Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Maio 24th, 2010 at 1.22 p.m.

A confianza dos mercados

Primeiro, está por ver que o déficit público sexa unha cousa tan perversa para a economía. Ou sexa, para a comodidade material das persoas. A economía ao servizo da xente ou todos somos súbditos da tiranía mercantil e financeira, e que me perdoen os de El País polo anatema. A biblia do sistema non dá lugar a interpretacións. O déficit é unha cousa moi malísima. E xa está. Despois, o que non teña capacidade de consumo que procure a absolución dos seus pecados mediante a adquisición de débeda, sempre privada, sempre o privado, con eses gardiáns das esencias chamados bancos. Ou caixas, sexan de onde sexan. Mira que un consumidor sen capacidade de consumo, ou sexa, sen diñeiro, non é nada. Apenas un cidadán de terceira clase, da clase dos non consumidores. Máis ou menos pura purrela social,

Así que, os especialistas determinan que o déficit é moi malo. Aínda nunca nos dixeron por que, pero tampouco nos interesa. Non en balde, a economía xa foi retirada das perigosas mans da posibilidade política. Salvagardada, que non se mesture con malas tentacións que poderían alterar a tranquilidade dos investidores, uns seres talvez humanos, como sabemos, ao parecer con certa tendencia ao desacougo. O déficit é malo porque atranca se cadra o harmonioso fluír do diñeiro. Se o estado gasta en ensino gratuíto ou en atención médica, eses negocios terán máis dificultades para competir libremente. E así seguido. A festa ten que continuar como sexa, e, xa se sabe, canto máis subsidio menos eficacia. Se nolo dan todo feito a ver se imos tender ao parasitismo. Tomemos como exemplo o empresariado exemplar e sirva a redundancia pero non hai outro léxico posible. É responsabilidade do Estado garantirlle o negocio e non ofrecerlle competencia desleal. Non que non. O Estado bastante ten con financiar a súa dimensión coercitiva, a única necesaria. En fin, e a Igrexa Católica.

Segundo, é evidente que para reducir o déficit e a débeda e o gasto do Estado en cousas tan indecentes como subsidios ou medicina ou ensino ou comunicación ou servizos sociais ou investigación ou pensións ou o que sexa que engole os impostos dos asalariados cómpre apuntar ao corazón do problema. Vale, os outros tamén pagan algo de cando en vez ao botaren gasolina e ao mercaren coches de luxo. A ciencia liberal é indiscutible, e iso quere dicir que non se debe querer discutir. As medidas do goberno de España son paradigmáticas. Nada de cargar con impostos as rendas máis altas, o patrimonio, as herdanzas, a riqueza, o capital, etc. Iso derramaría para sempre o acougo dos investidores, e a súa intranquilidade deixaríanos sen actividade económica porque escaparían coma quen foxe da peste. Apocalíptico. A solución, por tanto, é ofrecerlle plenas garantías ao Capital: competitividade, flexibilidade, xubilación, despedimento, xornada laboral, dereitos laborais, así, en xeral, e o que faga falta. Cando se pacte a inevitable reforma laboral, para alivio dun Banco de España tan exento de control democrático coma o FMI, o Banco Mundial ou o Banco Central Europeo, os sindicatos terán que buscarse nas engurras do esquecemento, a ver se alí lles quedaron enganchadas as asaduras.

Terceiro, está claro que o máis importante é a confianza dos mercados. E como se lles dá confianza aos mercados? Igual que se lles dan lavaduras aos porcos. Nin os mercados nin os marraos entenden de chuchameles. Cómpre seleccionar ben a alimentación. Para iso, a socialdemocracia é destra. Que o diga o xenio filosófico de Giddens e a praxe de Blair. Meritocracia exenta de control democrático. Nada máis ca a capacidade dun mellor manexo nas toldadas augas do mercado. E que me perdoe outravolta o agudísimo editorialista de El País. Benvidos á vía morta. En tempos de crise, o gardaagullas pon viseira socialdemócrata, sempre disposto a demostrar adhesión inquebrantable. Quen mellor ca eles para sintetizar as aspiracións dos asalariados e excluídos coas necesidades dos posuidores. A esquerda oral fede. Halitose ideolóxica. Vomita un discurso mal dixerido de compromiso social e fai gargarexos cunha política económica ultraliberal.

Marx deixou dito que para o Capitalismo a mellor forma de goberno era a República Democrática. Errou. O fascismo foi forza de choque moi útil. Agora, a confianza dos mercados é a coartada excelsa dun goberno mundial esquivo ao que non é posible aplicarlle ningún control democrático dentro das institucións vixentes. O Capitalismo sempre se sentiu incómodo coa incerteza das decisións democráticas. A confianza dos mercados é, pois, o obxectivo de calquera goberno que se queira sentir ben considerado, sexa en Madrid, sexa en Brasilia. Á socialdemocracia tócalle na función representar o papel de criado atento que procura sempre asegurar a inestable confianza do amo. Asalariados e asalariadas pagan a orxía dos donos con máis dedicación, menos salario e menos vida. Os sindicatos maioritarios navegan na fascinación do pacto, nun sentido idiota da responsabilidade e na asunción dun novo papel de narcóticos sociais. Outros permanecen atrapados nun universo paralelo no que rexen outras regras. Marx chamaríalles neoidealistas.

Concluíndo, parece obvio que a esperanza real que nos queda é a perda absoluta da nosa confianza nos mercados. A ver se é verdade.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Maio 2010
    M T W T F S S
    « Abr   Xuñ »
     12
    3456789
    10111213141516
    17181920212223
    24252627282930
    31  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN