República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 Academia http://antondobao.blogaliza.org/2013/03/14/academia/ Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=883 Xa somos demasiado adultos. Deixemos a un lado os requintes, que en quen non posúe o talento do virtuosismo na interpretación quedan ridículos. As reviravoltas e as digresións só son interesantes se a literatura é boa. Se non hai técnica nin xenio, fan demasiado evidente o artificio, e onde o artificio se exhibe goberna o simulacro. Hoxe o simulacro volve ocupar a escena social pública. Saibamos, coa cantidade de consciencia que se nos presupón ós adultos formados, que en toda esta exhibición impúdica de cinismo, saña e mal disimulada rabia hai un histórico, alterado e elocuente axuste de contas. A tres bandas. Por moitos motivos, e non todos confesables. E hai tamén oportunidade política.

Quen dixo que as academias non viven o seu tempo? Víveno, e interveñen nel coa potencia das forzas que operan no seu interior. Nada é casual, mesmo se adopta forma de azar cósmico e conxunción entre desiguais. As guerras sempre teñen orixe material. Tamén a que culminou na Real Academia Galega co feito insólito da renuncia do seu Presidente. Guerra interna e guerra externa. Ou a guerra en diferentes frontes.

Méndez Ferrín, desde o seu uso de razón política, representa o lado inconveniente.Sempre o representou. Cando foi o mozo irado disposto a romper coa igrexa piñeirista que suprimía a dimensión política do galeguismo. Cando lle tocou enfrontarse á igrexa nacionalista desde a esquerda e o independentismo e esta xa se formaba naquilo que caracteriza toda igrexa con ansia de perdurar: todo o que cae fóra do dogma será silencio. Certo é que o silencio nunca se dá producido de todo, tan potente é a perigosa teimosía dos herexes, o seu mal exemplo. Pero toda igrexa está infundida do don santo da paciencia. A fe ofrece a seguridade de que algún día a hora exacta acaba chegando. É o dominio sobre a eternidade convertida en espazo de propiedade privada. E quen domina a eternidade escusa o movemento. A fe non coñece alteración. O obxectivo é a parousía. Xa virá o que teña que vir. Máis vale castigar herexías que alterar o abaneo rítmico do tempo.

A existencia política e literaria de Méndez Ferrín, en todas as dimensións que ocupa a súa figura, vén medrando coma unha anomalía insoportable. No político, porque nada do que acontece hoxe en Galicia, e concretamente no campo do nacionalismo, pode ser comprendido sen a súa participación. Máis aló da dimensión cuantitativa das súas apostas ó longo destas décadas da nosa historia recente. Só o feito de representar na praxe e na teoría unha outra cultura política posible para o nacionalismo e a esquerda é unha abominación de enorme magnitude, a ousadía de apuntar o imposible como horizonte de expectativas. A audacia que non coñecen certas tradicións nacionalista e galeguista. O mal exemplo.

No ámbito literario e cultural, Ferrín rompe desde os seus primeiros textos e intervencións co sentido común establecido e con aquel que combate pola hexemonía cultural, que cre conquistala durante décadas e que a sabe perdida na actualidade. Ferrín nunca caeu baixo a disciplina do nacional-realismo. A súa obra literaria proxéctase coma unha tormenta máis aló do aparente, creba lindes, asalta as portas pechadas da imaxinación e da liberdade humana ata o seu derradeiro recuncho. A súa arte aborrece modelos reaccionarios, coma aquel exposto non hai tanto tempo nunha crítica cinematográfica que acababa concluíndo na necesidade dun cine galego que exaltase certos mundos tradicionais como esencia do noso ser e desconfiase estética e politicamente do odioso progreso. A antimodernidade. E Ferrín foi, é, o máis moderno, o cal constitúe un crime de lesa galeguidade. En Galicia, o reparto de espazos culturais e de influencias constituíu durante todo este tempo a grande alianza entre o nacionalismo hexemónico e o galeguismo de matriz piñeirista. Hoxe, co eficaz cemento da extrema dereita, festexan a peza capturada en caza maior.

Hai tres anos, cando Ferrín era candidato á Presidencia da RAG, a extrema dereita recachou o cabeiro en primeiro plano.Desde diferentes medios. Poida que hoxe non haxa contubernios nin conspiracións, pero se cadra tampouco casualidades. A coincidencia de intereses convocou á simbiose entre a extrema dereita, o nacionalismo esencialista e o galeguismo de raíz piñeirista, cada un cos seus modos, os seus estilos, as súas formas tradicionais. Tratábase de arrastrar pola lama unha figura humana, pero sobre todo de abater a súa dimensión política, cultural e literaria. E de cobrar vellas débedas. E de vencer o mal exemplo. Nada interrompa o proveito das alianzas. Se o Presidente da Academia, ademais, manifesta inclinacións políticas e electorais inconvenientes, que pague a culpa. Poñamos o mapa político actual por riba desta operación, e o debuxo irase pintando el só. De todas as maneiras, se os soldados disciplinados que foron acudindo á batalla se fixesen acompañar coa comprensión da xusteza e da xustiza, antes de iniciaren o combate e mesmo durante os golpes terían que recoñecer, co respecto que sempre merece o inimigo digno, todo o que se leva feito na RAG nestes tres anos. Sería moito pedir. Xa sabemos aquilo que seica dicía Einstein verbo dos soldados e dos órganos prescindibles para facer a instrución.

A RAG ten un historial cheo de luces e de sombras. Luces moi brillantes, e algunha sombra abismal. A Academia presidida por Ferrín enfrontouse argumental e xudicialmente ao goberno galego por lexislar e actuar contra a lingua. Veremos a ver en que queda agora todo. Hai algúns anos, un Presidente da Academia era ó mesmo tempo Delegado do Goberno en Galicia cando se presentaba recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística. Non é posible borrar indefinidamente a Historia. Mais coas súas luces e as súas sombras, a RAG é unha das nosas institucións; talvez por iso non deixa de ter a súa gran dose de ironía tanta obsesión contra ela malamente disimulada. Tamén nesta dimensión política da relación coa Academia opera o principio de distancia que conduce, por algunha estraña pulsión antisocial, a que certa tradición nacionalista rexeite as falas que ós galegos nos serven para comunicarnos. A Academia, nese sentido, é a personificación institucional do universo idiomático que se nega, que arrepía, que non se quere nin ver. Pero ese é asunto para outro día.

Coa dimisión de Méndez Ferrín todo parece volver ó rego. A Academia saberá se lle compensa. Porque a súa historia está xa marcada para sempre. Dentro dunhas cantas xeracións seguirá posuíndo o dubidoso honor de que Méndez Ferrín non terminase o seu mandato como Presidente. O ano en que se lle dedicou o Día das Letras a Roberto Vidal Bolaño. Que boa farsa podería escribir.

Para festexar o triunfo, en tres casas grandes botan foguetes e bombas de festa. Chaman á misa de acción de grazas. Eu non penso acudir. Hai tempo que decidín non pisar igrexas. Deica outra.

 

 

* Este artigo foi publicado no xornal dixital Praza Pública

]]>
Despois de case dous anos… http://antondobao.blogaliza.org/2013/03/14/despois-de-case-dous-anos/ Thu, 14 Mar 2013 11:35:52 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=881 Amigas e amigos:

Despois de case dous anos de ausencia deste blog, volvo hoxe, ó outro día de cristalizar a dimisión de X. L. Méndez Ferrín como Presidente da Real Academia Galega. E volvo non para quedar. Simplemente para lembrar un artigo que escribín hai uns días e publiquei en Praza Pública.

Creo que hoxe volve cobrar vixencia. Se non vos importa, volvo colocalo e con el actualizo a indignación, a tristeza e a preocupación que todo o ocorrido me produce.

Tras esta reaparición fuxidía, probablemente quede clausurado para sempre este blog, que só durante certo tempo fun capaz de manter vivo. Agora pensarei na posibilidade de abrir un novo espazo no que poida eu establecer comunicación con aquelas persoas que consideren interesante ese intercambio en cada momento. Reservo o derradeiro artigo da República da Multitude para cando deba anunciar ese novo habitáculo.

No seguinte artigo reproduzo o texto do que falaba antes.

Beizón.

]]>
Campaña de ProLingua http://antondobao.blogaliza.org/2011/04/12/campana-de-prolingua/ Mon, 11 Apr 2011 22:24:44 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=868 Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia

Sr. Presidente da Xunta de Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Señor Presidente:

Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.

De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría

a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.

b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.

c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.

d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.

Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.

Galicia, 9 de abril de 2011

Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online co teu nome e apelidos e un enderezo de correo electrónico válido.

]]>
SINBAD http://antondobao.blogaliza.org/2011/04/10/sinbad/ Sat, 09 Apr 2011 23:36:18 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=864 Esta suspensión temporal que anunciaba hai uns días é en realidade unha mudanza de orientación momentánea. É voluntaria, por suposto.

Hai unha importante, e feliz, razón persoal que me impedirá durante certo tempo elaborar anotacións, posts ou artigos (como sexa que teñan que chamarse) que requiran un esforzo máis ou menos intenso. Cando é persoal e feliz a razón, non é preciso desvelala.

E hai tamén unha importante, e espero que feliz, razón non estritamente persoal senón máis ben profesional e creativa. E esta si que merece ser desvelada. A partir do mes de maio comezaremos a rodaxe dunha nova película. Chamarase Sinbad, e será unha adaptación moi libre e persoal da novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás illas…

Sinbad empezou xa a rolar hai algún tempo. É unha criatura delicada que require todas as atencións e moito tempo, ademais do traballo de moitísimas persoas dun talento e dunha capacidade moi importantes.

O mellor dunha película é vela e conservala na memoria. Para os que temos a sorte de participar na súa elaboración, o mellor empeza xa na primeira versión do guión e continúa na rodaxe. En todo o proceso faise patente a forza rexa que posúe o traballo colectivo no que cada persoa é imprescindible porque o importante é o común. É unha mostra evidente da potencialidade do traballo cooperativo, no que importa o produto e non o lucro que del se tire.

A película é unha coprodución da TVG e de Ficción Producciones. Con ela intentaremos, entre outras cousas, contribuír a celebrar o centenario de Álvaro Cunqueiro.

Quen queira irse informando máis polo miúdo dos aconteceres ligados con esta produción, poderá ir visitando esta páxina que se acaba de abrir en Facebook. Durante toda esta temporada, xa que non terei moito vagar para manter esta República da Multitude como ata o de agora, irei engadindo de cando en cando notas sobre calquera cuestión que me pareza interesante. Non terán periodicidade nin regularidade. Se vos achegades por aquí de cando en cando, estarei encantado de seguir conversando convosco.

Para principiar, déixovos o cartel da película, deseñado polo artista David Rubín.

E comezamos viaxe cara ás Illas Cotovías.

]]>
En suspensión temporal http://antondobao.blogaliza.org/2011/03/12/en-suspension-temporal/ Fri, 11 Mar 2011 22:58:25 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=860 Durante unha temporada, que será o máis breve posible, e por razóns estritamente persoais, esta República da Multitude permanecerá en silencio.

Volverá á actividade máis adiante.

Agardo que regresedes cando se lle volvan abrir as persianas. Seguiremos dando voltas ao redor deste mundo, inxusto, si, pero o único que temos.

Beizón, apertas e deica pouco.

]]>
Que non teñan medo http://antondobao.blogaliza.org/2011/02/02/que-non-tenan-medo/ Wed, 02 Feb 2011 01:07:44 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=849 Que non teñan medo Miguel Bosé, Alejandro Sanz, David Bisbal e outros semellantes. Non teño ningunha intención de descargar nin unha soa das cancións polas que cobran dereitos de autor. Non serei eu quen impida que ingresen os seus diñeiros. Ora, do mesmo xeito que eu declaro publicamente que non sucumbirei ao mal gusto de impedir que se fagan máis ricos, esíxolles a eles que me comuniquen a parte dos diferentes canons que a min como autor me corresponde e que nunca vin convertida en pagamento. Que me digan quen recada o canon, como se recada, entre quen se distribúe e a que oficina podo ir cobrar a miña parte.

Tamén escusan ter medo, no tocante á miña necesidade e ao meu dereito de compartir, Gerardo Herrero e outros directores españois. Por min, poden seguir reservando toda a súa capacidade emotiva para a lei Sinde e outras meritorias accións da ministra de cultura, que, por certo, fai parte interesada do negocio. Digo negocio, si, e non arte nin cultura nin nada parecido. Poden, daquela, durmir tranquilos, azorrados á súa caixa forte. Nos meus plans non teño previsto dilapidar o meu tempo en descargar nin en compartir ningunha das súas producións cinematográficas.

Quen di Gerardo Herrero podería dicir outros, incluída a ministra, coa que o eximio director comparte cartel en máis dun par de producións. Porque precisamente na produción audiovisual española conflúen múltiples detalles que converten as posicións cavernarias de Herrero e outros, coas súas esgrevias declaracións, nun catálogo de variacións cínicas propio de quen se observa a si mesmo, fachendoso ante o espello, coma un creador privilexiado, un artista, un ser único enfrontado ao enxame indecente de seres anónimos de todas as idades, orientacións sexuais e intereses estéticos. Enfrontado por mor da Gran Causa: a exaltación do mercado como paradigma e a preponderancia do lucro privado sobre o beneficio colectivo. Ou sexa, os produtos culturais como pura mercadoría. Unha enfermiza necesidade de articular un espazo mercantil pechado. Un club de elite. O escenario social de concorrencia artística convértese en posto de mercado ao que só algúns elixidos poderán acudir para vender os seus produtos. Elixidos por rigoroso convite dispensado caprichosamente por discográficas, produtoras, distribuidoras, medios de masas… Homes de negocios, en fin. A finalidade, non se esqueza, é o lucro, o enriquecemento mediante a explotación da forza de traballo e da intelixencia colectiva.

O que en realidade está en debate non é o feito indiscutible de que o creador dun produto cultural teña dereito a vivir do seu traballo. Ao contrario. Quen defende o statu quo aposta pola expropiación da capacidade comunicativa, creativa, artística. A conversión en vulgar mercadoría do produto cultural, elaborado con materia común de propiedade social coma as linguas, as imaxes, as cores, as notas musicais, a luz e a sombra ou toda a bagaxe cultural e creativa da que bebe cada canción, cada película, cada libro. O enriquecemento duns poucos e o silencio dos máis.

É curioso que artistas chamados de esquerda sexan, por seguidismo, por medo ou por insuficiencia analítica, incapaces de comprender os mecanismos de produción e consumo cultural e as mudanzas protagonizadas teimudamente por unha multitude insubmisa. Non entender esas novas realidades equivale a non comprender os mecanismos de produción, explotación e consumo da sociedade capitalista. Talvez de aí veñen as súas reverencias incondicionais ás multinacionais e aos homes de negocios. Os artistas, cantantes, actores, directores e outros creadores enfróntanse ao usuario, que é o elo máis feble da cadea de produción e consumo, criminalízano, e para iso abéiranse a carón do home de negocios. Fanse firmes contra o acceso universal aos bens culturais e apoian os filtros que determinan o que debemos escoitar, ler e ver porque esa é a maneira de condicionar o que temos que producir. É o mercado quen determina o canon artístico. Son os seus filtros. Algo non funciona ben de todo.

Cando alguén descarga unha canción ou unha película non infrinxe ningunha lei nin está xogando ao todo gratis. Xa pagou por eses produtos. Fíxoo ao mercar o ordenador, ao pagar a factura eléctrica, ao mercar os soportes e os aparellos de gravación e reprodución, ao pagar a tarifa telefónica, etc. Paga tantas veces o usuario por un mesmo produto que parece unha indignidade que artistas, cantantes e cineastas teimen en convertelo en culpable de piratería e ladrón de traballos alleos. A obsesión destes é que todo o mundo pague varias veces polo mesmo produto, que siga pagando e nunca pare de pagar. Pagar polo uso de ollos e orellas. Pagar ata perder o sentido.

De todos os campos culturais e artísticos, o audiovisual é probablemente o máis peculiar. Cando alguén descarga unha produción audiovisual española —ou galega, se é que existe tal categoría máis aló dalgunha anomalía incómoda— toma para si unha pequena parte dun produto que xa pagou tamén cos seus impostos. Porque de aí proceden, dos impostos, as imprescindibles subvencións do Ministerio e da Consellería de Cultura ou da TVG, sen as cales probablemente non habería demasiada produción audiovisual. Se cadra, Gerardo Herrero cre ser xusto cando irado e tronante esixe que cada usuario pague repetidamente por un mesmo produto, non só mediante os seus impostos, senón de todas as outras formas imaxinables. Se cadra oculta por descoñecemento ou despiste que leva acumulados bastantes centos de miles de euros de subvencións públicas da Xunta de Galicia e da TVG para realizar un mangado de películas. Ou sexa, diñeiro público cun único destino: o lucro privado. O sistema de negocio audiovisual que defende Herrero non só asenta os seus pés de lama nun alicerce inxusto e inxustificable, senón que desde unha posición ultracapitalista despreza o valor cultural, de uso, dos produtos audiovisuais, de todos, ao tempo que se fundamenta nunha práctica indigna: o diñeiro público como xerador non de riqueza social e cultural, senón de lucro privado. O espolio reiterado como norma.

Eu non teño intención de descargar nin unha soa das producións de Gerardo Herrero realizadas grazas ás subvencións da Xunta e a TVG, pero se tivese un momento de fraqueza faría uso do meu dereito a desfrutar —permítaseme o eufemismo— dun produto financiado co diñeiro de todos. E de compartilo, por suposto. Outramente, se o diñeiro procedente dos impostos só serve para o negocio privado, para lucro dos homes de negocios, entón será preferible dedicalo á educación e á sanidade.

]]>
As linguas do Senado http://antondobao.blogaliza.org/2011/01/22/as-linguas-do-senado/ Sat, 22 Jan 2011 01:39:08 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=845 Senadores e senadoras poden xa falar en galego, en éuscaro e en catalán na Cámara Alta. A noticia non ten maior transcendencia, é unha consecuencia simple da realidade lingüística e cultural do Estado. Pero para o nacionalismo español, excluínte e reaccionario por natureza e necesidade, parece un coio pesado que estoupa nunha poza.

En dous días, a enxurrada política e mediática, e social por indución, é sorprendente. Non é que España vaia escachar con esta feroz e atroz afronta, pero granciño a granciño vaise enchendo o cabazo. E algún día rebentará. Está por ver que a apocalipse que tantos sonos lle quita ao nacionalcatolicismo de raíz franquista e ao de raíz socialdemócrata sexa tan mala noticia para os subalternos. Tal vez certas malas novas para os poderosos acaban sendo moi boas para os que non somos ninguén nin temos nada.

Como as plumas e as gorxas da caverna non teñen bos argumentos para tanto sufrimento por tal afronta contra o espírito hispano, azórranse ao recurso a picar na víscera popular coa punta basta da mentira, do cinismo, do prexuízo, do descoñecemento e do odio ao diferente. Agora o gran crime é económico: en tempo de feblezas, prodúcese un gasto desmedido, e supoño que inmoral, que sempre se excitan moito coa inmoralidade, en tradución e interpretación para señoras e señores senadores que non comprenden unha palabra de galego, catalán ou éuscaro. O gasto é esaxerado e innecesario para os mesmos que defenden con idénticos berros concordatos, inxeccións financeiras, subvencións confesionais, gasto militar, financiamentos eclesiásticos con visitas papais multimillonarias, colexios concertados con clase de relixión, hospitais privados ou clubes de fútbol arruinados. O diñeiro é unha escusa; a urticaria nace no contacto coa fonética, a sintaxe, a morfoloxía e o léxico de idiomas superfluos. En realidade, para todos os casos manexan sempre a lóxica da prohibición e o castigo tan querida ao nacionalcatolicismo, tan consubstancial á súa propia razón de ser.

Nin a lingua galega, nin a catalá nin a vasca van experimentar un pulo determinante coa posibilidade do seu uso no Senado. É un asunto que non ten demasiada importancia, habendo como hai outros de maior necesidade normalizadora. En realidade, debera ser unha prioridade simbólica para aquelas forzas políticas e para aqueles medios de comunicación que conciben a actual estrutura do Estado como un compendio de todas as máximas liberdades ás que pode aspirar unha nación subalterna e a súa cidadanía. E velaí que son precisamente eles os que saen cargados de armas de eliminación indiscriminada. Quizais demostren así que o proxecto patriótico español é esencial e xeneticamente uniformizador, negador e restritivo, e que por tanto está condenado á imposibilidade, pois sempre baterá coas lexítimas aspiracións antagónicas das nacións e das linguas subalternas. Unha máis.

O proxecto patriótico español concibe as linguas diferentes como expresión dunha natural e insuperable subalternidade. E con elas, as culturas e as nacións que expresan. O reino da negación e, se é preciso, da eliminación. No mellor dos casos, unha tolerancia displicente de realidades subalternas, dependentes, menores. Insignificantes.

Todo fai parte do espectáculo.

]]>
2011 e o futuro http://antondobao.blogaliza.org/2011/01/10/2011-e-o-futuro/ Mon, 10 Jan 2011 11:12:20 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=843 Eu non descarto que, se no futuro é posible viaxar no tempo, entre nós estea de visita alguén que xa sabe o que vai ocorrer e como vai pasar. Viaxar no tempo, con todo, non é unha utopía. Vivir é viaxar continuamente no tempo, pero sen posibilidade de pausa nin de retroceso. Velaí os soños eróticos da humanidade: a pausa e o retroceso. Deter o tempo para esquivar a morte. Retroceder para corrixir certas cousas. Din os físicos, porén, que unha viaxe ao pasado non nos permitiría mudar nada; a realidade non resistiría certos paradoxos insoportables, como que un puidese matar o seu avó, se houbese valor para facelo, e evitar así o propio nacemento. De non ocasionar un colapso universal, esa sería unha posible forma de aborto, de suicidio ou de eutanasia por adiantado que non sei moi ben como tomaría a Igrexa Católica. Todo depende do prezo das cousas.

O viaxeiro que chegue ao pasado só poderá ser un simple espectador. Para transcender esa función pasiva, talvez só interesante para os historiadores, que poderían acudir persoalmente ás fontes orixinais, temos que considerar a posibilidade de que existan universos paralelos. Cada un deses universos paralelos xeraríase automaticamente sempre que tomamos unha decisión entre varias opcións posibles. Pese á rotundidade das leis da física, queda espazo e tempo para a liberdade. Se á viaxe no tempo lle engadimos o chouto a un universo paralelo, o pinchacarneiro será completo e, sobre todo, moi atractivo.

Andar cruzando as membranas que separan uns universos dos outros non parece tan doado como construír un buraco de verme que nos conecte con outro espazo e outro tempo. Se a materia, con todo, abre esas portas, talvez sexa posible poñer mesmo un pé no paraíso e ver o rostro de Deus. Pero a física non se preocupa maiormente por este tránsito. Ao contrario. Sabe que Deus non é necesario para explicar nada, por moito que Ratzinger ou Mario Conde teimen, tan sabios, no contrario. Só a fe, que é tan respectable como a súa ausencia, dá conta do lugar de Deus no Universo. Que cadaquén xogue ao que lle apeteza.

Se entre nós habita un visitante do futuro, ten que saber o que vai pasar neste 2011. Eu non o sei, e iso descarta de vez a miña procedencia do futuro. Confórmome con vivir este ano, e os que veñan, día a día, coa esperanza de ser coa miña xente o máis feliz que poida. E iso é unha declaración subversiva para a orde moral que se nega a abandonar a dirección de todas as existencias reais, pasadas, presentes e futuras. O dominio. Sempre hai quen procura que sobre a cabeza de quen aspira á felicidade, ao gozo, á utopía, pendure unha rocha granítica de varias toneladas de medo, culpa, cinismo e un devezo enfermizo polo sufrimento e o castigo.

A Igrexa Católica estende, coma o ollar de Deus, a súa influencia / influenza deica os confíns espaciais e temporais do Universo, se é que existen. Desenvólvese na trama do Reino do Castigo. Castigo por abortar, por pobreza, por feminidade, por homosexualidade, por calquera clase de sexualidade humana non reprodutiva, por morrer con dignidade, por non querer crucifixos na escola pública, por desexar un mundo novo, por programar e arelar un asalto ao ceo, por toda caste de gozo e felicidade, por crer no home, na muller, na ciencia, por non crer en Deus, por vivir, por querer vivir. Castigo orixinal por sermos materia, un simple accidente cósmico. Cando a Igrexa Católica se opón a que en certos estados a homosexualidade deixe de ser un crime castigado coa pena de morte está desvelando a súa fascinación polo castigo como base de toda relación social. Cando se opón a que as leis humanas permitan (ou non castiguen) o matrimonio homosexual, o aborto ou o divorcio, entre moitas outras cousas, está esixindo castigo para homes e mulleres que incorran en semellantes crimes. É o castigo o que máis lles excita a segregación de endorfinas.

Talvez exista cabo do noso un universo paralelo en que a seita católica impón o seu modelo social, as súas prescricións, proscricións, interdicións, premios e castigos. Puro pánico apocalíptico. Se houber algún visitante procedente dese universo, podería narrarnos como é a vida en tales condicións. Pero non dou acreditado nesa posibilidade. Non creo que nese futuro paralelo a ciencia teña lugar a explicar o mundo nin a facelo máis habitable nin a existir sequera para permitir unha viaxe ao pasado ou a outro universo paralelo co obxecto de evitar a traxedia. Teremos que ser nós quen construamos un futuro diferente liberado da moral do castigo.

Feliz 2011 sen sufrimento nin castigo.

]]>
A pallasada liberal de Vargas Llosa http://antondobao.blogaliza.org/2010/12/14/a-pallasada-liberal-de-vargas-llosa/ Tue, 14 Dec 2010 12:05:41 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=828 Ninguén poñerá en dúbida os merecementos de Vargas Llosa para recibir o Premio Nobel de Literatura. Por semellantes razóns, ninguén deberá alterarse se a figura pública é acedamente criticada cando reparte doutrina desde unha cadeira convertida en púlpito. Un premio, o que sexa, non é ao cabo máis ca o galardón concedido por seres humanos cuxos criterios non é obrigatorio compartir aínda que sexan lexítimos e honestos. Que llo pregunten a Valle-Inclán. E a tantos e tantas.

Vargas Llosa orou. Converteu en espectáculo o que estaba concibido como acto literario. Fiel que é el ao catecismo liberal. Pero literatura é vida, totalidade orgánica, e o escritor insiste libremente nas súas teimas, axeónllase ante a luz do capitalismo máis criminal –descúlpeseme a redundancia—, reverencia silencioso as súas sombras e converte en auga mineral todo o limo que o Gran Sistema produce. Eis o poder creativo da Gran Literatura. Se para iso cómpre tratar de pallasada aquilo que rompe a harmonía da explotación e a miseria dos incapaces, pois faise e xa está. Non, non se refería o Premio Nobel a Honduras, nin a Guatemala nin a Colombia ou a México, non. O pinchacarneiro intelectual de Vargas Llosa sería unha ruín imitación da peor das pallasadas se non fose pura ignominia. Mala raza, din algúns.

O home liberal é fachendoso e cínico. Sorrí con gozosa superioridade. Observa, distante, os intentos dos desposuídos por se faceren co control das súas propias vidas. Altérase cando ve perigo de éxito no intento. E sempre imparte doutrina, que é listo de máis. Apréndenos resignación co argumento da súa propia autoridade moral, que para iso é el liberal e demócrata. Losquea coa superioridade conceptual e ética do mundo tal como o concibe o negocio. Rise da inutilidade da esquerda, esa caste de insuficiencia sináptica propia da infancia, material antigo, obsoleto, inservible. Non soñes máis liberdade ca a que tes. Non areles o que non serás nunca. Deixade na porta do inferno toda esperanza.

Os liberais téñeno todo claro. Por iso presumen. Están dotados para comprender a substancia etérea das cousas e desprezar todo tacto material que non teña raíz no lucro. Por iso desprezan a pequenez das existencias de quen vende a súa forza de traballo. Moi aburridas. Insuficientes mesmo para un pintoresco material literario. A miseria é para eles un problema conceptual. O sufrimento, un poema.

O mercado é deus, iso xa o sabemos. Por iso, a inscrición na porta mesma do inferno. El, o mercado divino, garante a eficacia, a liberdade, a democracia. O liberal non che lerá a letra pequena do contrato forzoso. Porque o prazo de devolución é indefinido, a condición de consumidor con dereito a voto é revogable e o benestar é unha reprodución en papel couché dunha pintura figurativa de dúas cores. O home é para el unidimensional e previsible, e a muller o seu reflexo. Só os pallasos teimamos en que a eficacia ten que lle deixar todo o espazo ao benestar. Pero alterar ou interromper o rito do simulacro merece a excomuñón. É crime de sacrilexio. A transcendencia, tan querida.

Vargas Llosa oficiou unha vez máis de sacerdote liberal. Separou o mundo en bos, malos, pallasos, perversos e idiotas pobres. E nacionalistas, que, condenados, soñan continuamente con facer o mal e derrubar ese cristalino edificio de luz e harmonía que se chama España. Esa modélica familia. Xa hai uns cantos meses, acompañado por luminosos modistas, artistas e ciclistas, propiciou un piadoso manifesto en defensa dunha (mal) chamada Lengua Común, que, como calquera sabe, só é común para os seus falantes. Nunca galegos, cataláns ou vascos atacaron a lingua española coa vehemencia e a xenreira coa que este liberal e os seus diáconos trataron as linguas destas tres nacións sen estado. Soamente persoas moi indignas están capacitadas para desprezar os falantes de linguas que consideran inferiores.

Mal escritor é aquel que postula a inferioridade dunhas linguas fronte a outras. Mala gente que camina y va apestando la tierra, por Antonio Machado. Peores, madia leva, ca pallasos.

]]>
Non sei que dicir http://antondobao.blogaliza.org/2010/11/29/non-sei-que-dicir/ Mon, 29 Nov 2010 13:31:36 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=822 Podía, como tiña pensado, darlle voz a un personaxe canso ao que cada vez que escoita a palabra España se lle vén á porta dos dentes algún substantivo duro convertido en interxección. Ou que lembra, sen parar de roer nunha indignación bíblica, a custosa viaxe do líder do Partido da Orde Eclesiástica, as súas preocupacións polo anticlericalismo ou a súa xenerosa desculpa do condón cando algún pai de familia acode, para desestresar, aos servizos dunha prostituta. Outro dos tradicionais cometidos especificamente femininos.

Podía, como tiña concibido, pasear máis veigas cheas de toxos e carpazas e colocar fronte ao espello dos seus anos un ser humano, home ou muller, acugulado de frustracións. As batallas perdidas por incomparecencia, os regos ermos de desexos e soños que nin acudiron por utópicos, as múltiples existencias posibles diferidas á promesa doutra vida tras a vida noutra terra de fume, a descendencia distanciada, a pobreza, o salario. E unha teimuda negativa a sentir culpa pola súa responsabilidade na pobreza da humanidade, na crise e en todas esas desgrazas das que falan as radios, as televisións e os xornais. Se o seu egoísmo non o obrigara a gozar dunha pensión para ir sobrevivindo todo sería diferente. Para que os mercados, de psicoloxía feble, perdan a súa dolorida desconfianza, haberá que guindarse polo balcón, aproveitando que a varanda está roída polo óxido, e deixarse ir morrendo na caída á rúa seca.

Podía pensar que un asalariado perde a condición de cidadán, ou sexa, de consumidor, cando adquire a de xubilado. E esa é unha carga demasiado pesada para a lixeireza dos beneficios das empresas. De cada empresa. Das grandes, das pequenas e das medianas. Das transnacionais, das multinacionais e das nacionais. Galegas incluídas.

Podía mesmo facer un poema pola dignidade ou lembrar que a renuncia a uns Premios (antes Nacionais) da Cultura ignorados primeiro e recluídos despois ao rocho da subalternidade nada ten que ver co respecto ás regras do xogo. Ou é xustamente unha manifestación de respecto polas regras do xogo. Ou tanto ten, porque un escritor é libre de participar ou non nun simulacro ao que é convidado como obxecto decorativo de lexitimación. Podía lembrar que calquera que manifeste unha posición publicamente está sometido por forza á crítica. Podía lembrarlle, logo, a Freixanes que a RAG, institución á que el pertence, rexeitou participar no xurado dos Premios da Subalternidade e por boca do seu Presidente considerou publicamente que estes naceron mortos. Porque talvez as regras do xogo foron rotas polos actuais gobernantes. En ámbitos que para algúns de nós non son accesorios, senón pura supervivencia, ou sexa, futuro. E podía tamén dicir que gañar unhas eleccións non o lexitima todo. E que é un moderado consenso de mínimos, nada máis ca iso, o que defende Agustín Fernández Paz co seu xesto. E, sobre todo, que un ten dereito a rexeitar un premio e xa está.

Podía pensar, e dicir, que a lingua está en poxa pública. E que o primeiro sinal da derrota, ou sexa, da renuncia a ela, é que os seus usuarios nos desculpemos por existir e por querer vivir con ela, coa lingua que nos é propia, esa aspiración tan cruelmente humana.

Podía.

Pero hai tantas cousas das que falar que xa non sei que dicir.

]]>