15 decembro 2009 ás 12.54 am
O sábado pasado, a Real Academia Galega, a entidade responsable de fixar a norma da lingua galega, acolleu a Manuel Rivas no seu foro. A Academia de Curros e de Murguía —por moito que certo sector do nacionalismo oficial a aborreza— incluíu entre os seus membros un extraordinario escritor, proseguindo coa tarefa de alimentarse cos nosos mellores talentos literarios. Unha angueira ata non hai moitos anos estritamente prohibida. Rivas achega, ademais, o seu compromiso cívico. É amplamente compartida a satisfacción ao vermos que a RAG se vai reconstruíndo aos poucos como unha entidade soberana. A lingua e as expresións culturais que a manexan, fundamentalmente a literatura, son os nosos espazos soberanos, independentes, ceibes. Non é estraño que tanto a Academia, se segue esta dirección, coma a literatura e a lingua sufran agresións nacidas de certas disfuncións do córtex prefrontal dalgúns mamíferos que viñeron a pousar os pés na terra por vía de creación. Que a RAG supere en poucos anos unha longa etapa de inanición, climatericamente admirada por algún rico editor de xornal decimonónico e non poucos dos seus caseiros, é síntoma de que a pesar dos ventos desfavorables entre nós sempre hai quen quere tamén navegar. A nación non é esencial senón unha construción humana de vontades colectivas. Ou sexa, posibilidade, sen máis. Que nos perdoen o pecado.
Estes días fálase de X. L. Méndez Ferrín como probable candidato a presidir a RAG. Máis palla seca para o lume do aborrecemento que lles entra ao fato de oficiais de varias bandas. Adiantouse en reacción un dos mestres da censura e a manipulación, como moi ben sabemos el e mais eu e algunhas outras persoas. E é alí, no recanto de acolá, onde trousa co pouco pudor que adoitan exhibir os ignorantes nas proximidades dos foros académicos. Ese papel co que se labran as actas dunha realidade creada antes de ser, duro coma unha lousa, envolve as preocupacións de tan arrebatado servo. Ao mellor, porque ninguén lle consultou ao seu patrón quen debe presidir a RAG. Igual porque neses ámbitos de soberanía —Academia, lingua, literatura, cultura— as súas homilías disólvense como faramuxas de cinsa no aire. E non por non seren estridentes e groseiras, que o son e ben, senón por ser o seu peso tan virtual coma a realidade que teiman, obtusos, en crear. Ao redactor, e supoñemos que ao seu patrón, dóelle a posibilidade de que Méndez Ferrín sexa o Presidente da RAG. Un indicio claro do acertada que sería tal elección. Tanto lle proe, que lle recomenda á superflua institución que seleccione mellor. Dígocho eu.
—A estupidez deste Luis Ventoso é digna dunha boa gargallada —dicíame a miña amiga Estrela, co dedo indicador marcando na tinta sucia do xornal. Tomabamos café na terraza dun bar de Compostela.
—E non será unha advertencia? Xa me entendes, esa maneira de actuar que ten a mafia e que tan querida lles é a estes —dixen eu para min, case, coma se reflexionase sobre o couso ese con forma de artigo xornalístico.
—Non, ho, non! Mira para aquí: “imaginación inabarcable, memoria wikipédica, elegante prosa de alta precisión”. Non o ves? Di cousas así de Borges. É que o rapaz é fato e xa está.
Estrela petaba co dediño no texto maxistral sen dar abandonado un sorriso algo cínico. E eu ía comprendendo as múltiples faces do asunto. Os fatos tamén advirten. De golpe, a miña amiga botou man ao seu abrigo de pano, colocouno por riba dos ombreiros e apertou forte a bufanda de listas ao redor do pescozo.
—Vamos para dentro, que xa está aí o frío siberiano.´

Etiquetas
Lingua,
literatura,
Manuel Rivas,
Real Academia Galega,
X. L. Méndez Ferrín
3 decembro 2009 ás 12.10 pm

Seica os artistas españois están dispostos ao que faga falta para terminar coa piratería. Como nos ataca aínda aos galegos a sombra deformada do Alakrana, cando escoitei a noticia pola mañá cediño na radio, pensei que os comprometidos e sufridos proletarios da arte se ofrecían ao esquerdista goberno de España para que os pesqueiros que vaian coller peixe polo mundo adiante leven embarcados músicos de talento en vez de homes armados. Sempre se dixo que a música amansa as feras. Ora, se un se deixa levar pola maldade filoxenética que se manifesta virulenta antes do almorzo e reconstrúe vellas imaxes infantís non evitará imaxinar malvados piratas somalís atados a cadeiras mentres sofren tortura obrigados a escoitar o repertorio completo dos artistas embarcados. Ao vivo.
Pero as aparencias enganan, e as percepcións; ao pouco, soubemos que os 2.500 artistas que se indignan coa piratería (canto artista ten España!) interpretaban un popurrí no que incluían os negros que venden discos enriba das mantas e sobre todo os diabólicos seres humanos de toda idade que despois de pagar canons, impostos e conexións de banda inmensa comparten cos amigos produtos elaborados con materia prima pola que ninguén paga canon de ningunha clase. Polo (ab)uso das palabras, de rimas ridículas e de notas musicais ninguén lle paga dereitos de autoría á sociedade. E esa actividade xera lucro, non a descarga de música, que, por certo, non está prohibida por ningunha lei. Disparan contra as descargas ilegais, pero non hai tal ilegalidade. Tan concienciados artistas manifestáronse, non podía ser doutra maneira, escoltados por propietarios da industria discográfica. Esíxenlle ao Goberno español medidas valentes e ousadas, como o ilegal (ese si!) corte de comunicacións de quen descargue unha canción. Valentes e comprometidos ata as últimas consecuencias. Nunca lles faltou afouteza.
Ser serán artistas, pero confúndeno todo. Ou non. Non comprenden o desenvolvemento das forzas produtivas nin das novas modalidades de intercambio non lucrativo. Como aínda poñéndolle cancelas ao mar a auga corre o mesmo, ningunha das valentes medidas que esixe este fato de reaccionarios deterá un proceso que está a transformar as relacións entre creadores e usuarios de cultura, os conceptos de valor de uso e valor de cambio e quen sabe se as propias relacións de produción, o mercado e o sistema. Se un fabricante de mobles non pode impedirme que lles deixe aos meus amigos sentar na cadeira que merquei, tampouco o van poder facer outros empresarios, por moito que pertenzan ao difuso mercado da cultura e o préstamo se multiplique por milleiros de persoas. Para estes artistas e empresarios, a cultura é mercado cando hai que consumila e cultura só cando hai que subvencionala.
Sexa como for, talvez algo de boa idea haxa nas propostas de Alejandro Sanz, Álvaro Urquijo, Ana Belén, Ana Torroja, Dani Martín, Loquillo, Pereza, Aute, Malú, La Oreja de Van Gog (estes non pagan canon nin dereitos de autor por desacreditar o nome do artista), Estopa, Manolo García, Antonio Carmona, Calamaro, Tamara, Conchita, Chenoa, David de María, Bunbury, Rosario e así deica dous mil e pico de artistas de primeira liña. A min non me van pillar nunha desas, pero o Goberno de España debería pensar na posibilidade de lle cortar a conexión a quen descargue algunha canción destes artistas.
Porque xa fai falta ter mal gusto.

Etiquetas
artistas,
descarga,
descargas ilegais,
forzas produtivas,
intercambio,
lucro,
música,
piratería
26 novembro 2009 ás 2.16 am

Rimar televisión con manipulación non queda demasiado brillante. Se analizamos todas as noticias dos medios de comunicación e as filtramos pola nosa percepción dos acontecementos, dos seus antecedentes e contextos, dos suxeitos participantes, chegaremos a conclusións divertidas. A primeira adiántoa eu: contar a realidade implica manipulala. Desde cando e quen decide o que se debe contar e o que non ata o propio proceso de elaboración, pasando pola posición que unha noticia ocupa nunha páxina dun xornal ou nun espazo informativo radiofónico ou televisivo. Falar, por tanto, de manipulación como marca de identidade dunha televisión (neste caso, que casualidade, pública) fronte aos outros medios vén a ser como non dicir nada. Haberá máis manipulación na TVG que na SER, na COPE, en Intereconomía, en VEO, en Tele5, en Antena3, en TVE, en La Voz de Galicia, El Progreso, El Correo Gallego, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Xornal de Galicia, El País e así deica o infinito? Rotundamente, non. O problema é que se faga digna de confianza a lenda urbana segundo a cal os medios públicos están sometidos á censura e á manipulación política mentres os privados responden a intereses de información e servizo á cidadanía e son garantía de liberdade.
A TVG leva 25 anos apegada a non poucas mensaxes críticas. Habendo múltiples aspectos dos nosos medios públicos profundamente mellorables, sorprende que toda preocupación recaia na información e na súa relación coas forzas parlamentarias. Instrumentalización a tres bandas. A obsesión dos funcionarios dos partidos non é a contribución dos nosos medios públicos aos procesos de normalización, a creación de universos simbólicos propios, a configuración dun audiovisual galego que mereza realmente tal nome. O que lles quita o sono é o cronómetro: cantos segundos de atención informativa merece cada partido ou en que medida están representados -eles e ninguén máis ca eles, é a perversión da representación- en diferentes zonas da programación. Pero a ninguén lle importa que a CRTVG reciba case un 8% menos de investimento público para o ano 2010.
Ninguén reflexiona sobre os medios de comunicación que necesitamos e para que os precisamos. Iso obrigaríanos a abandonar a consigna, tan doada como baleira, tan eficaz para socavar, palabra a palabra, o prestixio que os medios públicos precisan nunha batalla desigual cos medios privados e os seus intereses. Sobre todo cando os medios públicos son unha illa anómala en lingua galega rodeada por todas as partes por medios monolingües en castelán. A irresponsabilidade é compartida. Non sería mala cousa saber que rumbo leva o barco que tanto precisamos para non afogar no medio dun océano hostil e alleante, tan imprescindible para a lingua e a cultura de Galicia coma o osíxeno para os nosos pulmóns. O barco, quero dicir.
A reformulación necesaria dos medios públicos de Galicia pasa por un compromiso co seu futuro plasmado, en primeiro lugar, nun novo Consello de Administración non ocupado polas burocracias partidistas nin polo capital privado das produtoras audiovisuais, senón por sectores diversos da sociedade non condicionados por intereses de lucro nin de hexemonía partidaria. Unha nova concepción das audiencias televisivas tería que iluminar esta reformulación. Cómpre acabar coa imaxe falsa dunha audiencia monolítica e uniforme manexada polos intereses das axencias publicitarias, aos que se somete todo o mundo. Cómpre abrirlle a porta á multiplicidade de audiencias potenciais, con gustos e intereses diferentes, que merecen igual atención dunha televisión pública.
Encetemos o debate con xenerosidade e coa intención de posuírmos uns medios públicos ao servizo dunha lingua e dunha cultura, que estean en mans da sociedade. Seguirá habendo diferenzas de criterio no tocante ás informacións, porque a comunicación de masas crea a realidade, non a reflicte. O importante será determinar que realidade desexamos que os nosos medios públicos contribúan a crear. En todos os seus espazos, non só no reducido, endogámico, sobrevalorado e sectario ámbito da información.
As tres forzas parlamentarias deberan dar o primeiro paso. Pero non creo que o fagan.
Etiquetas
audiovisual,
censura,
información,
manipulación,
medios de comunicación,
normalización,
televisión,
TVG
20 novembro 2009 ás 12.16 pm
A Xustiza española non para de nos dar pé a manternos na tradición galega de observala con prevención e distancia. A lingua vén a ser desta volta a cerna de dúas resolucións xudiciais tan contraditorias como incompatibles. É posible tal cousa nun mesmo sistema xurídico con idénticos aparellos encargados de ditar sentenzas baseadas en idénticas leis? Pois é.
As dúas sentenzas son de sobras coñecidas. Unha, a do maxistrado de Alcorcón que lle denega a unha nai galega o dereito (inalienable ou non?) de escoller o seu lugar de residencia por culpa da imposición no ensino dunha lingua claramente inútil, o cal redundará nun menoscabo da educación, dos coñecementos e da saúde mental dos pequenos, abocados tamén á absoluta inutilidade. A outra, a do Tribunal Supremo, que por unha vez recoñece o obvio: a responsabilidade do ensino obrigatorio é do Estado, tanto no tocante ás materias coma ás linguas vehiculares. É dicir, os pais non teñen dereito a impedir que os seus fillos sexan escolarizados na lingua propia do territorio, por moi irresponsables que sexan. Profesaren pouco amor polo desenvolvemento intelectual dos seus descendentes non é unha causa obxectiva. Chegados aquí, a ver quen ousa discernir se é máis irresponsable atentar contra a saúde física dos fillos ou atentar contra o seu desenvolvemento intelectual. Por que a Xunta intervén para evitar a deterioración dun menor con obesidade mórbida e por contra favorece a deterioración intelectual, cognitiva e psicolóxica á que certos pais sectarios someten aos seus fillos co adaxo de se consideraren donos de decidir o que deben coñecer e o que teñen que estar obrigados a ignorar? Misterios dos nosos tempos.
O antagonismo das dúas resolucións non desvela tanto as regañas do aparello xurídico español como a tradición da súa maxistratura. Talvez hai unha mala interpretación do concepto de independencia xudicial. E talvez, digo só talvez, parte importante da xudicatura é herdeira directa do franquismo, como tantas outras instancias non depuradas na restauración monárquica. E hai herdanzas que pesan o demo.
Que os xuíces prexulguen é o peor que lle pode pasar á xustiza. E vai e resulta que hai un bo feixe de maxistrados que prexulgan, sexa cando se asombran ante linguas inútiles, sexa cando deciden que o mellor lugar para certas actividades políticas desafectas é o cárcere. Ao mellor, cando a maxistratura estea sometida ao control popular e dependa do sufraxio universal poderemos falar dunha Xustiza democrática. Mentres, notamos máis simulacro que verdade. E iso implica que as resolucións poden ser tan razoables coma a do Tribunal Supremo ou tan disparatadas coma a do Xuíz de Alcorcón. E así non hai quen se remexa.

Etiquetas
Lingua,
Xustiza
17 novembro 2009 ás 2.03 pm

Esqueceulles a todos preguntarlle esoutro día ao Voceiro da Conferencia Episcopal Española, Juan Antonio Martínez Camino, apenas dúas cousiñas tan simples como importantes. A primeira, arredor do pecado. Avisou o xesuíta: pecado mortal público para quen apoie, vote, promova, defenda e respecte a nova lei de interrupción voluntaria do embarazo que os lexisladores impulsarán. E a vella? O caso é que a ninguén lle debeu interesar preguntarlle ao voceiro que consecuencias terá o pecado mortal para crentes e non crentes. Estamos todas e todos sometidos ao pecado e aos seus castigos ou a pena só lles afecta aos católicos? Non é o mesmo non poder comungar sen antes confesar o mal que un irremisible destino ao lume eterno no inferno. Pena que Martínez Camino non precisase algo máis a condena.
A segunda pregunta que quedou no aire tiña que ver coa herexía. Recoñezo que é fascinante o asunto. A quen non lle apetece ser un pouco herexe? Eu imaxino que cometer herexía en estado de pecado mortal público ten que ser terrible; non hai mente humana que dea imaxinado a dureza e a dimensión do castigo eterno que merece tal falcatruada. Un subidón, vaia. E mais ninguén ousou preguntarlle a Martínez Camino se a herexía terá algún castigo previo, ou sexa, se hai que pasar por purificación antes da condena a un inferno infinitamente máis cruel ca o que merecerá calquera pecador normal e corrente. Talvez, a mesma pregunta en si podería ser obxecto de castigo eterno tamén, e iso mételle a calquera o medo no corpo, non que non. Pero a min asáltame a dúbida: será a fogueira un bo remedio contra a herexía ou será mellor unha limpa decapitación? Como ambas as formas de purificación fan parte do acervo histórico da Igrexa Católica, igual aínda lles rebolen pola cabeza, quen o sabe. As súas circunvolucións cerebrais son inescrutables. Eu intúo que se hai castigo en vida por obra de fogueira ou machada, non será preciso inferno diferente ao ordinario.
Foi unha pena que ninguén lle preguntase nada disto a Monseñor (será Monseñor?) Martínez Camino. Hai máis asuntos por aclarar, pero necesario é recoñecer que son menores. Verbigracia, se converterse en obxector de conciencia xa exime ao valente médico, enfermeiro, deputado ou varrendeiro de confesar os seus futuros pecados, é dicir, se tan heroico acto funcionará coma se fose unha bula correctamente adquirida e pagada. Ou sexa, se, por un casual, caen en pederastia, explotación, malos tratos con ou sen asasinato ou defensa da pena de morte, estarán libres de pecado ulterior por teren obxectado unha ou mil veces contra o vicio feminino de abortar.
Se for así, benaventurados os obxectores, porque eles verán a Deus de todas todas.

Etiquetas
aborto,
herexía,
Igrexa Católica,
inferno,
pecado