Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Setembro 27th, 2010 at 2.02 p.m.

Folga Xeral

Non xa a reforma. Reforma da reforma. Reformar é recuar. Chicago revirado. Oito por oito por oito, traballo, lecer e sono. O día ten outra división. A xornada laboral invádeo todo. Non pola reforma. Reformar é perder. Perdemos sempre. A vida convertida nun salario indigno. Un salario adecuado á era crítica. Nada de cidadáns; consumidores. Consumidas. A lei da relatividade empresarial. Cantas horas son oito horas de xornada? A competitividade. Os dereitos escindidos. Escribir a existencia nas marxes de sobres pechados con cuspe. Con letra pequena e moi escura. Existe a existencia? Existe a non vida. Mans picadas. Buratos negros entre os dedos. Cemento. Eccemas. Agora tomo o sol, pero até agora. Roupa vella para os domingos. Frío e humidade. Durmir, durmir nun tren que só circula de noite. A flexibilidade é a entrega sen condicións. Polo teu ben. Mira como corre. A dimensión descoñecida da plusvalía. O incremento da taxa de ganancia. A banca sempre gaña. A forza de traballo sempre perde. A política para os políticos. Sexamos intelixentes: non nos metamos en política. A economía decídese no FMI e no Banco Central. Se a sometemos ao sufraxio universal non será economía. O capital relixioso. Relixión contra razón. As cousas son como son porque son así e non poden ser doutra maneira. Para que haxa riqueza ten que haber pobres. O ben común é unha conta de resultados. O lucro é a máscara groseira e obscena da pobreza. Mediante o sufrimento, á pureza. Resignación. Non te apures. Importa o interese xeral. Ou sexa, o das corporacións privadas. Grandes e pequenas e medianas. Sen moita distinción. Galegas ou non galegas. Sen distinción. Amancio Ortega e Emilio Botín xogan ao golf coa crise. Afogar. Levamos séculos en crise. Somos crise. Sexamos realistas, esixamos a catarse.

A lóxica da fragmentación. Todos separados. Todas separadas. Irrecoñecibles. A derrota do traballo. A fábrica social é difusa pero violenta. A violencia invisible. O odio aos iguais de aparencia non sempre idéntica. A reverencia aos poderosos. Identidade bombardeada. Eu non son traballador; son autónomo, son profesional, son calquera cousa, ama de casa mesmo. A alienación. Princesa del pueblo, oxímoro. Mercar cadeas enferruxadas a prezo de ouro. Paraíso localízase entre Tele 5 e Cuatro, pasando por Antena 3. Os empresarios queren salvar para si a TVG. O negocio do cinismo. Indignidade da representación capitalista. Sombras sobre covas frías. Eles deciden e nós observamos. A democracia consiste en que outros debatan. A lei de partidos. A sociedade do espectáculo. A privatización do mundo. A farsa do dereito ao traballo sobre a traxedia das condicións infames. A vida completa sometida a un salario ridículo. A hipoteca como pacto de renovación automática. Submisión, dominio e control. Escravitude. Impostos indirectos. Liberalización. Persecución da linguaxe. Da lingua. A cultura na distancia. Inalcanzable. A ciencia para os que posúen. A terra acoutada. Sen voz. Sen rostro. A esquerda entregada. A socialdemocracia infame. O Partido da Orde e as súas dúas faccións: a extrema dereita e a dereita moderada. O maxisterio do Financial Times. Os medios de comunicación exprésanse en 2010 coa mesma saña clasista e criminal que no Chicago de 1886. A segregación de clases. Proletariado, prohibido e desarmado. Culpable. O exército do paro. Diferir é expropiar. A propiedade privada. A democracia orgánica do Capital. O Capital.

Aínda precisamos razóns para a Folga Xeral?

Etiquetas:
-

Comments are closed.

  • Setembro 2010
    M T W T F S S
    « Xul   Out »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    27282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN