Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Maio 27th, 2009 at 12.45 a.m.

Imaxes e folgas

A imaxe acaba sempre por se repetir. Nun mundo que tende a cada pouco a perder profundidade semántica, substituída por evocación connotativa pouco precisa, a imaxe parece valer máis ca mil palabras. Valor de cambio.

Os signos deben expresar o menos posible. Ás múltiples formas que adopta o poder, algunhas ben ocultas, a claridade significativa non lles interesa. Se a comunicación fose clara e precisa, se as linguas estivesen á marxe das relacións de poder e de dominio e de explotación, talvez xa non existiría antagonismo porque as desigualdades, o dominio, o control, a explotación e a propiedade serían ecos difusos do pasado. Radiación cósmica de fondo.

Pero a comunicación segue a ser obxecto de mercado. Fetichismo da imaxe convertida en mercadoría. Suxeita, por tanto, ao capital. Subsumida a este, que dicía Marx. Producimos en cadea nesa nova factoría postindustrial en que se converteu a sociedade completa, cos seus ámbitos públicos e privados fundidos. E somos consumidores de realidade. Os medios de comunicación veñen a ser simples canles dos fluxos necesarios para que a engrenaxe de explotación, produción, mercantilización e consumo non pare de traballar.

Cando os traballadores espertan á conciencia colectiva e se chantan diante das formas de dominio vital, algo no fráxil equilibrio que caracteriza o decorado social en que se interpreta o filme das nosas existencias empeza a abanearse. Se os traballadores do metal, poñamos por caso, deciden suspender legalmente as súas actividades e reclaman o que lles pertence, arrincan a un tempo todos os mecanismos de protección do sistema, mobilízanse os anticorpos para inxectar nos cerebros e nas vísceras da maioría social as pautas ríxidas do aceptable e do inaceptable. A violencia pasa a caracterizar xusto aqueles e aquelas que a sofren a diario. Non soamente a da policía, que sempre está aí para o que a necesiten, senón a dos que ordenan que actúe a policía. Os mesmos que pagan mal, que obrigan a traballar máis do aceptable, que manteñen a precariedade como ancoraxe do seu poder e símbolo da súa práctica social, que coñecen milleiros de formas de despedimento legal e ilegal, que fachendean de relacións íntimas co poder político, que gozan amosándose opulentos nunha crise cuxa orixe non lles é allea aínda que teimen en que a pague o traballo asalariado. Ameazan coa chantaxe do peche contra a lexítima esixencia de soldos que se aproximen o que poidan, que nunca é suficiente, ao valor do producido polas mans, os cerebros e os corpos dos asalariados. E teñen sempre a coartada amable e cómplice de xornalistas, medios de comunicación, políticos profesionais, profesionais da opinión que tremen co pánico cando escoitan a palabra lume ou proclaman o dereito da cidadanía, esa entidade abstracta e quimérica nun reino de súbditos, a non se ver afectada polas molestias que os pousos dunha folga, legal, pode ir deixando polas rúas dunha cidade. Todos eses, os que van gañar as próximas eleccións europeas, pase o que pase, representados na casa común de calquera das dúas pólas matizadas do Partido da Orde. Un único modelo.

Cando os traballadores toman as rúas, tamén brilla ao lonxe a imaxe, difusa, dunha era nova. Non é o cambio de base, non; soamente, o exercicio dun dereito e a esixencia de mellores condicións de traballo. Unha esixencia indefinida —non coma os contratos— mentres o mundo non sexa transformado polas mesmas mans, os mesmos cerebros e os mesmos corpos que lle dan vida a toda caste de produción. Cando unha folga, coas súas manifestacións e formas de acción directa, manca as purísimas meniñas dos ollos da xente de orde, non é ben visto falar das causas da mobilización, de como a combaten os empresarios, das armas que posúe cada quen. Para a xente de orde, toda aspiración proletaria non debe traspasar o horizonte de posuír un traballo, ese privilexio, non importa en que condicións. Ou iso, ou o terror. Velaí a cerna anoréxica dos modelos de comunicación contemporánea. A imaxe baleirada: pobres empresarios, cuxo obxectivo de producir riqueza para a sociedade a conta do seu sacrificio persoal está posto en perigo pola forza de rudos traballadores que empregan sen pudor a violencia e a coacción. Quen vai vir a investir se damos este mal exemplo con folgas e conflitos, din os sabios. Violencia, coacción, imposición… Soa reseso este produto seriado das fábricas do discurso e do pensamento?

Se vivira Roberto Vidal Bolaño había escribir a farsa en que financeiros, empresarios, políticos profesionais e especialistas mediáticos comparten mesa, conversas preocupadas e xogos inocentes e talvez nada inocentes. De fronte, no patio de butacas, espectadores silenciosos temerosos da violenta horda proletaria. A distancia brechtiana quedou rota. Nesta farsa, o espectador sofre. A conexión entre o escenario e o patio de butacas é perversa; empezou a forxarse cando o público perdeu conciencia de si e asumiu un rol de personaxe pasivo na función.

Sempre queda a posibilidade de abandonar a función. Eis o estreito fío de papel mollado que lle dá consistencia a este mundo. Se todos os asalariados deciden simultaneamente deterse e parar de producir a palloza esborrállase. Esa é sempre unha posibilidade aberta. Os actores da farsa sábense ridículos se non hai quen manteña a función, innecesarios, inservibles. De aí a súa necesidade de extremar as relacións de subalternidade e submisión, de dominio, de explotación. Facendo que recaian certos efectos da crise financeira nas contas exiguas do mundo do traballo asalariado: en precariedade, en salario e en tempo de traballo. Mesmo reinterpretando o dereito á negociación colectiva.

Farsa negra de personaxes mesquiños. Mala literatura.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Maio 2009
    M T W T F S S
    « Abr   Xuñ »
     123
    45678910
    11121314151617
    18192021222324
    25262728293031
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN