Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Maio 15th, 2010 at 2.17 a.m.

Socialización lingüística

in: Lingua

Posto que nos anda a roldar o Día das Letras Galegas cun ollar de esculca e ironía, deberiamos proceder a combinar algunhas reflexións idiomáticas. Por escapar de tópicos e consignas coma quen foxe do lume, aínda que pirómanos háivolos mesmo debaixo das pedras. As reflexións que eu propoño, só algunhas das necesarias, aman a desorde, son desestruturadas, apenas un asalto de ideas que estes tempos van mirando xerminar. Orixinalidade, pouca. Máis ben certo desexo de novas formas discursivas. A lingua galega, e non ningunha outra xustificación accesoria.

Ata o ano 2009 non vivimos no mellor dos mundos posibles. A ver se agora, aterecidos polo vento do leste, sempre o vento do leste, empezamos a mistificar unha Idade de Ouro imaxinaria como Paraíso Perdido en que a Lingua era usada en todos os ámbitos. O proceso de substitución lingüística camiñaba imparable, talvez caladiño pero teimudo, e sempre na mesma dirección. Hoxe igual. A perda de transmisión é só unha das manifestacións do proceso. A máis dolorosa. Hoxe camiña carreiros semellantes, a paso de boi, pero sen deterse a tomar alento.

Para saírmos airosos de certos conflitos sociais, manifestacións de antagonismos de difícil síntese, cómpre arrincarmos en posición de resistencia, articular despois contrapoder e trazar a posibilidade dun novo poder constituínte. A normalización da lingua, un proceso alicerzado en complexas relacións sociais, de clase, tería que estudar esta folla de ruta. Que todo arrinque en posición de resistencia non esixe fosilización; ao contrario, nada hai menos eficaz ca unha perenne posición de resistencia. A min gustaríame pensar, só que fose por un día, que as forzas normalizadoras comezan a meter o pé en fase nova de contrapoder. Se así for, abandonaremos tácticas defensivas e pasaremos a ensaiar o contragolpe primeiro e o ataque despois. Iso quere dicir que serán as forzas normalizadoras, nós, quen determinen a axenda das políticas e do debate lingüístico en Galicia. Non se lle permitirá ao negacionismo tomar a iniciativa e elixir o terreo de xogo. Nós trazaremos os cursos dos camiños porque coñecemos as necesidades, sufrímolas, temos conciencia delas. Elaboremos programa de avances e impoñamos os ritmos, os debates, as accións e os obxectivos. Rexeitemos o recanto inhabitable que nos ofrecen.

Levamos décadas asegurando que unha política lingüística normalizadora ten que ser transversal, que a súa redución ao ámbito educativo invalídaa por deixar fóra o resto da complexa trama social na que a lingua aínda é residual, da que pode ser expulsada, na que está prohibida. Mais levamos ano e pico falando só de ensino. Moi importante, quen o dubida, pero frustrante. Asumirmos a axenda que nos impoñen condúcenos a extraviar calquera horizonte normalizador. O seu maior triunfo é limar os nosos horizontes normalizadores. Xa non nos propoñemos asaltar o ceo; simplemente pedimos permiso para existir. Mal asunto.

A batalla contra o novo Decreto está dada. Cómpre unha nova fase. Os xulgados agardan. As forzas normalizadoras teñen que transcender a limitadísima eira que propón o negacionismo e conducir o antagonismo á totalidade social. So aí as contradicións poden facer saltar polo aire o cristal puro do edificio que sostén o proceso de substitución lingüística. Ao mesmo tempo, é imprescindible reavivar discursos. Un contradiscurso severo e directo para acompañar un contrapoder que aspire a novo poder constituínte. O suxeito colectivo dese contrapoder, os falantes e os seus dereitos, ten que ser o centro e a referencia dese novo discurso. A determinación de non renunciar a ningún dereito, estea ou non recollido pola lexislación vixente. A posibilidade, esixida, de vivirmos toda unha vida completa, sen fisuras, en lingua galega. Velaí o programa de acción. Só o protagonismo dos falantes pode salvar unha lingua. Illarnos dos falantes por mor de certos temores á contaminación é unha manifestación perversa do principio de distancia.

Se os falantes teñen que ser suxeito de contrapoder e dun novo discurso normalizador, tamén se xerará unha nova perspectiva pública a respecto da lingua galega. O discurso ten que ser positivo, vital, decidido. Non falamos unha lingua moribunda. Non admitimos a posibilidade da catástrofe. A lingua galega non desaparecerá. Somos maioría. Eles son minoría, e ademais inculta, interesada, fanática. Non estamos en fase terminal. Temos tanto futuro coma o universo. Non renunciamos.

Substituamos a canción fúnebre pola festa orgullosa. Sairemos gañando.

Etiquetas: , , ,
-

Comments are closed.

  • Maio 2010
    M T W T F S S
    « Abr   Xuñ »
     12
    3456789
    10111213141516
    17181920212223
    24252627282930
    31  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN