Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Setembro 16th, 2009 at 10.27 a.m.

Un club de calceta

clu_4775No ano 2006, María Reimóndez publicou O Club da Calceta, unha excelente novela de mulleres que determinan dirixirse máis aló do que a convención sistémica permite entender por liberación. Entre setembro de 2008 e a primeira metade deste ano, a min tocoume o pracer de dirixir, dentro do proxecto da TVG Un Mundo de Historias, a película do mesmo título, unha adaptación libre da novela de María que conserva trazos fundamentais do texto e engade algunha visión diferente.

Na novela, seis personaxes femininos, creo que moi ben construídos, vanlle ofrecendo ao lector e á lectora a información precisa para comprender as súas traxectorias vitais, os seus sufrimentos, as súas frustracións. Na película, o personaxe de Luz, maxistralmente interpretado por María Vázquez, adquire un lixeiro protagonismo en relación coas outras catro mulleres: Anxos (Sonia Castelo), Matilde (Susana Dans), Elvira (Mela Casal) e Rebeca (Katia Klein), tamén extraordinariamente recreadas. E iso é así porque Luz representa, na miña opinión, a máis brutal opresión, a cousificación feminina. A prostitución.

Falo da novela e mais da película, que confío en que non tarde moito en poder ser vista, porque estes días a prostitución veu a converterse en obxecto de información e de opinións máis, menos e nada doutas. Non por ser unha preocupación existencial e cotiá de xornalistas, políticos, opinadores, sindicalistas, feministas, alcaldes e emprendedores varios, senón porque se converteu de golpe nun furuncho que ao decoro da sociedade que nos habita lle xurdiu na epiderme por mor dunhas fotografías dun xornal nas que se observan exercicios de prostitución na rúa. É a diferenza entre a realidade existente, a que os medios de comunicación confirman, e a inexistente, a que os medios ocultan.

O exercicio da prostitución, reclaman algúns, debe ser regulado. Só así se evitaría, ao parecer, esa amplísima zona escura do negocio e a explotación mafiosa que xermola no baleiro legal. Ninguén pode negar a existencia de poderosas mafias que se aproveitan da miseria e da ausencia de horizontes vitais para traficar salvaxemente con mulleres. Poucas voces negarían a necesidade de persecución desa actividade. Pero a realidade é máis complexa, argumentan os defensores da regulación, e inclúe mesmo un exercicio voluntario da prostitución. A estas traballadoras do sexo habería que lles recoñecer os mesmos dereitos ca a calquera grupo de asalariados. Nada se gaña, argumentan, pechando os ollos a unha realidade que existe desde o principio dos tempos.

Pero a pesar de todas esas aparencias, outros entendemos que a prostitución é unha forma de escravitude que non pode ser tolerada por unha sociedade que aspire á dignidade e á liberdade para todos os seres humanos. Nas relacións sexuais, todas as modalidades son lexítimas e lícitas sempre que haxa acordo mutuo, iso é evidente. Mais no caso da prostitución este acordo mutuo sería moito máis que matizable, pois media na relación un proceso mercantil que cousifica a mercadoría. Probablemente ninguén se prostitúe por libre elección, é dicir, porque ese mal chamado oficio lle pareza a mellor forma de realizarse humanamente. É máis que probable que mesmo naqueles casos nos que en aparencia se exerce voluntariamente a prostitución haxa unha acumulación de nefastas necesidades. Ao cabo, tampouco ninguén vende voluntariamente a súa forza de traballo se non é obrigado polas necesidades de supervivencia aínda que en teoría a lei recoñece a libre vontade das dúas partes que asinan un contrato laboral. En realidade, non están tan lonxe ambas as formas de dependencia, só que na prostitución tocan o paroxismo a explotación, o dominio, a dependencia, un exercicio brutal do poder ata a anulación mesma do ser humano. É difícil atopar casos de exercicio da prostitución por libre vontade das mulleres e non por entrega forzosa, por dependencia, por escravitude. Talvez non sexa unha casualidade a ligazón tan estreita entre o exercicio da prostitución e a drogadicción. “A ti déronche a elixir traballo, e escolliches puta, que era máis divertido”, di ironicamente Luz. Porque no fondo, pensar na prostitución como o resultado dunha elección libre ten o seu aquel de ironía. Non falamos só de sexo, malia as aparencias. Non é soamente un contacto sexual diferente o que a maioría de clientes buscan no mercado da prostitución, senón a posibilidade de exercer sobre outro ser humano un poder sen límites, o dominio absoluto sobre o corpo e a vontade dunha muller convertida en mercadoría.

O problema non ten doada solución. Desde logo, a alegalidade da que goza o negocio da prostitución só prexudica as vítimas. Poida que a regulación axudase a mitigar algún pequeno síntoma desta enorme doenza social, mais os beneficiados serían fundamentalmente os donos dos negocios de alterne. É posible que a prohibición non sexa o remedio universal, porque este só empezariamos a albiscalo nunha sociedade libre de explotación, de dominio, de submisión e de escravitude. Pero significaría un decisivo e contundente paso adiante sempre que o obxectivo sexa a protección das vítimas e a persecución de clientes e proxenetas. A existencia dun exercicio negador da dignidade, da liberdade, non xustifica a súa aceptación social mediante leis que o regulen. A escravitude non pode ser regulada co adaxo de que a súa persecución non a daría erradicado de todo. E a prohibición non debería negar o recoñecemento de dereitos ás vítimas do delito, senón todo o contrario.

En O Club da Calceta, Luz acumula toda a forza que parecía non posuír para desprenderse da prostitución. Non porque practicar sexo teña nada de repugnante nin de reprobable moralmente. Xustamente, todo o contrario. Porque sexo e humillación no mesmo sintagma fabrican un oxímoro estarrecedor, e a prostitución é un humillante descenso ao nada no escuro remuíño dun negocio que se lucra co dominio e co desexo dun poder absoluto sobre o corpo e a vontade das vítimas. E as vítimas, que casualidade, son mulleres pobres.

Talvez precisen armar algún club de calceta.

clu_49481

Etiquetas: , , , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Setembro 2009
    M T W T F S S
    « Ago   Out »
     123456
    78910111213
    14151617181920
    21222324252627
    282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN