Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Decembro 15th, 2009 at 12.54 a.m.

Paixón totalitaria

in: Cultura

O sábado pasado, a Real Academia Galega, a entidade responsable de fixar a norma da lingua galega, acolleu a Manuel Rivas no seu foro. A Academia de Curros e de Murguía —por moito que certo sector do nacionalismo oficial a aborreza— incluíu entre os seus membros un extraordinario escritor, proseguindo coa tarefa de alimentarse cos nosos mellores talentos literarios. Unha angueira ata non hai moitos anos estritamente prohibida. Rivas achega, ademais, o seu compromiso cívico. É amplamente compartida a satisfacción ao vermos que a RAG se vai reconstruíndo aos poucos como unha entidade soberana. A lingua e as expresións culturais que a manexan, fundamentalmente a literatura, son os nosos espazos soberanos, independentes, ceibes. Non é estraño que tanto a Academia, se segue esta dirección, coma a literatura e a lingua sufran agresións nacidas de certas disfuncións do córtex prefrontal dalgúns mamíferos que viñeron a pousar os pés na terra por vía de creación.  Que a RAG supere en poucos anos unha longa etapa de inanición, climatericamente admirada por algún rico editor de xornal decimonónico e non poucos dos seus caseiros, é síntoma de que a pesar dos ventos desfavorables entre nós sempre hai quen quere tamén navegar. A nación non é esencial senón unha construción humana de vontades colectivas. Ou sexa, posibilidade, sen máis. Que nos perdoen o pecado.

Estes días fálase de X. L. Méndez Ferrín como probable candidato a presidir a RAG. Máis palla seca para o lume do aborrecemento que lles entra ao fato de oficiais de varias bandas. Adiantouse en reacción un dos mestres da censura e a manipulación, como moi ben sabemos el e mais eu e algunhas outras persoas. E é alí, no recanto de acolá, onde trousa co pouco pudor que adoitan exhibir os ignorantes nas proximidades dos foros académicos. Ese papel co que se labran as actas dunha realidade creada antes de ser, duro coma unha lousa, envolve as preocupacións de tan arrebatado servo. Ao mellor, porque ninguén lle consultou ao seu patrón quen debe presidir a RAG. Igual porque neses ámbitos de soberanía —Academia, lingua, literatura, cultura— as súas homilías disólvense como faramuxas de cinsa no aire. E non por non seren estridentes e groseiras, que o son e ben, senón por ser o seu peso tan virtual coma a realidade que teiman, obtusos, en crear. Ao redactor, e supoñemos que ao seu patrón, dóelle a posibilidade de que Méndez Ferrín sexa o Presidente da RAG. Un indicio claro do acertada que sería tal elección. Tanto lle proe, que lle recomenda á superflua institución que seleccione mellor. Dígocho eu.

—A estupidez deste Luis Ventoso é digna dunha boa gargallada —dicíame a miña amiga Estrela, co dedo indicador marcando na tinta sucia do xornal. Tomabamos café na terraza dun bar de Compostela.

—E non será unha advertencia? Xa me entendes, esa maneira de actuar que ten a mafia e que tan querida lles é a estes —dixen eu para min, case, coma se reflexionase sobre o couso ese con forma de artigo xornalístico.

—Non, ho, non! Mira para aquí: “imaginación inabarcable, memoria wikipédica, elegante prosa de alta precisión”. Non o ves? Di cousas así de Borges. É que o rapaz é fato e xa está.

Estrela petaba co dediño no texto maxistral sen dar abandonado un sorriso algo cínico. E eu ía comprendendo as múltiples faces do asunto. Os fatos tamén advirten. De golpe, a miña amiga botou man ao seu abrigo de pano, colocouno por riba dos ombreiros e apertou forte a bufanda de listas ao redor do pescozo.

—Vamos para dentro, que xa está aí o frío siberiano.´

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Decembro 2009
    M T W T F S S
    « Nov   Xan »
     123456
    78910111213
    14151617181920
    21222324252627
    28293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN