Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xullo 1st, 2010 at 1.47 p.m.

As cousas, como deben ser

Por riba de todo, mesmo dun Parlamento ou de certa manifestación de soberanía popular en forma de referendo, está a necesidade de que as decisións dos representantes non alteren os principios nos que se inspiraron os constituíntes, que veñen a ser uns Pais da Patria moi listos. Esa necesidade inobxectable era expresada non hai moito tempo por un mangado de importantes xuristas españois consultados pola intelixencia mediática ao redor do parto montesío do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de Cataluña. Os especialistas ábrennos aos abismos fundamentais do sistema e do réxime. A restauración tivo as formas dun pacto. A ver quen o desata.

A Soberanía reside no Parlamento español. E non de todo. Por exemplo, no plano económico, reside no FMI, nos mercados e na súa inestable confianza. Non hai máis suxeitos soberanos. Non o é o pobo español, se é que existe. Tampouco o catalán, o vasco, o galego. Nin sequera ningún dos seus parlamentos. A Indivisible Unidad de la Patria, sintagma tenebroso que alude a unha vontade transcendente e non humana, é referencia de orde e ética suprema. Amais doutras importantes institucións, o Tribunal Constitucional vela con firmeza e sacrificio para que as bases do pacto de hai trinta e tantos anos non poida crebalas vontade popular ningunha, sexa de expresión directa sexa mediante representación.

O dereito é posterior ao poder constituínte, é o aparello legal que garante os principios e os privilexios da clase social dominante, a súa ditadura. Os gobernos representan o poder constituído, por tanto evitarán a tentación de alterar o inmutable. Ningunha política económica atacará os intereses dos propietarios; non haberá medidas lexislativas que poñan en perigo calquera aspecto crucial dun pacto constitucional que os menores de cincuenta anos non tivemos ocasión de votar. Velaí a teimuda destrución da memoria ou a non menos teimuda preservación de indecentes privilexios para a Igrexa Católica. Só pequenos detalles. Se accidentalmente a un goberno o atacase a tentación de alterar o inmutable, ao rescate virá a salvagarda constitucional. Unha cara do simulacro ten forma de Tribunal Constitucional cuxos membros non responden ante a sociedade nin son elixidos por esta.

O Estatuto de Cataluña é soamente unha anécdota. A sentenza non terá demasiada transcendencia. O realmente importante é asegurar que por riba da decisión popular ou de calquera parlamento haxa sempre un teito infranqueable. A lexitimidade dun golpe de estado contra a legalidade republicana, seguido de tres anos de guerra e corenta de ditadura. Fóra da Unidade Indisoluble de España, nada existe. Non pode haber máis nación nin máis cultura nin máis lingua nin máis pobo nin máis soberanía. Por iso non é casual que unha parte non residual da cultura española, dos seus medios de comunicación e do seu pensamento reaccione con saña contra as linguas cooficiais, contra toda manifestación de nacionalidades alternativas, contra calquera idea que poña en cuestión a posibilidade (obrigatoria) dun proxecto patriótico español uniformizador e negador. Totalitario. E imposible, eternamente sometido a conflito.

O democrático sería mudar a Constitución para dea cabida á decisión soberana de cada nación. Pero o democrático bate de fronte co constitucional, co réxime e co pacto de Restauración. Invalidar, como fai o Tribunal Constitucional, a decisión do pobo e do Parlamento de Cataluña, aínda que só afecte a unha pequena parte do articulado do Estatut, é unha proba de como se ataca a democracia no nome da propia democracia. Ou a formalidade democrática como coartada. Porque entre as formas do réxime e a democracia real media un abismo escuro e intransitable.

Lasciate ogni speranza, voi ch’entrate

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xullo 2010
    M T W T F S S
    « Xuñ   Set »
     1234
    567891011
    12131415161718
    19202122232425
    262728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN