Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Abril 10th, 2011 at 1.36 a.m.

SINBAD

Esta suspensión temporal que anunciaba hai uns días é en realidade unha mudanza de orientación momentánea. É voluntaria, por suposto.

Hai unha importante, e feliz, razón persoal que me impedirá durante certo tempo elaborar anotacións, posts ou artigos (como sexa que teñan que chamarse) que requiran un esforzo máis ou menos intenso. Cando é persoal e feliz a razón, non é preciso desvelala.

E hai tamén unha importante, e espero que feliz, razón non estritamente persoal senón máis ben profesional e creativa. E esta si que merece ser desvelada. A partir do mes de maio comezaremos a rodaxe dunha nova película. Chamarase Sinbad, e será unha adaptación moi libre e persoal da novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás illas…

Sinbad empezou xa a rolar hai algún tempo. É unha criatura delicada que require todas as atencións e moito tempo, ademais do traballo de moitísimas persoas dun talento e dunha capacidade moi importantes.

O mellor dunha película é vela e conservala na memoria. Para os que temos a sorte de participar na súa elaboración, o mellor empeza xa na primeira versión do guión e continúa na rodaxe. En todo o proceso faise patente a forza rexa que posúe o traballo colectivo no que cada persoa é imprescindible porque o importante é o común. É unha mostra evidente da potencialidade do traballo cooperativo, no que importa o produto e non o lucro que del se tire.

A película é unha coprodución da TVG e de Ficción Producciones. Con ela intentaremos, entre outras cousas, contribuír a celebrar o centenario de Álvaro Cunqueiro.

Quen queira irse informando máis polo miúdo dos aconteceres ligados con esta produción, poderá ir visitando esta páxina que se acaba de abrir en Facebook. Durante toda esta temporada, xa que non terei moito vagar para manter esta República da Multitude como ata o de agora, irei engadindo de cando en cando notas sobre calquera cuestión que me pareza interesante. Non terán periodicidade nin regularidade. Se vos achegades por aquí de cando en cando, estarei encantado de seguir conversando convosco.

Para principiar, déixovos o cartel da película, deseñado polo artista David Rubín.

E comezamos viaxe cara ás Illas Cotovías.

Etiquetas:
-

Comments are closed.

  • Abril 2011
    M T W T F S S
    « Mar   Mar »
     123
    45678910
    11121314151617
    18192021222324
    252627282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN