Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Maio 13th, 2009 at 1.45 a.m.

Pulsións reactivas

Ao ronsel da reflexión, sinxela pero cereteira, que facía Manuel Rico no seu blog La Trinchera Digital, ocórreseme estrebillar arredor de certas pulsións reactivas. Non sei se serán exclusivamente españolas, que o parecen ás veces, ou se marcan con ferro incandescente as fronteiras do inaceptable no mundo destes tempos. O terror á libre elección, á liberdade, non é algo novo da nosa época confusa pero enfociña coas reverencias extasiadas á era da comunicación de masas, o imperio da incomunicación humana en que as vellas formas mediáticas parecen mutar en corpos de texturas diferentes.

Onte, coma quen di, era a píldora poscoital. O terror agroma de golpe e coma un furuncho nos rostros, nas voces e nas penas de homes, mulleres e xornalistas de ben. Non o terror ás contraindicacións da menciña nin aos seus efectos secundarios, que segundo a ciencia non pasan dalgunha lixeira dor de cabeza. Nada diso. O terror focalízase xusto alí onde nace a posibilidade de que unha rapariga calquera acceda á píldora sen pexas e sen necesidade de tutela paterna. Manca fondo a opción en si, que teña unha posibilidade máis para elixir sen estar obrigada a deterse na alfándega, moral ou doutro tipo, dos seus pais, que talvez ela non ten por que compartir. Por que vai ser malo ou inconveniente ter máis opcións para elixir? No caso da píldora famosa son dous os temores que desolan a España que pensa en transcendente: o terror á libre elección e o pánico ao gozo sen mercadoría co propio corpo. Os medios de comunicación máis importantes téñeno claro: a decisión autónoma dun ser racional adolescente, feminino ademais, guíndanos a todos con vulgaridade ao abismo da miseria moral. E do caos, claro, e ao mellor mesmo do comunismo. Sempre tan preocupados polo noso benestar espiritual.

Non lonxe de onte, como o noso paisano Manuel Rico comentaba na súa trincheira dixital, o máis selecto dos medios de España tamén se abanea ante a posibilidade de elixir. E nese caso o consenso é aínda máis firme. O importante é que non quede nunca desvelada a posibilidade de escolla. Dereito a decidir: non hai nestes tempos sintagma que máis mereza un bo anatema. Nin que os pobos ou as cidadanías fosen adultos. Coma as adolescentes da píldora.

Restauración monárquica fronte a restitución republicana; Constitución española que non votamos os menores de 50 anos fronte a un marco xurídico político que recoñeza, por exemplo, o exercicio da libre determinación das nacionalidades históricas sen ameaza de intervención militar; uniformización españolizadora fronte á normalización das linguas e culturas minorizadas —non necesariamente minoritarias. Estes principios básicos, e outros máis que é innecesario citar, están a salvo de discusión na doxa do réxime. O pacto se cadra non está escrito, aínda que o sela unha lacra indisoluble. A súa materia é un orixinario medo á liberdade, o mesmo que transcende no caso da píldora poscoital, sempre aviado de principios morais e infalibilidade relixiosa. É un medo non recoñecido que enxendra odio con todo e disfrazarse de amor á liberdade e á vida. Incompatible con calquera concepto de democracia que non viole a etimoloxía do termo.

Tras ese consenso fundacional hai tamén outras razóns derivadas dun proceso histórico que nace coa ditadura fascista do Xeneral Franco. Varias xeracións de xornalistas foron educadas nun exercicio profesional en que o discurso do dominio non era obxecto de discusión. As consecuencias serían funestas. Como non houbo ruptura democrática trala morte do ditador, tampouco quedaron disoltos os vellos principios da comunicación de masas nin arrombadas as formas e o maxisterio de vellos mestres, moitos deles uniformados con camisa azul e gravata negra. E as empresas de comunicación, coas pertinentes mutacións, seguiron nas mesmas mans. Hoxe, o sentido común do réxime tampouco é obxecto de discusión.

As condicións actuais non son as dos anos da ditadura, por suposto. Mais a fascinación por evitar o prohibido e condenar a liberdade de opcións, o dereito a decidir, sexa individual ou colectivo, segue a ser marca xenética moi maioritaria da práctica xornalística contemporánea e da liña editorial común, sen regañas, dos medios de comunicación. Nada importante está sometido a discusión. Cando algún xornalista, que os hai, ou algún medio regala os ollos ante o descubrimento de realidades non esperadas, corren o risco de que sobre deles caia a man aberta e enorme do sentido común e os expulse para fóra do templo da sensatez e da cordura. Nas grandes cuestións de estado, e as bases do sistema e do réxime sono, ninguén escapa ao consenso, esa eficaz forma contemporánea de censura. E para os que escapan hai oficinas nas que se paga a afronta.

A liberdade non é rendible. Así que, non nos convén exercela, non lle deamos máis voltas.

Etiquetas: , , , , , , , ,
-

Comments are closed.

  • Maio 2009
    M T W T F S S
    « Abr   Xuñ »
     123
    45678910
    11121314151617
    18192021222324
    25262728293031
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN