Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Abril 13th, 2009 at 1.51 a.m.

Un ser superior para tempos de crise

Coma Felipe González, que marchaba sen deixarse ir, Florentino Pérez escapou un día da presidencia do Real Madrid e deixou moitos orfos ao redor dos palcos do Santiago Bernabeu. O fútbol é demasiado complexo e impredicible, non ten a lóxica do tráfico de influencias nin dos negocios nin da obra pública; sempre hai algún burato polo que escorre un soño. Nada lles escapa ás leis do azar nin ao feito de que nun xogo de once en equipo non é posible triunfar con individuos con máis talento nos pés que na cabeza e desconectados do colectivo. Ao cabo, o fútbol reproduce procesos sociais. Talvez por iso ofrece a súa dimensión identitaria e non para case nunca de cativarnos. Se cadra por iso é tamén campo de ensaios e de observación.

Felipe González marchou brevemente para regresar por aclamación co cadáver de Marx debaixo do brazo. O PSOE non precisaba matar a Marx para executar as feroces políticas que caracterizaron o Felipismo, mais era preciso o simulacro, a representación. Felipe esixíao: ou todo ou quedades orfos de min. Algo parecido tivo que pensar Florentino Pérez cando decidiu un día triste anunciar atribulado que abandonaba o Real Madrid: marcho, pero sigo a observalo todo e regresarei aclamado porque son a antítese do caos.

E velaí que vén a parousía. Desde hai algo de tempo, a información deportiva e a xeral, veña de Madrid ou da Coruña, esténdenos na mesa o catálogo de artigos que o Ser Superior ofrece a prezo de incalculable orgullo e traerá na súa segunda chegada ao trono branco da sociedade que mellor representa a idea dunha España grande. Tal mercado non admite miudallas. Ninguén ousará violentar o sentido común lembrando, por exemplo, que durante o período en que foi Presidente do Real Madrid Florentino Pérez multiplicou o seu patrimonio persoal por 11. Que para enxugar unha débeda escandalosa do club da españolía se recualificasen terreos e se procedese con fachenda ao exercicio do denominado pelotazo, non só non constitúe demérito senón o sinal definitivo da capacidade de xestión de Florentino. O palco do Santiago Bernabeu foi durante o seu reinado un degorado local de importantes negocios. Ou sexa, o noso personaxe sabe moi ben o que é crear riqueza. Diso da fe a unanimidade de políticos, xornalistas, empresarios, banqueiros, construtores e sindicalistas, todos eles egrexios ocupantes do famoso palco. Nese período, ACS, a empresa que preside Florentino Pérez, tamén quintuplicou os seus activos. Polo menos.

Ou sexa, Florentino é un choiazo. Sábeo mesmo aquel ao que se lle ocorreu asar a manteiga. Desde PRISA ata as empresas de Pedro J. Ramírez (con El Mundo e Marca á cabeza) pasando por algún columnista de Público para quen o señor Pérez é un exemplo de actuación ética e de xestión e resultados brillantes. Todos apuntan na mesma dirección. Para a España que o Real Madrid representa, importa Florentino Pérez, o home elixido, o infalible, o que sabe manexar as institucións en crise, o que disolve o caos, o que regala felicidade.

O mundo vive tempos de crise. Seica o capitalismo está en proceso de ser refundado, e ben, e así virán novas maneiras de dirixir os destinos colectivos da humanidade. Italia adiantouse xa ao seu tempo por tres veces, e Berlusconi recuncou e recuncou para maior felicidade (e sentido do humor) de italianos e italianas. Hai tempo que o empresario decidiu coidar dos seus negocios coas súas mans e non con gobernantes interpostos. A que espera España, logo, para coroar a Florentino Pérez? O interés general ben o merece. Alguén con tanta sabedoría para os negocios, con ese extraordinario don de regalar felicidade dominical aos pobres e riqueza e poder aos ricos é o retrato exacto do gobernante ideal, o filósofo platónico contemporáneo. Un ser superior para tempos de crise. O político que esta época merece.

Etiquetas: , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Abril 2009
    M T W T F S S
        Mai »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    27282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN