Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xullo 29th, 2010 at 2.07 p.m.

É a nosa anomalía

in: Cultura

Foron 25 anos o 25 de xullo. Con ela e o seu paso atravesado polas engurras temporais fomos crecendo; fixémonos adultos, pasamos como todo ser humano por alegrías, tristezas, euforias e derrotas. Por veces púxosenos desagradable e distante; noutras ocasións, soubo ser próxima e amable. Nunca deu sido como desexamos. Pero estivo sempre aí. É moza, talvez inexperta, pero parece levar toda a vida entre nós. Ten defectos, pero é a única que temos. Non hai outra.

A TVG non é Telegaita. Ás veces, o desprezo agocha unha complexa necesidade de distancia, de non sermos identificados co que somos. Nada novo neste país de contrastes entre o ser e o esvaecemento. Se viramos arredor do menú das televisións que nos invaden as casas e a vida, afogaremos nun mar de alleamento tan atoldado que impide a visión máis aló dos seus reflexos. As dúas canles da TVG son minúsculas illas de lingua galega no océano dunha abusiva supremacía española que tamén se basea en piares autóctonos, coma esas canles concedidas por Fraga Iribarne uns minutos antes de abandonar o goberno. Pero entre tanto baleiro intelectual, tanto folclore faralaes, tanto touro, peineta e copla, tanta saturación de decibelios, tanto significante sen significado, tanta amálgama de nacionalismo visceral e esencialista español, tanta emoción a enxurradas, tanta entrega gozosa ao mando dos mercados, tanto negocio con vidas exemplares, tanto universo simbólico degradante e alienante, só a TVG parece merecer o desprezo displicente. O complexo do colonizado esixe a pose impostada dun distanciamento fachendoso. Que non vaian pensar que somos coma eses pailáns. A lingua sabe ben como operan as múltiples manifestacións do principio de distancia.

A TVG leva vividos 25 anos. Un cuarto de século das nosas vidas sendo o único medio audiovisual monolingüe en galego na era da comunicación masiva. A institucionalización da anomalía. Esa condición de singularidade monolingüe debería esixir a defensa radical da súa existencia, do seu desenvolvemento, do seu futuro, da súa liberdade. É a nosa anomalía. E nin así. Un cuarto de século a esquivar os múltiples proxectos de desestruturación, de entrega ao privado, de desnaturalización, de uniformización aínda que sexa camuflada. Son incansables. Ao outro día do 25 de xullo, esa cacharela de intelixencia total, editor dun xornal español con sede na Coruña, advirte aos seus devotos lectores do gasto absurdo que en tempos de crise significan as televisións públicas. A corporación que o posúe leva vinte e cinco anos expropiándolle a vida e o diñeiro á televisión pública de Galicia, día tras día, coas mellores artes dun grupo mafioso que esixe coa arma enriba da mesa o que un día decidiu que lle correspondía por razón da forza.

Vinte e cinco anos despois, o Parlamento de Galicia debate o futuro da CRTVG. Está ben. Ao mellor é o momento de que os tres partidos parlamentarios pensen o seu modelo de medios públicos e o expoñan detalladamente. Non sería mala cousa que ao mesmo tempo abandonasen a estraña idea de que a TVG é soamente un instrumento para a información, que a única preocupación que nos pode mover vén integrada nese sintagma tan baleiro coma tautolóxico da manipulación informativa. Porque os nosos medios públicos son moitísimo máis. Posúen dúas dimensións que calquera modificación lexislativa deberá ter necesariamente en conta. Por unha banda, son o máis poderoso instrumento de normalización lingüística e cultural de Galicia. Nas pantallas da TVG a lingua galega funciona como un idioma plenamente normalizado, como unha variedade lingüística viva en todas as situacións comunicativas e de uso común a todos os falantes, independentemente da súa procedencia social e xeográfica. Do outro lado, a TVG ten enorme responsabilidade na elaboración de universos simbólicos que nos identifiquen como un nós-outros ante nós mesmos e ante o mundo. Na súa programación, da que deberan desaparecer certas visións pintorescas dun ser galego que se abanea entre a idiotez, a incultura e o narcotráfico, se nos fiamos polos retratos comunitarios de certas series de ficción ou certos filmes. Tamén, precisamente, noutras responsabilidades sociais e culturais, como a de contribuír á construción dunha industria audiovisual que necesita novos rumbos se Galicia quere posuír unha expresión propia, diferente, de calidade, na súa lingua.

Se os grupos parlamentarios se comprometen ben co futuro dos nosos medios públicos saberán fortalecer estes dous aspectos. Sería bo que o debate pisase estes terreos e arrombase vellos tópicos relativos ao mundo do xornalismo, que segue a considerarse o centro de todo proxecto comunicativo cando non é máis ca un accesorio periférico moi necesitado de actualización e compromiso.

Porque a TVG segue a ser imprescindible. Máis ca nunca.

Lémonos outra volta en setembro. Deica aló, felices e merecidas vacacións.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xullo 2010
    M T W T F S S
    « Xuñ   Set »
     1234
    567891011
    12131415161718
    19202122232425
    262728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN