Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Marzo 15th, 2010 at 9.42 p.m.

Que non se confundan

Primeiro cóllente por facerche un favor. Tes que lle estar eternamente agradecido, deixar que a vida che corra por diante sen notala e cun sorriso eternamente zurcido entre as dúas meixelas. Procura que o embarazo non te pexe demasiado ou que a menstruación non diminúa o teu rendemento, mira de deixar as hormonas na casa. Canda as preocupacións, que ti non arriscas nada no envite. Nin diñeiro, nin patrimonio. Só uns poucos elixidos teñen nas súas mans outras existencias. A vida coma un stock de saída constante. E esa éche unha responsabilidade grande, amiga miña, meu amigo, que quita o sono, enche o caletre de peso e reflexións que ti nin albiscas e saca anos de diante. Ti es dos moitos que non; eles, dos poucos que si. Ti nada. É lei de vida, dinche, e ti moves os ombreiros nun xesto de desaire que eles confunden coa resignación. Consólate. Es maioría silenciosa. Non tes necesidade de expresarte, de desexar, de conseguir, de soñar. Xa outros o fan por ti. Saben o que pensas, o que sentes, o que desexas e o que necesitas. Sé feliz na túa pobreza e na miniatura do teu mundo e da túa estatura. Non penses nin digas nada.

Pero un día vas e encabrónaste. Porque esixen de ti máis esforzo, máis tempo, máis traballo, menos descanso e máis pobreza. Aínda que che soe a chantaxe, tes que comprendelo. Eles non poden gañar menos. Se non multiplican cada ano os seus ingresos, algo marcha mal para todos. E ti non vas ter traballo que agradecerlles. É que custas diñeiro. E en tempos de crise non sobran os cartos para enterralos en salarios. Pero ti aceptas mal esa verdade. E encabrónaste. Non porque queiras mudar o mundo, que querías pero tes a todo maría santísima a berrarche na orella que o mundo non muda, senón porque queres vivir sen demasiadas penurias. E igual che dá por ir á folga, deus nos aparte, ou por saír en manifestación pola cidade adiante. E á xente éntralle o pánico cando te ve nesa actitude. Que todo se nos esborralla ao lado e a democracia é un ben inapreciable. E hai que dialogar, mulleriña, hai que pactar, meu home. E chegar ao consenso. E non trabar na man que che dá de comer tan xenerosamente, que se non gaña diñeiro non pagará e pechará a empresa porque xa non será competitiva se lle segues roendo o espiñazo e teimas en gañar máis do que che pode pagar e en traballar menos do que necesita para multiplicar os seus beneficios, e entón non lle quedará máis remedio que ir descansar a unha das súas casas e botarase na hamaca a carón da piscina cunha copa na man e a vivir e ao mundo que lle dean, que cos aforros que ten, porque sempre foi persoa de non consumilo todo nun día, pode vivir como dios sen preocupacións e sen ter que che aturar as neuras a ti e a mil máis coma ti e andar cada día coa tensión de sacar adiante unha empresa e tantas familias ao seu coidado e o progreso da sociedade e todas esas cousas que ben saben todos incluídos os do sindicato no que xa deixaches de estar porque non queres pagarlles aos que pactan salarios de merda cando a ti xa non che queda excedente para llelo regalares, e tamén o saben ben os xornais e as radios e os economistas e os do goberno e mais os da oposición e toma polo cu por irresponsable e egoísta e por pensares máis en ti ca no ben común, que non mereces ter un contrato de traballo nin cobrar o paro nin médico gratis nin escola para os fillos nin o aire que respiras. E quedas avisado, avisadiña estás. Sentidiño. A maioría silenciosa non pensa coma ti, calquera cho di. Estás en minoría e sen conexión. E non quererás impoñerlle á cidadanía de ollada limpa os teus desexos e arelas liberticidas. Así porque si, porque che deu por aí ou por resentimento ou porque che encanta menosprezar os dereitos dos demais. Ou por puta envexa.

Así que, vas e recóllesteme cagando melodías, chegas á casiña e axúdaslles aos pequenos a facer os deberes, en castelán, madia leva, que é a lingua común de todo jesucristo que teña dous dedos de fronte e non sexa un puto intolerante, excluínte, ignorante e pailán, para que enganarnos, que se teus pais non che falaran na lingua que eles falaban porque outra non sabían hoxe eras mestre ou avogado ou médico ou rico e xa está. Despois méteste na camiña e dormes, que mañá é día de garabullos e quérente desde o primeiro rompente co sorriso ben zurcido entre as dúas meixelas.

Mírate ben no espello, amiga, ou amigo, ou ambos. Porque che é esa a vida aquí e hoxe mesmo. E ao teu carón están reproducindo o proceso do que vai saír condenada á perpetua, con cinismo provocativo, coma a túa propia existencia, a nosa, a lingua que che explica o mundo. Prohíbencha, arrástrancha para que a abandones, cóspenchelle, retíranlle ata o saúdo, patéana e arrómbana polas beiras das corredoiras como fixeron os seus devanceiros máis queridos, por tradición e por convicción, quítancha das escolas para que os teus pequenos non saiban que existiu, encérrana nunha urna opaca para que os seus fillos non sucumban ao contaxio, proclaman aos catro ventos a súa inutilidade, o seu cheiro a rancio, erguen muros de vergoña e de indignidade ao seu redor coa esperanza de que axee e con ela ti e quen veña tras de ti, vomítanchelle os seus complexos e chámanlle pobre, que para eles é o peor dos insultos. E despois, esíxenche acougo, consenso, acordo, e silencio, sobre todo silencio. Para sempre.

Eu non sei ti, pero a min xa non che me queda paciencia con tanta indignidade. Ou collemos as nosas cousas coas nosas mans, ou nos fan desaparecer sen que quede rastro.

Empecemos por apuntar os seus nomes no caderno da ignominia.

Etiquetas:
-

Comments are closed.

  • Marzo 2010
    M T W T F S S
    « Feb   Abr »
    1234567
    891011121314
    15161718192021
    22232425262728
    293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN