Alfonso Sastre – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Saramago http://antondobao.blogaliza.org/2010/06/22/saramago/ Tue, 22 Jun 2010 10:49:01 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=680 Non era un escritor galego, non. Era portugués. Un dos grandes escritores portugueses, sen dúbida. Un autor importante. Os tópicos non sempre nos aproximan as figuras que ousan invadir. Máis ben ao contrario.

Saramago morreu hai uns días. Morreu o home, pero non o escritor. Ás veces, dá a sensación de que a desaparición da persoa é boa para a súa literatura, aínda que dea bastante rubor dicilo. Porque a necesaria autonomía do texto sobrevive mellor canto menor é a interferencia da figura pública que o orixina. Cando un escritor opta por desaparecer definitivamente da vida pública non o fai por extravagancia, senón por un respecto supremo á autonomía do texto literario. Coa desaparición física da persoa de José Saramago talvez os valores da súa literatura, pasado o rebumbio, adquiran en por si a dimensión que merecen.

Saramago como persoa foi tan controvertido como calquera outro ser humano. Emporiso, nos seus últimos anos, a partir talvez da concesión do Premio Nobel, a súa dimensión pública estivo moi condicionada por unha especial relación, imaxino que simbiótica, co grupo mediático PRISA. Inxusto sería non lle recoñecer ao autor portugués algunhas posicións que dignamente mantivo ata o final dos seus días: unha defensa orgulloso da súa condición de comunista, en tempos en que a simple mención da fantasma ocasiona quintais de desprezo, e a súa presenza xenerosa en cada lugar ao que a súa conciencia considerou necesario acudir. Noutros ámbitos, porén, cumpriu sobradamente coas expectativas que as súas relacións mediáticas esixían del: a súa famosa ‘ruptura’ coa Revolución Cubana e, sobre todo, unha incapacidade asombrosa para comprender sequera superficialmente parte da realidade do chamado conflito vasco. Será difícil esquecer unha das últimas anotacións do seu blog, aquela mesquiña nota de desprezo contra Alfonso Sastre, cuxo único delito era ser cabeza de cartel de Iniciativa Internacionalista. Nesas dimensións, talvez condicionadas polo universo simbólico instrumental ao grupo mediático PRISA, o Saramago escritor e a súa obra foron infinitamente superiores ao Saramago personaxe público.

Pero ao final o que queda é a súa obra e unha memoria das cousas en que nos sentimos próximos. Non neguemos que o ataque de ira sarnosa co que o Vaticano despide a figura do escritor portugués na hora da súa desaparición física contribúe a ofrecernos un reencontro co odiado intelectual. O seu ateísmo sen complexos, a súa afouteza para denunciar e combater as cadeas da relixión, o seu constante apego ao material, o seu marxismo, o peor dos pecados denunciados polo intelectual orgánico de L’Osservatore Romano, e o seu íntimo, intelectual e emocional apego ás necesidades dos desposuídos reconcíliannos cunha figura que nos últimos anos se nos ía facendo distante.

Seguiremos lendo Saramago. E admiraremos o mellor da súa dimensión humana, aínda que para iso teñamos que minimizar as súas servidumes e certas posicións coas que nunca concordaremos.

]]>
De Saramago a Sastre, a verdade http://antondobao.blogaliza.org/2009/07/01/de-saramago-a-sastre-a-verdade/ Wed, 01 Jul 2009 12:21:02 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=456 En tempos en que o traballo material e o inmaterial esvaecen as súas vellas e ríxidas fronteiras é moi complicado saber con exactitude qué é un intelectual. Porque se intelectual é todo aquel ou aquela cuxa principal ferramenta de traballo ten que ver co cerebro, coa facultade da linguaxe, coa comunicación e con capacidades cognitivas, de cooperación e de relación, teriamos que concluír que o proletariado contemporáneo está maioritariamente composto por intelectuais. E talvez así sexa. E bo é. Só ao proletariado lle convirá superar a división do traballo.

Hai quen defende que o traballo intelectual é en realidade o resultado de procesos de creación colectiva, que non hai xenios especiais con capacidades creativas moi superiores ao común dos mortais. É probable que o sistema, cos seus pesados condicionantes para a formación, o nivel cultural e o tempo de lecer non dedicado á supervivencia ligada ao traballo asalariado, sexa un impedimento para que todos os seres humanos poidan desenvolver en igualdade de condicións toda caste de facultades creativas.

Coincido con estas posicións. Todos os seres humanos temos capacidades creativas e por tanto deberamos contar coas mesmas oportunidades para desenvolvelas en plena liberdade. Para iso é imprescindible un cambio radical de paradigma económico, social e cultural. Porén, no mundo en que vivimos, condicionado polas leis do mercado e pola conversión de todos os produtos elaborados pola man ou o cerebro humano en mercadoría con valor de cambio, é doado que o intelectual e os artistas adquiran superiores dimensións sociais. Simbólicas, fundamentalmente, porque no imperio do individualismo radical é o individuo investido de éxito o que reina. Ou sexa, non interesa tanto amosar a obra como expoñer o individuo como símbolo doutra forma de triunfo. O éxito non liga tanto coas propostas, coas reflexións ou coas creacións dese individuo, sempre realizadas con material do común, como coa imaxe de triunfo e superioridade. Desigualdade, por tanto. O sistema e os seus medios de produción simbólica preferirán o dictame do mercado.

Moito ten debatido a esquerda o labor do intelectual na transformación do mundo. A discusión foi tan intensa que chegou a producir mitos e desviacións inconvenientes. A sobrecarga de responsabilidades no lombo de intelectuais, escritores e artistas non só contribuíu a distanciar a necesidade de superar as divisións do traballo, senón que axudou a desfigurar a verdadeira responsabilidade destes, que é cumprir cos seus propios cometidos. O verdadeiro compromiso do escritor é a súa obra, din desde hai anos escritores que asumen un compromiso inesgotable. A autonomía do feito literario, que dirían os teóricos.

Desde unha posición de esquerda, ninguén lle pode esixir a un intelectual, a un artista ou a un escritor máis responsabilidade da que lle demanda a súa obra. Mais cando un cidadán asume (e nalgúns casos explota) unha dimensión pública da súa figura, mesmo como mercadoría simbólica, está obrigado a demostrar certo rigor nas súas intervencións públicas, un gramo de intelixencia e, por riba de calquera outra cousa, capacidade para ler na realidade máis aló das aparencias e das liñas do sentido común, a doxa, do sistema. Sobre todo, cando ese intelectual alicerza parte do seu capital simbólico na súa identificación con posicións progresistas e presume de compromiso. Ou comercia con el.

José Saramago é un deses intelectuais de compromiso asumido. Un compromiso aparellado (ou talvez non, non o sei con certeza) á súa aposta pola acumulación de capital simbólico e pola participación no mercado cultural. Sen poñer en dúbida o seu valor literario, a sinceridade dos seus compromisos nin a funcionalidade destes aos seus intereses mercantís, é salientable o seu desprezo polo rigor cando decide xulgar no seu blog a outro intelectual, o dramaturgo Alfonso Sastre. Saramago recoñece que non o coñece máis que dun encontro breve e superficial, hai máis de trinta anos, aínda que, iso si, coa súa agudeza de observador xa soubo decatarse do seu carácter áspero, duro, nada compracente. Pero xúlgao, e ao xulgalo non se aparta unha liña do ordenado pola doxa do sistema, reproduce as mesmas falsidades e idénticos preconceptos, e, por suposto, evita acudir ás fontes, ou sexa, ás palabras escritas por Sastre. Non lle importa correr o risco de enzoufarse na glosa dunha lectura falsa, mentireira, dun texto do dramaturgo madrileño.

Claro que Saramago ten dereito a militar en posicións políticas antagónicas ás de Alfonso Sastre. Mesmo posúe o dereito de lelo mal ou de non saber interpretar as súas palabras. Pero non cadra ben nun intelectual que presume de compromiso cos valores da esquerda demostrar pouca intelixencia, reproducir como un altofalante mecánico as falsidades, amosarse incapaz de ler máis aló da realidade aparente ou mentir por considerar que os seus lectores precisan do engano antes que do abaneo crítico. Porque daquela o intelectual convértese nunha decorativa correa de transmisión das necesidades materiais e simbólicas dun sistema de explotación, dominio e control e dun réxime que nega, entre outras cousas, todo dereito a decidir.

E niso, coma noutras cousas, Saramago pérdese.

]]>
Candidatos de mérito http://antondobao.blogaliza.org/2009/06/03/candidatos-de-merito/ Wed, 03 Jun 2009 19:32:13 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=332 O desenvolvemento da campaña electoral presente non dista moito do sucedido en todas as anteriores. A candidatura de Iniciativa Internacionalista non ía estrearse en condicións diferentes. Sorte tivo, pensarán algúns, de non ser prohibida e de atopar un sitio para esparexer as súas proclamas incendiarias: o dereito a decidir e a crítica ao capitalismo. Así de simple, así de grave.

A práctica inspirada na doutrina Aznar dá sempre os seus froitos. Desta volta, foi Rubalcaba pluma ilustre da máis fermosa poesía social: ou se está cos votos, ou se está coas bombas. Non se sabe se tería por inspiración a Javier Solana, a Felipe González ou a Toni Blair. Ou a ámbolos tres, como dixera hai anos unha xornalista da Radio Galega ao informar sobre a toma de posesión de tres Conselleiros de Coalición Galega naquel famoso goberno de González Laxe. Eu téñoo claro; estou cos votos. Non me gusta que me priven dese dereito aínda sendo un impenitente pecador por entender que a democracia reducida a ese exercicio é unha caste de simulacro totalitario. Teimas miñas. En calquera democracia real, Rubalcaba estaría fóra da actividade política despois de o Tribunal Constitucional sentenciar que todo o proceso ese dos votos contra as bombas (ou as bombas contra os votos) non viña moi ó dereito. A democracia tería estas cousas. Dereito de revogación? Iso soa a programa da Comuna. Ou sexa, terrorismo.

Ó final, a candidatura do ruín Alfonso Sastre, en palabras dunha novelista española que se cadra nunca leu La mordaza, pode concorrer ás Eleccións ó Parlamento Europeo en teórica igualdade de oportunidades co resto das candidaturas presentadas. Pero o proceso iniciado coa impugnación da candidatura tivo o seu éxito. No estado español, sobre todo a partir da doutrina Aznar (todos somos terroristas mentres non se demostre o contrario), a acusación implica culpa. Non sempre, iso non; só no caso de organizacións, de grupos, de persoas que se xuntan para transformar algún anaco de realidade. As persoas serán seguramente inocentes, pero ó se xuntaren e determinaren actuar politicamente xeran un instrumento que por principio é reo de todos os crimes e, por tanto, suprimible. Ben mediante a prohibición, ben mediante a súa non existencia na realidade contada e transmitida, recreada.

X. L. Méndez Ferrín achega o seu extenso historial político á candidatura que encabeza o ruín Sastre. Pode achegar tamén o seu valor literario, porque o ser humano non debe escindirse, pero non é o caso. Ocorre igual con Sastre. Ferrín achega, cos outros integrantes da candidatura, as arelas de emancipación dunha parte dos galegos e galegas que non lles temen aos soños, ao futuro nin aos desexos. Unha parte pequena, é certo, pero non por iso irrelevante nin menos importante.

Marta Rivera e Xosé Luís Franco Grande coincidiron estes días, curiosamente, ou non, en disparar contra o candidato Ferrín. Probablemente a novelista e o espantallo tráxico están de acordo en máis do que parece. É posible que, entre outras cousas, no desprezo, expresado con modos semellantes, polo que Ferrín poida representar politicamente. Ambas as (dúas, neste caso) intervencións son viscerais e achegan unha carga de necidade que nunca é conveniente no debate político, literario ou cultural. En calquera caso, ambas as persoas teñen dereito a opinar o que desexen acerca de Ferrín, de Piñeiro, de Sastre, da esquerda, do nacionalismo ou da saia da Carolina sen que o Universo deixe de expandirse ou contraerse ou permanecer arrebolado nunha éxtase celestial.

Defender a Ferrín destas dúas xoias literarias e xornalísticas sería tan absurdo como innecesario. Non é cousa de perder o tempo en tales asuntos banais habendo, por exemplo, tan boa literatura por ler, como tal a do propio Ferrín, que a novelista talvez non coñece. O importante será que o domingo á noite o candidato Sastre sexa proclamado, entre outros compañeiros de lista, Deputado no Parlamento Europeo. Será un honor para Europa. Como o é o candidato Ferrín e cada un dos compoñentes desa lista furunculosa chamada Iniciativa Internacionalista.

]]>