Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Maio 17th, 2009 at 2.13 a.m.

Urxente

Non por esperada, a noticia deixa de ser indignante. Ou é máis indignante precisamente por esperada. Porque aquí algunhas cousas xa se saben antes de que ocorran, e así o tempo e as súas incertezas non derraman o previsible, a solidez do infame, nin os actos das multitudes, dos suxeitos colectivos, de homes e mulleres, poden alterar os nomes e a fasquía da tona da realidade.

A candidatura de Iniciativa Internacionalista foi anulada polo Tribunal Supremo Español. Todo o que se pode dicir xa está dito. Apenas redundaremos na convicción de que a democracia é outra cousa, de que o control da liberdade de opinión e de pensamento é a constante dun réxime que non ten solución de continuidade desde xullo de 1936, cando o Xeneral Franco se levantou en armas contra a República e instaurou un réxime fascista co obxectivo triplo de dar paso a unha restauración monárquica, de ceifar as arelas de soberanía das nacións subalternas e reducir ao folclore as súas linguas e as súas culturas, de frear toda manifestación da loita de clases. Hoxe non vivimos baixo un réxime fascista, claro que non, non hai que menosprezar a súa capacidade de mutación e de substitución da tiranía polo control e o dominio, mais esa tríade de demos fundacionais (o republicanismo laico, o dereito a decidir das nacións subalternas e as aspiracións das clases traballadoras) gaña hoxe a primeira liña ao anular unha candidatura para as Eleccións Europeas. Alfonso Sastre e Méndez Ferrín acumulan nas súas historias persoais máis dignidade que todo un réxime nacido do dedo moribundo dun sanguinario ditador. Os medios de comunicación fan parte gozosa da trama, tan preocupados polos asubíos e as bandeiras dun partido de fútbol como por garantir a exclusión do outro, de todo aquel que pensa e propón realidade alternativa. A súa eliminación da realidade representada.

Talvez terminou aquí o periplo electoral de Iniciativa Internacionalista. Talvez empezan agora as manifestacións de apoio e solidariedade, de compromiso coa causa da liberdade e do dereito a decidir, aínda que a decisión sexa tan básica como depositar unha papeleta válida nunha urna. Aínda que sexa só esa. Talvez agroma tamén a derradeira encrucillada das formacións que se reclaman da esquerda e do nacionalismo —BNG, IU, etc.—, condenadas a decidir o seu lugar na farsa: ou cos que anulan dereitos fundamentais, ou cos que esixen o dereito de todos e todas a exercitalos. Os anulados.

Non é tempo de silencio. Ou si?

Engado este domingo á noite, despois dunha multitudinaria manifestación de apoio á lingua propia de Galicia, o documento  que as Redes Escarlata acaban de facer público. Coa mesma urxencia. Con determinación e claridade. Velaí o tedes.

A DEMOCRACIA ESPAÑOLA NON É SÓ A FISCALÍA DO ESTADO

Ante a ilegalización da candidatura Iniciativa Intenacionalista, que tiña previsto concorrer ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo, as Redes Escarlata queren deixar constancia do seguinte:

1.-Aínda que a nosa militancia pertence a diversas opcións políticas, consideramos boa nova o artellamento dunha candidatura que defende a autodeterminación desde posicións inequívocas de esquerda.

2.-O Estado marcou no seu horizonte a eliminación física de calquera ideoloxía hostil á monarquía constitucional. Nese proxecto común do PSOE e do PP quedan significativamente dentro da legalidade -así o advertimos no seu momento ao denunciarmos a Lei de Partidos- as organizacións ultradereitistas de signo xenófobo, nazi, católico, etc.

3.-A resposta contra este novo esmagamento das ideoloxías que España desexa expulsar da libre confrontación nun proceso electoral non debe vir só das propias institucións europeas, senón dos partidos, sindicatos e plataformas que se din democráticas. De non se dar unha inmediata reacción por parte do resto do espectro político galego, coidamos que no futuro será realmente difícil evitar a sospeita de que o silencio e a insolidariedade sirvan outro amo diferente do que, unha vez máis, criminaliza a defensa da autodeterminación e do anticapitalismo.

Saúde e República
Compostela, 15 de maio de 2009

logo2003

Etiquetas: ,
-

Comments are closed.

  • Maio 2009
    M T W T F S S
    « Abr   Xuñ »
     123
    45678910
    11121314151617
    18192021222324
    25262728293031
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN