Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Setembro 3rd, 2009 at 2.02 p.m.

Normalidade sen anomalías

En Chile, a xustiza puxo orde de busca e captura contra militares implicados na criminal represión do réxime do golpista Pinochet, que enterrou o goberno lexítimo de Salvador Allende vai facer 36 anos de aquí a uns días. En Galicia, un tal Antonio D. Olano deleita co seu pregón das festas de Vilalba os mecanismos viscerais da dereita franquista española. E perdón pola redundancia. Ao seu carón, nas pouquiñas fotografías que nos ofrecen uns medios mestres na ocultación, o novo Conselleiro de Cultura escacha coa risa. Alguén os cría para se eles arrexuntaren.

Olano non é a excepción que luxa a tradición democrática da dereita española; todos zugan do mesmo chafariz. Na Europa republicana de filiación democrática burguesa, a dereita é antifascista. En España non sabe nin pode nin quere selo. En Europa, o negacionismo está perseguido; en España, non só concorren ás eleccións cantas candidaturas fascistas queiran presentarse senón que o revisionismo filofranquista espállase en emisoras de radio, xornais e televisións, xusto alá onde gusta de alternar o noso Presidente Feijóo, que se ve por Intereconomía ou pola COPE máis fachendoso ca un rato no pico dun queixo.

Que Antonio D. Olano vaia a Vilalba e largue no seu pregón de don Franco coa admiración que se lle supoñía é unha anécdota sen importancia. Pero dá indicios. Alguén imaxina que ocorrería en Francia se o seu Ministro de Cultura acudise a lle aplaudir e a lle rir as ocorrencias a un conferenciante que se dedicase a loar a Pétain? Tan inverosímil a posibilidade como que á súa Ministra de Sanidade lle dera por se guiar publicamente conforme ás súas lexítimas crenzas relixiosas e desprezase a falta de forza moral de cidadáns e cidadás que non comparten o seu pensamento mítico e supersticioso, e perdón agora polo oxímoro. Pilar Farjas e Roberto Varela son, por contra, unha beizón hispana.

Mentres os xuíces de Chile poñen en orde de busca e captura militares implicados na represión da ditadura, os españois estudan a maneira de esbarrancar decisións parlamentarias, ou sexa, teoricamente, da soberanía popular. A soberanía española que non reside en militares, xuíces, banca e igrexa é só aparente. A tutela destes sectores vixía calquera posibilidade de decisión das diferentes nacións do Estado. A morte do ditador non supuxo un cambio de réxime senón unha restauración que lle poñía o ramo a calquera remota esperanza de reposición histórica da República asaltada polos militares fascistas un 18 de xullo de 1936 como reacción contra as conquistas das nacións sen estado e das clases traballadoras. Non houbo saneamento, non houbo castigo, non houbo restitución, non houbo xustiza histórica. Por iso Pilar Farjas, Antonio D. Olano, Roberto Varela ou Mayor Oreja non son anomalías; son a normalidade española. Contra as linguas, contra as culturas, contra as nacións, contra a capacidade de decidir, contra a tradición republicana, contra o laicismo, contra a liberdade, contra o proletariado. Contra a democracia, en definitiva, adobíen como adobíen o seu nacional-catolicismo.

Menos mal que temos aí a Don Santiago Rey, ese home enteiro, de aspecto xuvenil aínda que rexo, de peso intelectual apoiado en man dereita e mirada ao infinito, certeiro, primeira persoa, sempre el, que vela por nosoutros, que nos axuda a comprender a realidade, que sufriu e sofre por Galicia, que foi reprimido, que non dorme para ofrecernos a súa sabenza e entrega xenerosa, que é galeguista ben entendido, que usa o seu xornal para acumular diñeiro público por actividades que despois ataca, que chantaxea desde as súas páxinas con ameazas ao estilo das mafias menos sutís. O filántropo, editor, intelectual polifacético, sabio, fillo predilecto de Galicia enteira se non do Universo en expansión, volveunos iluminar hai días esta gruta lóbrega cun tratado breve pero excelso. A súa prosa é brillante, sinxela pero profunda. Lóxico é que haxa quen non dea penetrado en toda a carne do seu ser dialéctico. Non hai problema. Para mellora vital deses seres vulgares, Xosé Luís Barreiro veu a glosárnolo con próxima, aínda que non parella, iso nunca, mestría. Ao lelo, calquera tería a sensación de ulir o betume de lle limpar as botas co que o profesor enxaugaba a boca. Imprescindible, Barreiro.

Se eu fora Feijóo, que por sorte para el non o son, pedíalle audiencia inmediata ao Gran Editor-Filántropo-Filósofo-Fillo Predilecto Universal para lle solicitar de contado informe de todo o que precisa, do que desexa, do negocio que mellor lle viría. Outramente, talvez corra perigo o Presidente de ver borrosa a súa impoluta imaxe nas exemplares páxinas xornalísticas que don Santiago mantén ao noso servizo. Este non é Mefistófeles. Manexa o lume infernal con mellor destreza.

Deus, o da Conselleira, lle conserve por moitos anos ese aspecto xuvenil.

Etiquetas: , , , , , , , , , , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Setembro 2009
    M T W T F S S
    « Ago   Out »
     123456
    78910111213
    14151617181920
    21222324252627
    282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN