Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Novembro 17th, 2010 at 3.09 p.m.

Masacre e responsabilidade

Non hai moitos días, mentres as forzas armadas e policiais de Marrocos masacraban saharauis ao seu antollo, a ministra de Exteriores do Reino de España andaba por Bolivia. Non é que a boa da muller apañase medo por mor das trazas que collían os acontecementos e lle dese por escapar a territorio andino, canto máis lonxe dos paus mellor. A viaxe debía estar xa prevista con certa antecedencia. Así de transcendente era a súa axenda. Trinidad Jiménez, un dos sorrisos máis liviáns do goberno de Rodríguez Zapatero, foi aló e pasou o traballo de tratar con Evo Morales asuntos de prioritaria importancia para os súbditos do Reino de España: a garantía que o Estado Boliviano debe ofrecer aos intereses de expolio de empresas españolas como BBVA, Repsol, Abertis, Santillana ou Red Eléctrica. A ver se aos indíxenas eses lles vai dar por meter atrancos ideolóxicos ás lexítimas aspiracións de tan altruístas organizacións dirixidas por filántropos. Velaí o sentido común do interese xeral.

No Sáhara ocupado, entrementres, crecía a ignominia. O goberno español necesita tempo para comprender o que sucede. Trinidad aproveita, sempre atenta á actualidade, e pídelles a ambas as partes, ou sexa, á tiranía e ao poboo despoxado, contención e moderación. Sentidiño, vaia, que é o que lles sobra aos socialdemócratas liberais, sempre tan ecuánimes e equidistantes. Como Rubalcaba. En conferencia de prensa ou en conversa privada co Ministro de Exteriores de Marrocos. Equidistante e equilibrado, non lle esixiu ao Reino de Marrocos que elixa se está coas bombas, as armas e a violencia ou se se pon a carón dos votos. Un referendo de autodeterminación, por exemplo. No fondo, Rubalcaba é un home entregado á tenrura. Coma Jáuregui, outro ministro, ao nos explicar o superflua que sería unha Lei de Liberdade Relixiosa aos anticlericais e laicistas radicais asaltadores de conventos como nos anos trinta. Lede, ignorantes. Ben di Eduardo Mendoza.

Rodríguez Zapatero, mentres acode a recibir ordes dos donos do mundo, tira de talante para tranquilizar súbditos de Xoán Carlos de España e Mohamed de Marrocos: o goberno de España actúa con responsabilidade. En argot socialdemócrata, responsabilidade significa indecencia, cinismo e falta de vergonza. Complicidade. O propio goberno de España ofrécenos a súa tenrura compasiva ao lamentar a violencia. Non o masacre de saharauis. Que dura décadas. Trinta e cinco anos. Non: a violencia, o cal vén a ser o mesmo que lamentar a chuvia, o vento ou o frío. Tan sentido lamento enche de ondas as dunas do deserto. Non lle parece conveniente esixir que Marrocos retire as poutas cheas de sangue da terra roubada. O goberno de España non condena, non se distancia, non para de lles vender armas aos asaltadores, non se enfronta ás súas violacións de toda caste. Ao contrario, a candidez estudada dos ministros e ministras españois tamén nos ofrece visión equilibrada. Rubalcaba, o inflexible Ministro do Interior, ábrelles o seu xeneroso corazón ás delirantes escusas marroquís con cheiro a argumentos. Os paus e as pedras sempre foron armas de destrución masiva. González Sinde, a Duquesa do Canon, esixe silencio: non opine quen non sexa experto. A verdade da representación feita verbo. Que calen os comúns e falen os expertos. Silencio. A cultura do debate.

Fáltame Solana. Onde anda Solana? Supoño que sen xulgar polos crimes descargados en acios sobre Iugoslavia. A Wikipedia di que dispensa aulas en ESADE. Forma en Liderado e Gobernanza Democrática dirixentes do futuro. Un gran teórico, don Javier, o Marqués do Uranio Empobrecido.

A traxedia do pobo saharaui vomita toda a indignidade da socialdemocracia liberal contemporánea. Arrogantes fronte aos pobres; submisos ante os poderosos. Se iso é esquerda, mellor será que a esquerda real se refunde noutras coordenadas. Nestas, cheira demasiado a podre.

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.

  • Novembro 2010
    M T W T F S S
    « Out   Dec »
    1234567
    891011121314
    15161718192021
    22232425262728
    2930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN