Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xullo 6th, 2009 at 11.27 a.m.

Amor contra natura

Hai uns días, o Tribunal Superior de Delhi ditaminou que os actos homosexuais non son un delito e que a súa penalización viola dereitos fundamentais recoñecidos pola Constitución da India. Polo visto, o Código Penal criminaliza os actos sexuais contra natura, entre os que caen, como non, as relacións homosexuais, a transexualidade ou certos actos heterosexuais. Loxicamente, é de celebrar esa decisión do Tribunal Superior de Delhi, non xa polo que ten de recoñecemento simbólico de dereitos fundamentais, senón porque aliviará persoas afectadas por tal proscrición, castigadas mesmo con penas de cárcere.

A dura represión de prácticas sexuais contra natura non é exclusiva da India. Hai poucos meses, Francia presentaba na ONU un proxecto para a despenalización universal da homosexualidade; polo mundo adiante segue habendo multitude de persoas que sofren represión por mor das súas prácticas sexuais privadas. Castigos corporais, penas de privación de liberdade, mesmo a pena de morte. Todo iso, mais unha boa condena eterna, merecen para algúns as prácticas sexuais contra natura.

Argumentar nestas alturas a favor do dereito a unha sexualidade libre entre adultos dá un reparo interminable. A historia do ser humano é unha loita sen desmaio contra natura. Andarmos vestidos, vivirmos en edificios construídos por nós, a razón fronte ao instinto, todas esas cousas que insisten na nosa teima continua contra as determinacións da Lei Natural. Ruboriza escoitar a escusa das prácticas contra natura como coartada para toda caste de atrocidades.

Ante a sentenza do Tribunal Superior de Delhi, a alegría entre homosexuais e outra xente nobre non é estraña. Tampouco o é a oposición que inmediatamente manifestaron as confesións relixiosas. Hindús, musulmáns e cristiáns escandalízanse. Todo acto contra natura viola a razón relixiosa, ese oximorón. A resposta relixiosa, ao se opoñer á despenalización, consiste en defender explicitamente a imposición de castigos; non abonda coa condena moral ao acto en si, esíxese o castigo público, a penalización. Móveos a idea do dominio absoluto sobre o corpo e sobre o ser na súa totalidade.

O Vaticano tamén se opuxo á proposta francesa de despenalización universal da homosexualidade. Para a xerarquía católica, a pena de morte que nalgúns estados se lles impón a homosexuais é xusta e necesaria. Antes mortos que maricóns. Na católica escala de valores, ligada á Lei Natural, entre a pederastia, a homosexualidade e o aborto, as penas aplicables deben ser proporcionais á gravidade do delito. A Igrexa ve ben o asasinato legal dos que practiquen unha sexualidade libre que para eles é aberrante. Como todo o que porte con fachenda ese cualificativo ceibo. Porque, propiamente, libre só pode selo Deus.

Os que con tal saña se opoñen á despenalización de certos actos fan gala dunha peculiar concepción da existencia baseada no sometemento absoluto de todo ser humano, crente ou non, aos designios divinos, á moral ditada pola Lei de Deus, ás determinacións de seres autoproclamados infalibles, ás estreitas marxes do natural. Non se conforman nestes casos coas terribles e seguras condenas eternas, esixen represión e dominio sobre os corpos. Expropiar os corpos e todo o que conteñen e son capaces de orixinar, incluídos os pensamentos, as vontades e os desexos. Mancalos. Porque o dominio absoluto sobre cada corpo é a garantía última do dominio sobre a totalidade dos seres humanos, nos ámbitos públicos e na propia privacidade, na intimidade mesma.

A tradicional teima obsesiva da Igrexa Católica —e das outras relixións— co corpo é a consecuencia dunha necesidade de dominio orgánico da totalidade humana. Sen marxes para a libre decisión, para a liberdade. Toda práctica que exalte o dereito de cada un sobre o seu propio corpo, é dicir, a súa posesión, desde a homosexualidade ou calquera práctica sexual libre ata o aborto como dereito da muller sobre si, é para as igrexas unha representación viva do mal. Son actos contra natura. Humanos, por tanto. Amor contra natura. O mal. Por iso esixen condenas. En realidade, non están tanto contra o aborto como a favor de que se inflixa con total severidade castigo duro a quen ouse practicar o dereito de decidir sobre o propio corpo.

Decidir sobre o propio corpo e practicar con el en liberdade é un dereito irrenunciable froito de conquistas relacionadas coa pulsión liberadora do ser humano. Ninguén renunciará. Calquera exercicio dunha sexualidade libre, na medida en que afirma a posesión do propio corpo, sexa homosexual, heterosexual ou onanista, socava o poder da Igrexa. Calquera poder. Por iso merece castigo. No outro lado da vida, castigo eterno. Se por eles fora, tamén nesta vida duro castigo, severo, cruel. A purificación mediante o sufrimento radical.

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.

  • Xullo 2009
    M T W T F S S
    « Xuñ   Ago »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    2728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN