Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Outubro 7th, 2009 at 1.08 a.m.

Somos lingua

in: Lingua

Se algo conseguiu o goberno de Núñez Feijóo no pouco tempo de vida que o contempla foi colocar a lingua na cerna das preocupacións dun sector social non intranscendente. Cando o doutor Fausto asinou o pauto con Mefistófeles, ambos partillaban unha concepción pintoresca do conflito lingüístico. Nadan nun mollo de prexuízos coa zunia dos afogados. Por iso acometeron un cálculo inxenuo de danos, perdas e ganancias. Mefistófeles cre que nunca ten nada que perder; todo ha de ser beneficio. Fausto é escravo do constante arreguizo que lle fura o corpo coa posibilidade, non incerta, de perder a beleza, a mocidade, o vigor e a vida. Ambos, deixándose levar máis polos pouco confesables desexos ca pola súa limitada capacidade de raciocinio, erraron no cálculo. Ao varear sen xeito as pólas da árbore do coñecemento para que a lingua caia ao chan e apodreza, o goberno de Galicia colmou as arelas dunha exigua tropa de incondicionais. Mais está a organizar, sen o querer, un exército teimudo na oposición á glotofaxia.

A pesar de anos de políticas lingüísticas erráticas e erradas, nas que todos teremos algunha cota de responsabilidade, certos prexuízos lingüísticos, tan vellos coma infames, foron quedando no fondo do caldeiro da varredura. A sociedade galega asumiu masivamente esa destrución, da que agromou outra consideración da lingua. É certo que de aí a inverter tendencias substitutorias aínda media un treito espiñento que está sen percorrer, pero encetar o camiño é condición indispensable para chegar a algunha meta. Mais os preconceptos non terminaron de morrer; algúns, delirantes, sobreviven en redutos sociais e políticos, tropa de incondicionais, reaccionarios de profundas carencias formativas e culturais.

Fausto e Mefistófeles pactaron socializar os vellos prexuízos, izalos á superficie e vertelos pola pel de Galicia coma un mar de auga fervendo. Agardaban que sufriramos os seus efectos sen murmurar unha queixa. Galegos resignados e pacíficos. O goberno deseñou a desfeita sosegada dos escasos avances normalizadores. O resultado é un enfrontamento que envolve cunha cortiza áspera o conflito lingüístico. O único rédito que van tirando do investimento é o acto reflexo de recuarmos a un discurso de mínimos, de defensa da escaseza e nalgúns casos mesmo de morriña polos tempos pasados.

O sábado pasado, 3 de outubro, presentouse Prolingua. Non me estenderei sobre os seus obxectivos. Convido a acudir á páxina e subscribir o manifesto. Esta nova iniciativa arrinca con máis dun milleiro de apoios e unha asemblea fundacional numerosa. É unha bagaxe que non significa nada se todo queda nun soño de boas intencións, pero indica xa que os cálculos de Fausto e Mefistófeles foron erráticos e erróneos. Igual ca outras iniciativas, como os actos previstos para os días 17 e 18 de outubro, Prolingua é só o resultado da sensibilización profunda dunha parte non residual e activa da sociedade galega.

Prolingua non será unha plataforma que veña ao escenario público para substituír ou eclipsar outras iniciativas. Complementarase con elas. A orixinalidade das súas formulacións e da súa estrutura organizativa achégalle unha identidade novidosa e afouteza para afrontar os ataques, pero, sobre todo, para protagonizar iniciativas normalizadoras. E para executalas. Porque Prolingua non é máis ca a vontade común dun amplo grupo de falantes determinados a non ceder a súa soberanía lingüística a quen non ten nin lexitimidade nin dignidade para sostela. Prolingua significa tamén diversidade dentro da unidade, unha evidencia da nosa capacidade colectiva para asaltar o mesmo obxectivo transitando vieiros que se cruzan e se xuntan e corren ás veces en paralelo. Normalización.

Benvida, Prolingua. Boa saúde e longo traxecto.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Outubro 2009
    M T W T F S S
    « Set   Nov »
     1234
    567891011
    12131415161718
    19202122232425
    262728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN