Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xullo 24th, 2009 at 2.19 p.m.

Pracer e castigo

A dereita vive obsesionada co castigo. Non porque os que se adscriben a esa beira ideolóxica nazan con algún xene que lles determine o pracer por penalizar inflexiblemente os seus conxéneres. Tampouco será porque sufran ningunha eiva física, como lle ocorría a aquel personaxe da película Todos din I Love You, de Woody Allen, que sendo fillo de demócrata militaba nas ringleiras conservadoras e antiabortistas por mor dun tumor que non lle deixaba chegar sangue e osíxeno ao cerebro.

Ese culto ao castigo dos conservadores talvez ten máis que ver coa súa posición social, cos lugares que ocupan nas relacións de poder e tamén coa propiedade. Non todos os conservadores, liberais, dereitistas ou mesmo fascistas teñen poder nin gozan de propiedade, iso é evidente, pero o poder e a riqueza exercen unha atracción que axuda a reproducir comportamentos e a asumir principios aínda que atenten en moitos casos contra os propios intereses. A fascinación da autoridade, da xerarquía e do dominio. Mesmo os hai dispostos a o sacrificaren todo, o que son e o que poderían aspirar a ser, polo benestar, a riqueza e a felicidade dos amos.

Algunha conexión ha de haber entre a fascinación polo castigo e a centralidade deste na relixión, tanto no plano mítico -o gran castigo eterno- coma no social e no individual -o castigo como referencia proscritiva do dereito natural; o castigo como porta á penitencia camiño da purificación. O sentido relixioso da orde social conecta a dereita coa devoción polo castigo.

A autolesión, porén, non está incluída entre as patoloxías da dereita. O autocastigo queda reservado para os febles, e a febleza é incompatible, ben o sabemos, coa alta responsabilidade de guiar colectividades material e espiritualmente. Probablemente esa será a razón pola que a cúpula -e os votantes- do Partido Popular non quere saber nada dos gromos de corrupción que lles xorden na hortiña da casa mesma. A corrupción é inherente ao sistema, parte do seu motor; non merece castigo. Se cadra, soamente discreción. O pico da pirámide social non pode someterse aos xuízos infundados das dimensións inferiores. O xuízo só é concibible se o emite a superioridade, outro non é posible. A xustiza ten que ser fiel á súa función de garantir a inmobilidade social absoluta. Tampouco o poder divino admite xuízo. Só Deus pode xulgar os homes, nunca os homes a Deus. Iso sería o máis mortal dos pecados e xustificaría o castigo máis cruel e os tormentos máis atroces. A orde require esta garantía de inmobilidade que tan cara lle é á dereita e á que tanto lle gusta aproximarse a esquerda institucional. O importante é que nada mude, que nada altere o statu quo. Os votantes son instrumentos de lexitimación mediante a reprodución de tan esquemáticos, simples e infantís razoamentos.

O xuízo de arriba abaixo. De Deus aos homes. Por iso a corrupción será unha práctica só posible nos de abaixo. Nos de arriba é negocio. Para que querería corromperse un rico empresario se xa ten todo o que desexa? Máis doado será que se corrompa un pobre ao que lle falta de todo para o ter todo. De aí xorde a cegueira ante os propios pecados e tamén a severidade na aplicación de castigos inflexibles e exemplares aos inferiores por mor das súas debilidades conxénitas. Seguimos no lugar de sempre: se unha muller aborta, aínda que sexa por necesidade, castigo. Se alguén practica sexualidade contra natura, castigo. A forma é variedade. Desde a pena de privación de liberdade á privación de dereitos. Tamén a pena de morte, se é precisa. A dereita excítase coa privación allea. Será a síndrome da acumulación.

Os espantosos crimes contra dúas nenas ocorridos hai uns días, con menores como odiosos protagonistas, volveron excitar na dereita o degaro de castigo. Voceiros do PP e reprodutores mediáticos das ideoloxías conservadoras coinciden na necesidade urxente, nada máis urxente e necesario, de reformar a lei do menor para facer dos nenos suxeitos de castigo de privación de liberdade. Entre un neno, Bárcenas e Camps, o linde entre o castigo ao inferior e a inocencia do modélico competidor.

O castigo non cumpre ningunha función social positiva, pero sérvelle ao poderoso para enfatizar o seu dominio sobre os corpos e os cerebros e mais para sacralizar a propiedade e a orde dela derivada. O castigo non é espello refractario que convide aos delincuentes en potencia a non cometer delitos. Iso é mentira. Como é mentira que a ausencia de castigo convide ao delito, ou que a despenalización do aborto convide ao aborto por puro pracer. Mentira e froito dun razoamento primitivo, inferior á idade penal.

Se o Estado non ten dereito a entremeterse na educación dos nenos, nin no tocante ás linguas vehiculares do ensino nin na aprendizaxe de materias non relixiosas que a dereita considera doutrinarias; se a responsabilidade da educación e dos valores dos nenos corresponde aos pais en exclusiva, talvez sexan os pais os que deban responder dos actos de seus fillos pequenos que aínda se están formando como persoas.

Que busquen a dereita, Andrés Aberasturi e outros as razóns do crime na propia miseria dos seus principios sociais, económicos e políticos. No modelo de convivencia que se lles transmite aos pequenos, na exaltación da competencia e do poder, no desprezo á solidariedade e ao común, na institucionalización da humillación do inferior, no rexeitamento obsesivo de todo o diferente.

Eles son os culpables. Que non queiran, por riba, gozar co castigo alleo.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xullo 2009
    M T W T F S S
    « Xuñ   Ago »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    2728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN