Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Outubro 16th, 2009 at 12.39 a.m.

Vampiros

in: Cultura

Estes non son como os describe a literatura, desde Brahm Stoker ata as últimas reencarnacións de Guillermo del Toro e Chuck Hogan, nin tampouco como nolos ensina o cinema ou as series de televisión. Nin teñen a grandeza tráxica do Drácula de Coppola nin a bondade imposible de Bill Compton na serie True Blood. Beben máis do ridículo aristócrata que arrastraba a súa decrepitude fronte á vitalidade proletaria de Joe D’Alessandro (Little Joe never once gave it away) á procura de virxes imposibles no delirio underground de Paul Morrissey.

Nada hai nos vampiros posmodernos hispanos da dignidade tráxica nin da rebeldía daqueles que, asumindo a súa condición, nunca aceptarán —son case inmortais— a submisión a un ser humano constrinxido pola túnica opresiva da convención social, moral e relixiosa. Os habitantes da noite recorreron á escuridade para esculpir os seus retratos máis vívidos. Algo teñen os vellos vampiros que nos atrae con máis forza ca o terror das súas chuchadas na carótide, na xugular ou na femoral. Representan a porta entornada ante o descoñecido, o prohibido. Os lindes da humanidade. Entre a transgresión e a traxedia eterna. O vampiro posmoderno, porén, non pasa da farsa. Carece de atributos atractivos. É máis real que literario ou cinematográfico. Devorou con desprezo a ficción e a súa potencia catártica e liberadora e vulgarizou a realidade ao convertela nun cálculo de beneficios e intereses de camiño programado.

A tópica literaria non lle é aplicable ao vampiro posmoderno. Este non foxe do sol; témelle á noite, desexa obsesivamente ser visto, admirado, sinalado e seguido en plena luz do día. Non tanto por necesidade de transformar vítimas novas como por pura fachenda. Tampouco dá representado o mito da eterna mocidade; se hai algo que aborrece con rabia non disimulada é a mocidade, a dos demais e a propia, pois sempre tende a relacionala cunha vella condición que desexa eliminada por sempre. O seu desexo é superar a madurez, tender á vellez prematura. Non foxe dos crucifixos: adóraos. O incenso é, despois do ouro, o seu vicio maior, unha atracción irresistible, droga pura. O vampiro posmoderno hispano non se alimenta do sangue de ningún mortal desprezable; na súa disparatada fachenda, considérase autosuficiente en termos absolutos.

Soamente unha ligazón vírica une estas razas diferentes de vampiros. Unha infección incurable. A conversión, moi acelerada, maniféstase no vampiro hispano da noite para a mañá, sen que ninguén se decate do proceso de desaparición do antigo ser e de nacemento da nova entidade. A infección, transmitida por medio dalgún contaxio moi superficial, telepático, online ou bancario, non ten antídoto. Desde que sucede, non hai volta atrás. Calquera pode ser vítima potencial, pois o virus está no ambiente, ocupa todas as regañas sociais públicas e privadas, penetra polos poros da pel para singrar arterias e facer morada no corazón e no cerebro. Mais son os espazos pechados balorentos dos medios de produción simbólica o hábitat preferido para o contaxio: radios, televisións, xornais, sitios así. Aparentemente asépticos, ofrecen feblezas de seguridade que lle permiten ao virus manexarse a pracer na procura dos corpos con menor capacidade de resposta inmunitaria. Por iso degora corazóns e cerebros que, máis aló das aparencias, nunca executaron grande actividade prolongada. Instálase cómodo nas áreas en que se concentra a capacidade de obedecer. Nos máis dos casos, os afectados sofren transformacións radicais. Verbigracia, que diría Pardo das Pontes, os efectos irreversibles salientan en descoidados militantes revolucionarios e transfórmaos en vampíricos liberais de extrema dereita preocupados pola boa memoria do franquismo, que, como non paran de repetir como neoautómatas, librou os nosos avós, pais e irmáns da demoníaca España que a ilexítima República proxectaba. Pero ese é só un dos síntomas. Antes da infección, paseaban con displicencia dogmática polas beiras fosilizadas en interpretacións estrambóticas da esquerda revolucionaria, nada debedoras do pensamento do vello Marx. A súa aversión ao raciocinio, caldo de cultivo ideal para o virus, acompáñaos desde os seus anos mozos.

Como quedou dito, nada de cruces, nin sol, nin auga bieita, nin allos, nin estacas no corazón, nin balas de prata, nin decapitación. Non valen vellos remedios contra o vampiro posmoderno hispano. En realidade, a mellor arma para combater a súa influenza, máis molesta que letal, é a palabra maldita, todas aquelas palabras prohibidas aínda hoxe: nacionalismo, separatismo, soberanismo, normalización, revolución, esquerda, comunismo, lingua. Eses son, para eles, crimes de lesa patria, suficientes para a anulación do reo culpable de cometelos. Aínda que sexa, mediante a conversión á fe invencible.

Hai razas diversas, aínda que todas seguen idénticas pautas e só amosan mínimas diferenzas motivadas polo lugar de procedencia. Albiac, Savater, Bueno, Cancio, Alfaya, Arias, Blanco-Valdés, Jiménez Losantos, Tamames ou Pío Moa son soamente algúns dos especimes máis pintorescos.

Unha España roxa e rota sería o antídoto perfecto para tan molesto virus.

Etiquetas: , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Outubro 2009
    M T W T F S S
    « Set   Nov »
     1234
    567891011
    12131415161718
    19202122232425
    262728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN