Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xuño 22nd, 2010 at 12.49 p.m.

Saramago

Non era un escritor galego, non. Era portugués. Un dos grandes escritores portugueses, sen dúbida. Un autor importante. Os tópicos non sempre nos aproximan as figuras que ousan invadir. Máis ben ao contrario.

Saramago morreu hai uns días. Morreu o home, pero non o escritor. Ás veces, dá a sensación de que a desaparición da persoa é boa para a súa literatura, aínda que dea bastante rubor dicilo. Porque a necesaria autonomía do texto sobrevive mellor canto menor é a interferencia da figura pública que o orixina. Cando un escritor opta por desaparecer definitivamente da vida pública non o fai por extravagancia, senón por un respecto supremo á autonomía do texto literario. Coa desaparición física da persoa de José Saramago talvez os valores da súa literatura, pasado o rebumbio, adquiran en por si a dimensión que merecen.

Saramago como persoa foi tan controvertido como calquera outro ser humano. Emporiso, nos seus últimos anos, a partir talvez da concesión do Premio Nobel, a súa dimensión pública estivo moi condicionada por unha especial relación, imaxino que simbiótica, co grupo mediático PRISA. Inxusto sería non lle recoñecer ao autor portugués algunhas posicións que dignamente mantivo ata o final dos seus días: unha defensa orgulloso da súa condición de comunista, en tempos en que a simple mención da fantasma ocasiona quintais de desprezo, e a súa presenza xenerosa en cada lugar ao que a súa conciencia considerou necesario acudir. Noutros ámbitos, porén, cumpriu sobradamente coas expectativas que as súas relacións mediáticas esixían del: a súa famosa ‘ruptura’ coa Revolución Cubana e, sobre todo, unha incapacidade asombrosa para comprender sequera superficialmente parte da realidade do chamado conflito vasco. Será difícil esquecer unha das últimas anotacións do seu blog, aquela mesquiña nota de desprezo contra Alfonso Sastre, cuxo único delito era ser cabeza de cartel de Iniciativa Internacionalista. Nesas dimensións, talvez condicionadas polo universo simbólico instrumental ao grupo mediático PRISA, o Saramago escritor e a súa obra foron infinitamente superiores ao Saramago personaxe público.

Pero ao final o que queda é a súa obra e unha memoria das cousas en que nos sentimos próximos. Non neguemos que o ataque de ira sarnosa co que o Vaticano despide a figura do escritor portugués na hora da súa desaparición física contribúe a ofrecernos un reencontro co odiado intelectual. O seu ateísmo sen complexos, a súa afouteza para denunciar e combater as cadeas da relixión, o seu constante apego ao material, o seu marxismo, o peor dos pecados denunciados polo intelectual orgánico de L’Osservatore Romano, e o seu íntimo, intelectual e emocional apego ás necesidades dos desposuídos reconcíliannos cunha figura que nos últimos anos se nos ía facendo distante.

Seguiremos lendo Saramago. E admiraremos o mellor da súa dimensión humana, aínda que para iso teñamos que minimizar as súas servidumes e certas posicións coas que nunca concordaremos.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xuño 2010
    M T W T F S S
    « Mai   Xul »
     123456
    78910111213
    14151617181920
    21222324252627
    282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN