corresponde: a varredura da historia.

Para que desta crise xurda un mellor futuro para a lingua de Galicia será bo desprenderse da submisión a mitos que noutrora quizais foron sobreutilizados. Basear nunha explicación psicoloxista coma a do autoodio as análises dun proceso de substitución lingüística que dura centos de anos —e que se intensifica nos nosos tempos porque as novas formas de comunicación masiva así o facilitan— é tan inútil como laiarse pola morte dunha lingua cando xa só é unha lembranza nunha inscrición funeraria. Os galegos e as galegas non nacemos especialmente dotados para odiarnos. Ao revés; tendemos a querernos bastante ben, aínda que ese amor propio algúns o confundan cun suicidio lento e acougado. Non é bo cargar o peso da proba nas vítimas da agresión e convertelas en verdugos da súa propia lingua. O ser humano desexa vivir feliz, e os galegos e galegas non somos excepción. Mesmo nas reaccións máis escuras e esgazadas, coma a da emigración, existe unha decisión afouta de albiscar futuro. Non, non somos seres pasivos, aínda que tamén nos afecte, coma á maioría neste mundo virtual, ese masivo encanto da subalternidade.

Se insistimos no autoodio como explicación universal, corremos o risco de seguir a diagnosticar erroneamente a enfermidade e, consecuentemente, de aplicar remedios equivocados. O discurso normalizador e as políticas lingüísticas que propoña terá que partir de análises materialistas da realidade lingüística de Galicia. En que camadas sociais se acumulan os falantes e cales son as razóns polas que mudan os seus hábitos lingüísticos, polas que cambian de lingua perante certos interlocutores ou en determinadas situacións comunicativas. E, sobre todo, por que razón consideran necesario que os seus fillos falen e vivan nunha lingua diferente da súa. Estas decisións, conscientes ou debidas a actos reflexos, non as promove o autoodio xeneralizado senón un desexo de que a vida dos descendentes sexa máis cómoda e vexa todas as necesidades satisfeitas. A perda de transmisión ou o cambio de lingua son mecanismos colectivos que resultan dunha realidade social e material sobre as que cómpre intervir para mudar a tendencia. A culpa non é dos que votan o PP, por parafrasear unha infelicísima consigna que se coreou cando unha parte importante do pobo galego soubo reaccionar contra un atentado ecolóxico e económico obra do capitalismo e da condición colonial de Galicia. Se mantemos para a lingua esquemas de pensamento semellantes, culpabilizando os falantes, esta non terá quen a sitúe no plano social que lle corresponde. Pola contra, a estratexia nestes tempos tería que consistir en reforzar a identificación dos propios falantes, en evidenciar que a lingua é un sinal tamén de pertenza a un grupo social, que o seu abandono non só non garante o ascenso na escala social senón que tende a fosilizar as actuais relacións.

Unha lingua é un asunto profundamente material, pouco cordial. No cambio de lingua non hai autoodio, senón o que se percibe como necesidade de vivir mellor. O pobre, na súa pulsión liberadora, entende que lle cómpre despoxarse de todos aqueles trazos que liga coa súa pobreza. Romper esas ligazóns terribles, que lles permiten aos indocumentados falar de liberdade de escolla e embebedarse con obscenidades semellantes, ten que ser o obxectivo primordial de calquera política lingüística normalizadora. Para as políticas de base, abandonar o principio de distancia, sentírmonos todos falantes cos mesmos problemas, as mesmas dificultades e as mesmas contradicións ca os que toman a sempre dolorosa decisión de se comunicar cos fillos nunha lingua que non é a deles, que lles impide expresar o mundo coa exactitude e a sutileza coa que o farían no seu propio idioma.

Deixemos o idealismo e as razóns inconfesables para os obsesos. Para individuos do calibre de Gloria Lago, de Louzán, de Carlos Luís Rodríguez, Blanco Valdés, Negreira, López Chaves e uns cantos máis, sepultar a vixencia pública da lingua galega é como mandar á desfeita un vello modelo de utilitario e mercar un coche grande e aparente. Nin sequera neles é autoodio, porque non serían capaces, na súa inmensa ignorancia, de comprender o que son e o que deixan de ser e por tanto non son; é o que Paolo Virno concibe como trazos característicos do posfordismo: medo, cinismo e oportunismo. Ou sexa, o seu modo de sobrevivir na miseria e na mediocridade.

O principio de distancia pode amosarse tamén no recurso á explicación do autoodio como orixe e razón universal de todos os complexos procesos sociolingüísticos en Galicia. Por contra, se desexamos avanzar, é imprescindible promover abertamente unha identificación de todos os falantes coa súa lingua tamén mediante o recoñecemento dunha orixe social común, determinante na configuración do conflito e nas diversas manifestacións do principio de distancia. Aos falantes conscientes, aos grupos activos partidarios da normalización, tócalles a angueira de se mergullaren sen condicións no limo material desa masa social de falantes que mantén viva a lingua aínda hoxe e sen os cales será imposible un futuro digno de tal nome. E para iso talvez cumpra abandonar argumentarios idealistas que cargan a responsabilidade nos que sofren como vítimas as peores manifestacións do proceso de substitución lingüística. Que continúa, claro que continúa.

]]>
Dimensión reiterada http://antondobao.blogaliza.org/2009/04/18/dimension-reiterada/ Fri, 17 Apr 2009 23:52:00 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=138 Houbo xa investidura e dis que hai novo Presidente, que seica gañou a votación Núñez Feijóo, aínda que non tomou posesión por ante as multitudes. Nada diferente ao xa coñecido se non fora por esa sensación de virmos de traspasar un burato de verme de estraños efectos na psicoloxía colectiva. Durante mes e pico vímonos expulsados da actualidade mentres iamos caendo, ao pairo pero sen remedio, nunha fracción bastante anterior da dimensión espazotemporal. Talvez as fantásticas viaxes no tempo, eses desvelos íntimos de calquera de nós nalgún momento das nosas vidas, consisten nun suave afundimento depresivo que nos fai sentir desolados, os seres máis desamparados do universo, e nos converte en protagonistas dun dejà vu colectivo que a ninguén lle apetece experimentar. Mais a política ten esas cousas. A representación ofrece case todas as posibilidades virtuais, mesmo o retroceso temporal. A realidade tanxible, a que se sofre, apenas ten permiso para coñecer cambios aparentes nos niveis máis superficiais. Talvez Matrix non nos é tan alleo. Benvidos ao deserto do real.

O profesor Alonso Montero dicía nunha entrevista en Vieiros que o importante non é a nación nin os seus mitos, senón a Seguridade Social, á que habería que lle facer unha homenaxe. Apúntome ás homenaxes que faga falta, pero creo que se engana. Porque os mitos son consubstanciais ás culturas humanas, por tanto instrumentos posibles de dominación e tamén de liberación, imprescindibles mesmo para existirmos como seres sociais, algo tan simple e tan complexo ás veces. Porque a propia Seguridade Social é un mito, un mito dunha esquerda sen utopía que teima en se azorrar ao aparente. Porque o realmente importante non é a Seguridade Social, que mesmo pode ser base eficaz da privatización da saúde, senón a Propiedade. Esa que ninguén ousa discutir. Alonso Montero enganábase nesa entrevista igual que se enganaba ao proclamar que o pobo galego ditou hai tempo a sentenza de morte contra a súa lingua. Porque todo materialista comprende que tras un conflito lingüístico hai unha base material que o explica e que empurra ás persoas a manexaren as súas identidades con sentidos de absoluta urxencia. Mais de lingua habemos ter ocasión de falar.

A sesión de Investidura non debeu dar moito de si. Pero espértanos e colócanos no presente, fainos ver que a viaxe no tempo polo de agora aínda é un soño da ciencia —todo se andará!—, que os retrocesos históricos nunca nos levan a momentos xa vividos senón á farsa do que outrora foi drama ou mesmo traxedia. A representación repítese. É o mesmo festival sempre. Dese lado, a absorción da capacidade política do pobo, o seu diferimento mediante expropiación; do lado de acó, nós, espectadores sempre. Simpatizamos máis con uns ca con outros, madia leva; o xogo así o esixe. Mais as nosas vidas pouco cambian porque, como moito, todo o que se xoga no envite son palabras relacionadas coa Seguridade Social; nunca está en perigo a Propiedade. No deserto do real, as vidas seguen os seus cursos, profilacticamente sometidas á representación, escindidas, aínda que aparentemente protagonistas do espectáculo. A dereita nunca defrauda os seus votantes; a esquerda está condenada a defraudalos sistematicamente mentres a representación política acugule as súas aspiracións. Refén da súa propia contradición.

A sensación de retorno temporal que atacou esta pequena nación durante mes e pico tal vez non se resolve coa investidura do novo Presidente de Galicia. Ao outro día, continúa o sometemento vital ao traballo asalariado. Exactamente igual que cando os protagonistas foron Touriño e Quintana. Nada mudou nestes anos con todo e seren os asalariados e as asalariadas (moitas delas sen salario) quen se mobilizaran para lle pegar á historia un pequeno empurrón. Ao parecer, a historia estaba adormecida; catro anos despois, o traballo asalariado segue fóra das marxes da representación.

No escenario da derrota, os vencidos buscan a maneira de retornar ao estrado. Se esa necesidade responde a unha pulsión transformadora, estariamos vivindo o paso atrás que inevitablemente acompaña os dous pasos adiante de todo cambio real. Demasiada inxenuidade, talvez. Sigamos con ela. Se o obxectivo é mudar as cousas para que mude todo, e máis que calquera outra cousa a vida da vil multitude, o esforzo non pode esgotarse nun cambio de líder ou nunha mellor ocupación dos espazos que a representación lle ofrece a ese actor de reparto con nula capacidade para improvisar. Hexemonía e unidade serán as palabras de orde. E a hexemonía só se conquista mediante a disolución na carne sen órganos da maioría social, chámese proletariado contemporáneo, multitude ou clases populares, tanto ten. Dándolle corpo, forma e vida orgánica a esa carne doente.

Esa é unha opción. A outra é lembrar con morriña que o logro máis visible do finado goberno bipartito foi mudarnos o horizonte, acoutárnolo con xigantescos muíños de vento. Privatizárnolo? Talvez.

]]>