Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Abril 28th, 2009 at 1.39 a.m.

Un museo para a lingua

in: Lingua

Nin unha palabra de resposta a FAES e as súas liñas de pozo negro. Hai liortas na taberna en que as persoas sensatas non deben entrar. Sempre teñen máis que perder ca os matóns panforreiros. Unha labazada a destempo, unha navallada solta, cousas desagradables. Innecesarias, porque con esta caste de piratas a discusión nunca é produtiva. Non nos poñamos de cháchara cos cerebros escuros de FAES estercados co estrume do uniformismo nacional-católico e un psicótico sentido de superioridade cultural excluínte que en realidade oculta un complexo de inferioridade histórico. Sería darlle lexitimidade a quen segue designios divinos ou dunha razón absoluta antihistórica e inexistente. Se acaso, ben faría o reintegracionismo en revisar algunhas esperables coincidencias de argumentos que apuntan á vítima común: esa lingua rural, asilvestrada, de analfabetos. A lingua galega. Por elaboración, claro. Única no mundo.

Na mesma taberna beben Gloria Lago e os seus secuaces. A purrela que nela se serve, da que abusan a miúdo, causa cegueira e ausencia de actividade cerebral. A osmose entre dona Gloria e os cerebros fosilizados de FAES é frutífera. Beberán da mesma cunca? Agora, a profesora de sufridos alumnos e indignados compañeiros de claustro promete vixiar os museos. Non podía ser menos en persoa de tamaña cultura.

O novo goberno é bilingüe. Poida que non moito máis ca o anterior, que tamén o era. Aqueles ofrecéronnos un decreto e un laissez faire aburrido; estes prométennos o trío. No presente, parella tradicional con reparto de roles. Un, forte, responsable, sabio, ao mando das cousas importantes; a outra, na cociña e sen armar moito barullo. Mais o futuro brilla coa esperanza dun bo trío. E quen non soñou algunha vez con un trío?

Pouco lle vai afectar á lingua a fachenda con que FAES ostenta a súa ignorancia colectiva. Non saben nin ler en Saussure. Tampouco pasará de furuncho molesto a louca actividade de Gloria Lago e os seus. Aínda que sobre o humus do seu balorento nacionalismo, hexemónico entre os medios de produción simbólica e en boas capas da sociedade española, vaise depositando capa a capa o delirio uniformista de ambas as seitas. Que afoguen na súa propia ignorancia se así se senten máis útiles ao destino no universal.

As linguas non morren nin sobreviven por mor dos prexuízos que tecen os seus niños entre os falantes doutros idiomas. Unha lingua está viva mentres haxa dous falantes que a empreguen para se comunicaren entre si. Ao galego, non o dubide ninguén, quédalle tempo e tempo. Sobreviviranos. Os mortos que vós matades gozan de boa saúde. Por Celso Emilio. Manteñamos ese discurso.

Enfrontarnos a esta borrasca chuviosa e fría con ventos que sopran na mesma dirección mediante a manifestación e a oposición a aquelas medidas que nos parezan atentatorias contra os proxectos e as conquistas normalizadoras é un acto necesario de resistencia. Non suficiente. Talvez cómpre xa marcarmos a nosa propia axenda e non bailar ao ritmo que outros toquen, máis que nada cando eses outros son irrelevantes ignorantes. A historia da normalización da lingua galega, ou sexa, da recuperación e ocupación de todos os espazos sociais como lingua propia, debe iniciar aquí unha nova fase cuxa gran tarefa colectiva sexa reforzar a lealdade dos falantes. Ou sexa, estabilizar primeiro e reverter despois a perda de transmisión. Ese é o maior reto, pois tal perda arrinca de condicións materiais que non se transforman da noite para a mañá sen un cambio radical de sistema económico e por tanto político e social. Se cadra é o momento de reorganizarnos a partir dun grupo compacto de falantes conscientes dispostos a exercer dereitos sen condicións e sen esperar a que nolos concedan. Incluído o de educar os fillos en galego, mesmo que para iso teñamos que erguer as nosas propias escolas. E deixar constancia, alá onde se produza, da imposición real, ou sexa, da ausencia da lingua galega en moitos ámbitos da vida social. Que Gloria Lago visite os museos, que falta lle fará; tal vez empecemos nós a visitar os xulgados. E outros lugares en que o monolingüismo español se cre norma sagrada.

A única imposición que coñecemos é a que nos obriga a vivir parte da nosa existencia nunha lingua que non nos é propia. Esa experiencia histórica impúlsanos a socavar os alicerces da imposición en cada unha das súas manifestacións cotiás. Diga o que diga o goberno, Gloria Lago, FAES, os medios de comunicación e o sentido común do sistema e do réxime. Ao mellor mañá reclamamos os nosos dereitos en calquera lugar do Estado español. Xa veremos.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Abril 2009
    M T W T F S S
        Mai »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    27282930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN