Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Marzo 1st, 2010 at 10.30 p.m.

Con Rosa estamos na Gloria

Non sei se era cousa de froitos ou de obras. Pero dis que contan que o dixo Xesús Cristo. Algo así como “polos seus froitos os coñeceredes”. Certamente, hai dous mil e pico de anos pouca maneira había de saber dos homes e das mulleres —delas menos— se non era polos froitos que as súas obras puideran dar. Froitos maduros e podres, doces e amargos, saborosos e desagradables, vitais e velenosos, que de todo hai na viña do Señor, xa que estamos de referencias bíblicas. Naquela época, a comunicación era restritiva e fugaz. A Biblia asumiu a función de ordenar e interpretar o mundo, tal e como lles ocorre hoxe aos medios de comunicación de masas. Sagradas funcións! A comunicación lingüística substitúe a eficacia exemplar dos froitos que dan as obras humanas. Tamén a organizada con imaxes, de maior capacidade connotativa e menor exactitude semántica. Ideal para o caso.

Polos seus ditos os coñeceredes, poderiamos actualizar a sentenza escrituraria. No mundo da política profesional, a comunicación como mercadoría non só oculta senón que altera radicalmente o significado verdadeiro dos feitos. Sirva como exemplo a distancia real entre o discurso aparentemente progresista da socialdemocracia (esquerda oral) e as súas políticas económicas liberais. Ou a distancia entre o laicismo que se di defender e os froitos insalubres do vello e incuestionable nacional-catolicismo. Iso por non rebaixarnos ao nivel do estrume para casar certos discursos sobre imposición e dereitos lingüísticos cos froitos e as obras dos seus usuarios e inventoras.

Pero se o dicir das persoas públicas oculta convenientemente as súas intencións, tamén pode posuír a virtude de nos ofrecer o seu retrato máis exacto. Só é cuestión de saber descodificalo adecuadamente. Porque non existe o lapsus linguae. O ser humano é un animal extraordinariamente exacto no manexo da comunicación, en calquera lingua; para iso non se precisa formación de ningunha clase. Évos unha facultade innata, como durmir ou alimentarse.

O último exemplo témolo ben fresco: Rosa Díez e os galegos no sentido “máis pexorativo” do termo. Certo que a boa da deputada ten un dominio máis ben agreste da súa propia e amada lengua común por cojones. Pero iso non vén agora ao caso. Alá ela. O asunto é que tras escoitar a súa intervención e apalpar o bochorno en forma de silencio dese extraordinario profesional da aparencia que responde ao título de Gabilondo, dei en pensar que non debemos indignarnos. Non. Aproveita máis unha ollada displicente ca un cabreo.

Polas súas palabras os coñeceredes. Rosa Díez dirixe con tal destreza o Partido da Idiocia que non reparou en que cando pretendía insultar a Rodríguez Zapatero a función delatora da linguaxe estampou o seu retrato máis afinado. Comparemos. Cando un señor lle chama a outro “negro de merda”, por exemplo, non é o honor nin a dignidade do insultado o que se resente; é a imaxe do executor a que queda estampada. O reflexo de Rosa Díez no espello é atroz. Xa o era, pero ese pé mal afirmado é o trazo máis exacto da súa persoa. Non só da súa dignidade, da súa intelixencia, da súa elocuencia, da súa cultura e do seu proxecto político. Da súa persoa completiña.

Non son eu nada dado a alterarme nin a sentirme ofendido polo manexo de tópicos, chistes de galegos e demais trangalladas semellantes. Tendo a me rir un cacho largo e longo. Foi a primeira reacción que me ocasionou a ocorrencia da ilustre trapalleira. Despois lembrei a súa imaxe brazo con brazo doutra muller incomparable que se talla no seu propio espello tal cal é cada vez que abre a boquiña e se namora das simplezas que di. Hai en ambas, xuntas elas, un sentido transcendente da unidade por acumulación. Ou de anulación por duplicado. Con Rosa estamos na Gloria. Quen ousaría dubidalo? Recoñezo que tamén imaxinei a queima de Troia, Esparta, París e o propio Vaticano se algunha das moitas persoas odiadas pola caverna española —tan extensa coma escura— chega a manifestar que Rosa Díez é española no sentido máis pexorativo da palabra. Válgame Dios!

Entre o máis e o menos hai unha gradación de sentidos pexorativos, intúo. Non me importaría que Rosa Díez nolos explicase un a un con esa axilidade verbal que a caracteriza. Sería unha boa maneira de complementarmos o seu retrato. E o dos seus camaradas do Partido da Idiocia e da súa sucursal cuspida coma caguña en territorio de lingua galega.

Ao final, lembrei, e desa si que foi en serio e con inmenso pesar, a persecución langrina, necia, covarde e infame á que foi sometido aquel actor galego e catalán nos últimos anos da súa vida. Chamábase Pepe Rubianes. Iso si, quédame o consolo de que o seu nome será lembrado e recoñecido aínda cando as cinzas das obras e dos froitos de Rosa Díez e as súas camarillas anden atravesando ás apalpadas a materia escura coma neutrinos extraviados na inmensidade do cosmos. Borralla.

Etiquetas: , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Marzo 2010
    M T W T F S S
    « Feb   Abr »
    1234567
    891011121314
    15161718192021
    22232425262728
    293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN