Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Febreiro 22nd, 2010 at 3.21 p.m.

Perigo: pacto

Unha xerra de auga transparente. Estrela sorbe a grolos curtos. Se cadra polo frío. Leva unha temporada de moi mal xenio. Dimo desde o outro lado do teléfono. Cóntame que está na súa mesiña redonda, sentada, coas pernas cruzadas. É a posición á que se entrega cando algo non lle gusta. Está moi cabreada.

—Co mundo. E coa vida, joder!

—Vale…

—Mira —dime—, ando a remexer nos caixóns; ten que haber por aí unhas baterías pequenas para o mando a distancia. Non aturo a tele, pero non podo estar sen ela. E dáme moito traballo levantarme da cadeira cada vez que quero cambiar de canle.

—Se non as atopas, lévoche eu unhas, se queres…

A voz váiselle poñendo agre, ríspeta. Non rexistra o que lle digo.

—O GPS que teño instalado na choca, debaixo da peluxe que me queda, píllachemo todo, mesmo o alentar dun paporrubio…

—A onde queres chegar, Estrela…

—Ti disme que mañá teño que ir, e eu dígoche que non quero. Nin mañá nin nunca máis xa. Quédannos dúas opcións: que eu faga o que ti dis ou que faga o que eu quero. E unha terceira: que pactemos. Pero se pactamos, ou vou ou non vou, é dicir, ou fago o que quero ou o que ti me dis. Non podo ir e non ir ao mesmo tempo. Ou si, pero esa é unha cuestión cuántica que agora non vén ao caso. Quero dicir que o pacto é inútil. Perdemos o tempo e non saímos do sitio. Ou me deixo convencer ou fago o que a min me dea a gana. Non sei se me entendes ben.

E non ía entender? Estrela andaba mergullada, talvez na procura dunha portela de fuga, no estraño universo creado por radio, prensa e televisión. Falaba de pactos cosidos á actualidade política. Da educación, da economía, da lingua, do autogoberno. O consenso, esa sublimación do desexo colectivo. Recomendeille atender aos seus asuntos persoais. Pero ela lembroume con reconvención non exenta de fachenda que eses asuntos tamén eran moi persoais para ela.

—Pois logo, non esquezas os pactos da esmola: como cada ano, UGT e CCOO tolean por saír na foto abrazados aos empresarios protectores.

—Os da foto non saben o que é dobrar o lombo.

—Poida.

A Estrela metéuselle na cabeza que había que temerlles aos pactos coma ao demo. Ou máis. Se a esquerda oral, que é radical no seu liberalismo, conservadora e dereitista, chega a pactos coa dereita real, que é o que é, a crise caerá coma un quintal de aceiro oxidado no lombo das clases subalternas. O importante é engordar a plusvalía. Cando o Capital arma barullo é para tirar boas talladas.

—Emilio Botín é cada día máis rico e ti e eu cada día máis pobres. Alguén nos toma por imbéciles. Mesmo o intelectual ese, como se chama… o parvo de Adolfo Domínguez.

De Estrela sempre me admirou a súa capacidade para enzoufarse na lama das cousas comúns mesmo nos seus momentos vitais máis críticos. Supoño que é culpa dunha xenerosidade que non coñece barreiras.

—Non repares en microbios e cousas irrelevantes.

—Pero eu non che penso pactar, sabes? Non irei. Está decidido.

O seu rodeo deixoume sen argumentos. Desde este lado do fío telefónico, tentei convencela de que non tiña nada que perder e quen sabe se toda unha vida por gañar. Con pouco éxito. Non sabía eu canto podería chegar a perder se acudía.

—O importante non é canto, o necesario é agora. Toma paráfrase do Xacobeo.

—Matáchesme, camión.

Riuse máis da súa ocorrencia ca do meu tópico. Despois púxose seria outra vez. A súa vida era dela. Eu só era un bo amigo.

—Por certo, viches a entrega dos Premios Goya?

Pois non, non a vira, e non quixen darlle máis azos á súa carraxe xusticeira. Algo me dicía que non lle conviña remexer premios, películas, discursos, pactos, políticas económicas, gasto público, lingua, todas esas cousas que se engurran a carón da morte. Pero Estrela sempre fora todo iso a un tempo, sen posibilidade de escisión.

—Teño que te deixar. Xa está aquí.

Foron as últimas palabras que lle oín dicir. Ao fondo, escoitábase un rabuñar obsesivo de ferro contra madeira. Non creo que a volva ver.

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.

  • Febreiro 2010
    M T W T F S S
    « Xan   Mar »
    1234567
    891011121314
    15161718192021
    22232425262728
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN