Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xullo 21st, 2009 at 1.18 a.m.

Deus no Universo

É curioso que a nosa obsesiva observación do ceo fose dando lugar ao abandono de vellas referencias míticas sobre os espazos do alén destinados a proporcionarnos felicidade ou sufrimento eternos. O ceo perde valor mítico ao tempo que gaña para nós en significado real. Canto máis coñecemos o que nos rodea, menos cremos no que non vemos. Talvez a ciencia e a fe non son incompatibles, pero coincidiremos crentes, agnósticos e ateos en que a ciencia non precisa de Deus para atopar explicacións, non o necesitamos para colmar aos poucos as nosas arelas de coñecemento. Deus non é necesario. Sería inxusto e inaceptable que por mor desta constatación os crentes fosen obrigados a renegar da súa fe e do amor ao seu Deus e a renunciar ás particulares normas das súas seitas, confrarías, relixións ou como mellor se lles queira chamar. A liberdade de credo relixioso é un dereito indiscutible —defendido normalmente por ateos.

A contemplación e o coñecemento do Universo ten a capacidade de abraiarnos. Observarmos algo que ocorreu hai miles ou millóns de anos mergúllanos no regato da ficción científica. A ciencia é cada vez máis unha extraordinaria narración capaz de manter no punto máis elevado a nosa atención como receptores. Nesta altura do coñecemento, é difícil atoparlle un acomodo a Deus. A relixión explicaba cousas que desde hai moito tempo teñen xa explicación racional arredada de construcións míticas. Todo é materia, esa antagonista eterna do espírito, mesmo os soños. As vellas ideas da elevación da espiritualidade fronte á baixeza do material son absurdas e negan o ser humano e o que o arrodea. Para algúns, esta potencia da materia é sinal de degradación; a perda de espiritualidade dirixe á apocalipse, ao final dunha humanidade que renuncia a disolverse no espírito de Deus. Para outros, ese desequilibrio sería imprescindible para o coñecemento e, por tanto, para sermos máis libres e felices nesta existencia sen necesidade de esperar por outra vida cuxa realidade non pode ser probada.

A relixión é o opio do pobo, deixou dito Karl Marx para ilustrar o efecto anestésico da fe nos seres humanos. A relixión dálle xustificación moral á explotación, aos actos dos poderosos, serve para acougar aparentemente o sufrimento dos desposuídos e para xustificar a necesidade da opresión mediante a súa sublimación. Se Deus, que todo o pode, todo o ordena e todo o fai con algunha finalidade conforme a unha intelixencia que a razón humana é incapaz de comprender, determina que un home ou unha muller ha de sufrir privacións, dor, dominio e opresión será porque lle ten reservada unha felicidade imposible de imaxinar xusto para cando termine o seu paso por este val de lágrimas. O pobre, o miserable, terá que aceptar resignadamente os designios da intelixencia divina e vivir con alegría a súa penosa situación á espera do ceo prometido. Rebelarse sería o peor dos pecados. A soberbia de enfrontarse aos designios de Deus ten pena que non dará abranguido a imaxinación humana: o inferno. Para inferno, o que me toca vivir, pensarán algúns, e nese mesmo pensamento está insculpido o pecado. Acaso non aceptou o propio Xesús Cristo con resignación o sufrimento sabendo que proviña da intelixencia infinita do Creador?

Mentres o ser humano teima no coñecemento das leis da materia, do universo, a Igrexa non se move dunha particular interpretación da Lei Natural. Cando Rouco Varela supedita o dereito positivo ao dereito natural exhibe unha concepción totalitaria coherente coa súa fe pero incompatible cunha organización democrática e igualitaria da sociedade humana. É a necesidade de imposición da propia fe e dos valores que dela emanan á totalidade dos individuos humanos, independentemente das crenzas de cada un deles. Desexo extemporáneo, amais de irracional, pois o ser humano leva tanto tempo como a totalidade da súa propia historia nunha batalla irreconciliable contra as determinacións da Lei Natural. E non desexa volver a épocas felizmente superadas.

Ao reclamar a Igrexa primacía do dereito natural sobre o dereito positivo pretende que os seus principios morais sexan hexemónicos na sociedade, a expresión dunha totalidade cuxo exterior non debe existir. Cando Rouco Varela acode á Lei Natural para expresar a necesidade de que o dereito positivo estea supeditado a ela, esixe un código penal con castigo severo para as desviacións que atentan contra ese dereito natural que ha de estar na orixe de todo. Ditado por Deus a través dos seus ministros na terra. Fascismo clerical, chámanlle algúns. O hedonismo anatemizado; o deber do ser humano é sufrir, sufrir sen pausa para purificar os propios pecados e acadar a felicidade nunha vida eterna de contemplación do rostro do Creador. Ora que os principios de sacrificio e gozo non son iguais para todos.

Rouco Varela, e con el a Igrexa Católica, desexa vieiros de santidade, e para eles esixe a pesada carga da lei contra quen se desvíe dos seus preceptos. Castigo e sufrimento na terra, que, coma as fogueiras da Inquisición, purifican as almas pecadoras. Pena civil para quen aborte, sexa crente ou non; castigo para quen practique a homosexualidade, sexa crente ou non; prohibición de separación matrimonial, haxa matrimonio eclesiástico ou non, sexa con malos tratos ou sen eles. E así interminablemente.

O obxectivo da relixión non é procurar cidadáns cada vez máis libres. Libres de pesares, libres de explotación e libres de pobreza. Non. Ao contrario; a súa razón de ser habita no control e o dominio. E ten o castigo como norma suprema. Pero se a felicidade non existe nesta vida, se non é posible nada que a imite ata despois da morte, por que non agardan a que sexa Deus na outra vida quen castigue os pecadores á pena eterna do inferno e teiman en inflixir en nós sufrimento antes da derradeira sentenza? É dicir, por que non nos deixan coas nosas leis e cos nosos desexos de ser o máis felices que poidamos e de gozar canto nos sexa posible. E eles, mentres, que se dediquen ao suplicio como vía purificadora para alcanzar a virtude.

Etiquetas: , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xullo 2009
    M T W T F S S
    « Xuñ   Ago »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    2728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN