alienación – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Compradores http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/23/compradores/ Tue, 23 Jun 2009 11:34:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=448 Atención ao mercado. A súa voracidade coñecémola en todo o mundo, aínda que se sofre máis nuns lugares ca noutros. Cousas do famoso desenvolvemento desigual, ou dos desequilibrios do sistema mundo, ou do imperialismo, ou da pouco equitativa construción do Imperio. Tanto ten a nomenclatura; o importante son os efectos e as súas causas. Xa os vellos mestres falaron da necesidade que o Capitalismo ten de expandirse, de se articular no tempo pero tamén no espazo, de modelar as súas propias xeografías e ao tempo derrogar todas as cartografías, de ocupalo todo. Terra, mar e aire, corpos e mentes, a vida enteira. Substituír o Universo. Ora, o que naceu nun Big Bang pode terminar nun Big Crunch. Da expansión á contracción, e con colapso final.

A globalización foi cantada coma un paso definitivo en dirección ao maior benestar, a un mundo mellor para todos, en masculino sempre. A face brillante do capitalismo. A esquerda europea de tradición socialdemócrata desfíxose en loanzas e agora busca as súas referencias nun mundo que se negou a coñecer por observación e análise. Non comprenderon nunca que a súa existencia era funcional á necesidade de desviar a pulsión transformadora do proletariado. Son o primeiro nivel do dique de contención da conciencia. Agora queren buscar razóns e non saben onde mirar. O capitalismo pode sobrevivir sen eles, non os precisa, pode mesmo prescindir de nós. Non hai maior pureza ca a da produción continua sen necesidade de intervención operaria; o ser humano ideal será aquel que dedica a súa vida a consumir. A eterna expansión do consumo.

Coma no caso da física, observamos o mundo dos nosos días e trazamos hipóteses, tantas veces máis fascinantes ca os universos descritos pola mellor ficción científica. A crise económica destes tempos non é a que ocasiona as condicións máis inhumanas do sistema capitalista, máis ben ao contrario, pero contribúe a desvelar algunhas delas. Aínda que os medios de produción simbólica traballen con eficacia e convertan en necesidade humana o que non é máis ca necesidade de supervivencia dun sistema baseado na explotación e na despersonalización total. E na expropiación de todas as capacidades sociais das persoas. O fetichismo da mercadoría, consumir por consumir na necesidade de continuar alimentando a engrenaxe, a confusión interesada entre o valor de uso e o valor de cambio. Entre o necesario e o accesorio.

Os noticieiros, as primeiras páxinas dos xornais, as televisións, as radios e mesmo a internet non paran de nos cercar coas necesidades de consumir. Se non se venden coches, haberá parados e pobres; se non se ocupan hoteis, haberá despidos, parados e pobres; se non se compra o que sexa, haberá peches, parados e pobres. E así ata o absurdo. Ao final, en todos os sectores haberá parados e pobres e entón daquela xa ninguén poderá comprar nada absolutamente. A contracción definitiva do valor de uso e o valor de cambio. O Big Crunch.

É verdade que entre o necesario e o accesorio media demasiada subxectividade. O que para unhas persoas é accesorio, para outras é imprescindible e viceversa. Pero ten que haber un sentido común social que axude a facer os deslindes. A acumulación non é aceptable cando implica explotación e unha desigualdade abismal. Porque nese caso o necesario é a base material que asegure unha vida en condicións de dignidade. E iso o capitalismo non é capaz de ofrecelo nunca.

A cidadanía foi un soño da Revolución Francesa. Pero seguiu e segue habendo súbditos. Hoxe é o consumo a fronteira que separa o cidadán do excluído. Os dereitos sociais e políticos foron habilmente substituídos polo dereito á hipoteca e á adquisición da mercadoría material e inmaterial. Claro que esta nova cidadanía capitalista ten as súas contrapartidas. Talvez a máis evidente, a entrega eterna ao traballo asalariado en condicións cada vez máis abusivas. Co visto e prace de todos. Outras, menos evidentes, teñen máis que ver con novas formas de alienación, coa non-vida, cunha existencia en diferido, sen cartografías nin proxectos. A cambio, sempre podemos comprar reality shows ou facer que os Sims vivan por nós.

]]>