Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xullo 28th, 2009 at 2.04 p.m.

Enquisas, encuestas e inquéritos

A un xornal coruñés, de longa traxectoria obsesiva contra a lingua e a cultura de Galicia cando non son inocente exotismo, úrxelle acariñar con aparencia científica os seus desvelos polo goberno de Galicia presidido por Núñez Feijoo. Para celebrar os seus primeiros cen días, o antedito xornal regala unha enquisa para quen teña asaduras resistentes. De se repetiren hoxe as eleccións autonómicas, seica, o partido do presidente andaría a orbitar ao redor de Marte mentres os coitados que buscan os seus farrapos polos asentos da oposición andarían a escaravellar na terra que os sepulta para ver algo de luz, respirar un pouco aire e albiscar a esperanza de saír do foxo profundo.

A lectura á que convida o xornal, a de primeiro nivel que evita rozar o cerebro e acampa nalgunha víscera espida de neuronas, ten doada descodificación: o goberno de Núñez Feijóo atina coma ninguén cos intereses, gustos, desexos e proxectos da maioría silenciosa, esa que nunca teñen en conta intelectuais orgánicos, escritores e demais xente de certa cultura e penoso costume de se enfeitaren con posicións galeguistas. Pero de galeguismo político, non do cordial chachi. Ao decatármonos de que o máis luminoso facho do goberno emite radiación de subalternidade cultural e extinción lingüística, tampouco ha de ser moi complicado interpretar as lecturas máis profundas de tan necesaria enquisa. A filantropía ten estas cousas. Xa nolo avisou o Gran Editor antes das eleccións.

Fermín Bouza, que disto sabe infinitamente máis ca min, analiza no seu blog a enquisa esta. Non é preciso engadir máis nada. Se acaso, subliñar a idea de que esta caste de enquisas se fan para convencer o derrotado da inutilidade da súa perseveranza no erro. Pase vostede ás ringleiras do vencedor, vén a dicirnos o xornal seica liberal; as dos vencidos son unha acumulación de desorientado vagar á valga, a paráfrase do naufraxio. Vostede verá, pero a historia leva un impulso diferente.

Por se o lector non anda moi avisado e non dá coa correcta interpretación de tan necesarios datos, sempre aleuto e con dispoñibilidade absoluta para os desexos do amo, o editorialista oficioso do xornal, Roberto Blanco Valdés, afía a plumiña cativa, ignorante e exenta de brillantez. Como non podía ser doutra maneira, no seu artigo do 26 de xullo ilumínanos cunha lectura da realidade tan profunda como é norma no seu labor analítico. Desvélanos o significado verdadeiro de tan importante traballo demoscópico e exalta, un por un, os asuntos que definiron a acción do goberno e mediante os cales Núñez Feijóo asegurará sucederse a si mesmo co contento dunha masa entusiasmada de súbditos: austeridade e redución de cargos, derrogación do decreto e enquisa sobre o galego e redución da gratuidade dos libros de texto. En contra da opinión que o xornal coruñés ten dos seus lectores, que ao parecer precisan da interpretación maxistral de tan alto intelectual nada orgánico, eu non comentarei eses remarcados logros do goberno desvelados polo soldado de Fernández Latorre. O seu enunciado fala por eles.

Como o destacado labor de articulistas, xornalistas, editor e demais achegados do xornal aludido foi notable durante a campaña das últimas eleccións autonómicas e estas tiveron o resultado que coñecemos, sectores ligados ao goberno bipartito, fundamentalmente os nacionalistas, situaron o xornal coruñés entre os culpables da derrota. Xa se sabe, sempre factores externos. Pero nin os intereses do xornal son estritamente electorais, nin unha derrota se produce só pola influencia dun medio de comunicación, a menos que este sexa capaz de xerar unha realidade paralela e obrigue a lectores e votantes a habitárena sen se decataren. Ocorreu iso en Galicia? Que o digan os partidos do réxime, porque en tal caso quedaría deslexitimado de raíz o sistema e o propio réxime.

O xornal de Fernández Latorre non espertou hai dous días a unha conciencia que o impulsase a cavar unha gabia de mesquindade ao redor das tímidas políticas do anterior goberno. A súa militancia contra a cultura e a lingua de Galicia é vella, de tan vella, balorecida. Anterior a cando concellos e institucións de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos políticos, ían investindo a don Santiago fillo predilecto e adorado. Algún concelleiro do BNG na Coruña chegou a referirse, feliz, á imprescindible contribución a todo o que somos e non somos do xornal e do seu dono polo simple feito de existiren. Mentres Henrique Tello desexaba que La Voz de Galicia nos sobrevivise a todos, porque os gobernos e nós pasamos pero o xornal e a obra do seu dono permanecen, a empresa editora ofrecía libros co periódico mediante campañas consistentes en asegurar que a mellor literatura galega se escribía en castelán. O oxímoro pailán só era un dos diarios exemplos dun universo conceptual que agora reproduce Núñez Feijóo coma se fose de colleita propia. O propio Blanco Valdés ten razón de ser na medida en que siga vivo o discurso de subalternidade e submisión plena, de extinción calada da lingua, adornada co manexo de conceptos cinicamente manipulados. Augusto Assía, aquel vello editorialista camuflado, xa era cordialmente defensor da liberdade de elección cando berraba tronante contra calquera tímido intento de recuperar espazos de uso social para unha lingua que estes incultos consideran tamén subalterna. Seguro que o daquela Director Xeral de Cultura, Luís Álvarez Pousa, ten boa memoria da época. Esqueceríao todo Barreiro Rivas?

O discurso e a praxe política de Núñez Feijóo non son novidosos. Abonda con facermos un percorrido histórico polas páxinas do aclamado xornal coruñés para comprobalo. Que o BNG se dea conta agora produce perplexidade, porque indica que a organización nacionalista focaliza as súas preocupacións e as súas respostas na propia posición electoral e non nos ataques frontais, nunca abandonados, sen camuflaxe, nese estilo cínico de Augusto Assía e de sofisma infantil de Blanco Valdés, contra a lingua e a cultura de Galicia. Quizais as maquinarias institucionais sofren esa irremisible e penosa tendencia á autorreprodución que as obriga a interpretar os ritmos sociais segundo os seus intereses grupais, nunca de clase, e por expectativas inmediatas de ocupación institucional. Atravesar as institucións galegas durante unha lexislatura non xa sen transformar anacos da realidade subalterna imposta senón renunciando a mudar as vellas políticas lingüísticas e culturais segue a insculpirse como unha lembranza dolorosa, sobre todo ao sufrirmos a política de demolición que practican o xornal coruñés e o seu brazo executor. Nunca o anterior goberno deixou de subvencionar sobexamente a rede empresarial do imprescindible e inevitable Fernández Latorre. A renuncia a planificar unha política lingüística e cultural normalizadora por primeira vez na nosa historia recente non lle acaeu ben a un goberno de esquerda e con participación nacionalista. Non mudar os vellos marcos na anterior lexislatura permítelles aos novos gobernantes e ao xornal que os sostén unha política e un discurso de extinción e subalternidade. Posto que se renunciou a fortalecer con medidas de avance un edificio feble, hoxe a demolición é máis doada e invasora.

Se a lección servise para corrixir rumbos, benvida sería.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xullo 2009
    M T W T F S S
    « Xuñ   Ago »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    2728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN