Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Xuño 26th, 2009 at 1.23 p.m.

Extintores e Principio de Distancia

in: Lingua

É sabido que Gloria Lago suspira pola extinción da lingua galega. Non unha extinción absoluta, home non; un esvaecemento balsámico que lla retire da vista, nada máis. O que non soportan Gloria Lago, Roberto Blanco Valdés e os ignorantes templarios de Galicia Bilingüe, incluído o filólogo de FAES que non dá lido correctamente a Saussure, é a presenza da lingua galega, a posibilidade odiosa do contacto, o noxo ao contaxio. Desde hai tempo sabemos que os odios ás linguas, os desexos de exterminio e os prexuízos concomitantes son unha grosa representación de conceptos e sentimentos irracionais referentes ás comunidades de falantes.

A lingua é cuestión de clase. En todos os sentidos. O tecnicismo normalización provén da ciencia da socioloxía da linguaxe e expresa a necesidade de inverter tendencias de substitución. Opoñerse, como fan os ignorantes múltiples, ás medidas tendentes a inverter tendencias implica apoiar a substitución lingüística, desexala. Ou sexa, querer que desapareza a lingua socialmente feble.

Que a lingua galega viva desde hai séculos nas capas sociais máis humildes propicia a aparición do principio de distancia. Este principio opera en moitas direccións. Contra uns modelos enxebres de oralidade; tamén en certas posicións que conciben imposible o galego como lingua de cultura. Aquela estupidez -a ignorancia sempre é moi atrevida- de expresar a imposibilidade de xuntar lingua galega e matemáticas, física e ciencias en xeral, xa respondida convenientemente por grandes científicos galegos, era unha manifestación radical do mesmo principio de distancia que pace na convicción transxénica de que a lingua galega é inservible e prescindible, de inferior categoría, por andar fozando nas capas máis humildes da sociedade. De confiarmos na estupidez, teriamos que concluír que aqueles que non posúen certo acomodo económico, un grao determinado de formación e ademais viven en zonas distantes do embigo da civilización non teñen dereito a vivir na súa propia lingua; nin sequera, a posuíla.

Galicia Bilingüe quere corrixir e moderar as expresións radicais da idiocia, proveñan de Blanco Valdés, de FAES ou de Demetrio Peláez. Non propugnan directamente o exterminio; confórmanse con que aos nosos fillos non os mesturen cos deles. Nin a nós con eles. Todos xuntos e en unión agochan as súas vergonzas no rocho das miserias. A distancia é o seu horizonte, o lugar onde se condensa todo o seu coñecemento, que colle nunha partícula microscópica. Vale, están dispostos a aturar a existencia da lingua galega, pero lonxe e sen posibilidade de contaxio. Fóra da vista, como se fai coas vergonzas propias. Chámanlle a ese exilio liberdade, igualdade e rexeitamento á imposición. Manexan o mecanismo trapalleiro da inversión da proba. Son os extintores.

Os extintores non operan sos. Hai presidentes de deputación, conselleiros e presidentes da Xunta con complexo de practicantes: subministremos as mellores vacinas para previr os peores contaxios. Pura vocación de servizo público; cómpre preservar a saúde e a hixiene de certas minorías sociais que desexan non ter moito roce con falas propias de seres inferiores. A cristalización política do principio de distancia. A vergonza da orixe humilde ou a soberbia da orixe acomodada; a consideración do castelán como unha lingua propia de seres superiores, máis cultos, máis educados, máis intelixentes, máis finos. Mellores.

Fronte á extinción, vida e contaminación. Xustamente o que lles pon tanto medo. A lingua galega en todos os ámbitos, fachendosa, orgullosa, mesmo cun punto de chulería. Ese é o peor pesadelo dos ignorantes. E cando non poida ser, cando se impoñan atrancos para que a lingua teña aire co que alimentarse, haberá que exercer dereitos e reclamalos ante calquera instancia, mesmo xudicialmente. Na concreción, na materialización da realidade en casos concretos, persoais, identificables, estará o triunfo do discurso normalizador. E demostrando día a día que a lingua galega está máis viva ca nunca e ten un brillante futuro. Sen mensaxes de derrota e desaparición. Os discursos que datan a derrota non van servir máis que para preparar os funerais.

O galego é a lingua propia de Galicia. Por tanto, de todos os galegos e galegas, falen o idioma que falen en cada caso. Quen son un fato de ignorantes e irresponsables para impedir que todos os nenos teñan plena competencia lingüística en galego? A quen e por que pode molestar algo tan imprescindible e ao mesmo tempo tan inocente? Só a eses ignorantes e irresponsables. Aos que teñen vergonzas que esconder. Aos que non soportan compartir espazo cos seres inferiores. Aos que, na súa estulticia, se cren superiores. Aos extintores.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Xuño 2009
    M T W T F S S
    « Mai   Xul »
    1234567
    891011121314
    15161718192021
    22232425262728
    2930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN