Economía – República da Multitude http://antondobao.blogaliza.org Blog de Antón Dobao Thu, 14 Mar 2013 11:44:45 +0000 gl-ES hourly 1 https://wordpress.org/?v=4.7.1 A confianza dos mercados http://antondobao.blogaliza.org/2010/05/24/a-confianza-dos-mercados/ Mon, 24 May 2010 11:22:58 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=651 Primeiro, está por ver que o déficit público sexa unha cousa tan perversa para a economía. Ou sexa, para a comodidade material das persoas. A economía ao servizo da xente ou todos somos súbditos da tiranía mercantil e financeira, e que me perdoen os de El País polo anatema. A biblia do sistema non dá lugar a interpretacións. O déficit é unha cousa moi malísima. E xa está. Despois, o que non teña capacidade de consumo que procure a absolución dos seus pecados mediante a adquisición de débeda, sempre privada, sempre o privado, con eses gardiáns das esencias chamados bancos. Ou caixas, sexan de onde sexan. Mira que un consumidor sen capacidade de consumo, ou sexa, sen diñeiro, non é nada. Apenas un cidadán de terceira clase, da clase dos non consumidores. Máis ou menos pura purrela social,

Así que, os especialistas determinan que o déficit é moi malo. Aínda nunca nos dixeron por que, pero tampouco nos interesa. Non en balde, a economía xa foi retirada das perigosas mans da posibilidade política. Salvagardada, que non se mesture con malas tentacións que poderían alterar a tranquilidade dos investidores, uns seres talvez humanos, como sabemos, ao parecer con certa tendencia ao desacougo. O déficit é malo porque atranca se cadra o harmonioso fluír do diñeiro. Se o estado gasta en ensino gratuíto ou en atención médica, eses negocios terán máis dificultades para competir libremente. E así seguido. A festa ten que continuar como sexa, e, xa se sabe, canto máis subsidio menos eficacia. Se nolo dan todo feito a ver se imos tender ao parasitismo. Tomemos como exemplo o empresariado exemplar e sirva a redundancia pero non hai outro léxico posible. É responsabilidade do Estado garantirlle o negocio e non ofrecerlle competencia desleal. Non que non. O Estado bastante ten con financiar a súa dimensión coercitiva, a única necesaria. En fin, e a Igrexa Católica.

Segundo, é evidente que para reducir o déficit e a débeda e o gasto do Estado en cousas tan indecentes como subsidios ou medicina ou ensino ou comunicación ou servizos sociais ou investigación ou pensións ou o que sexa que engole os impostos dos asalariados cómpre apuntar ao corazón do problema. Vale, os outros tamén pagan algo de cando en vez ao botaren gasolina e ao mercaren coches de luxo. A ciencia liberal é indiscutible, e iso quere dicir que non se debe querer discutir. As medidas do goberno de España son paradigmáticas. Nada de cargar con impostos as rendas máis altas, o patrimonio, as herdanzas, a riqueza, o capital, etc. Iso derramaría para sempre o acougo dos investidores, e a súa intranquilidade deixaríanos sen actividade económica porque escaparían coma quen foxe da peste. Apocalíptico. A solución, por tanto, é ofrecerlle plenas garantías ao Capital: competitividade, flexibilidade, xubilación, despedimento, xornada laboral, dereitos laborais, así, en xeral, e o que faga falta. Cando se pacte a inevitable reforma laboral, para alivio dun Banco de España tan exento de control democrático coma o FMI, o Banco Mundial ou o Banco Central Europeo, os sindicatos terán que buscarse nas engurras do esquecemento, a ver se alí lles quedaron enganchadas as asaduras.

Terceiro, está claro que o máis importante é a confianza dos mercados. E como se lles dá confianza aos mercados? Igual que se lles dan lavaduras aos porcos. Nin os mercados nin os marraos entenden de chuchameles. Cómpre seleccionar ben a alimentación. Para iso, a socialdemocracia é destra. Que o diga o xenio filosófico de Giddens e a praxe de Blair. Meritocracia exenta de control democrático. Nada máis ca a capacidade dun mellor manexo nas toldadas augas do mercado. E que me perdoe outravolta o agudísimo editorialista de El País. Benvidos á vía morta. En tempos de crise, o gardaagullas pon viseira socialdemócrata, sempre disposto a demostrar adhesión inquebrantable. Quen mellor ca eles para sintetizar as aspiracións dos asalariados e excluídos coas necesidades dos posuidores. A esquerda oral fede. Halitose ideolóxica. Vomita un discurso mal dixerido de compromiso social e fai gargarexos cunha política económica ultraliberal.

Marx deixou dito que para o Capitalismo a mellor forma de goberno era a República Democrática. Errou. O fascismo foi forza de choque moi útil. Agora, a confianza dos mercados é a coartada excelsa dun goberno mundial esquivo ao que non é posible aplicarlle ningún control democrático dentro das institucións vixentes. O Capitalismo sempre se sentiu incómodo coa incerteza das decisións democráticas. A confianza dos mercados é, pois, o obxectivo de calquera goberno que se queira sentir ben considerado, sexa en Madrid, sexa en Brasilia. Á socialdemocracia tócalle na función representar o papel de criado atento que procura sempre asegurar a inestable confianza do amo. Asalariados e asalariadas pagan a orxía dos donos con máis dedicación, menos salario e menos vida. Os sindicatos maioritarios navegan na fascinación do pacto, nun sentido idiota da responsabilidade e na asunción dun novo papel de narcóticos sociais. Outros permanecen atrapados nun universo paralelo no que rexen outras regras. Marx chamaríalles neoidealistas.

Concluíndo, parece obvio que a esperanza real que nos queda é a perda absoluta da nosa confianza nos mercados. A ver se é verdade.

]]>
Coma corpos mortos http://antondobao.blogaliza.org/2010/02/02/603/ Tue, 02 Feb 2010 12:46:42 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=603

Baixou polas escaleiras do hotel coma se fora a primeira mañá das vacación do inverno. Acompañábase coas miradas ao paso que rebotaban os seus andares nos múltiples espellos do salón Henry Kissinger, amplo, estampado de imaxes reflectidas, cargado de cor dourada, ruído de cristais coma axóuxeres, mesas de madeira nobre e cadeiras acolchadas en veludo verde moi escuro. Coma se houbese mil e mil ollasen. Ía pendente de que cada paso fose o perfecto, definitivo, modélico. Chegou á metade da sala cumprida, procurou unha mesa baleira á vista da entrada e sentou. A paz do lugar é incomparable. Nada de ruído. Calorciña.

Non tivo que erguer a man nin chamar por ninguén. Os bos empregados do hotel adiviñan no intre os desexos dos clientes. É un don que vale os seus cartos. Empeza a acomodarse. Tira de enriba o anorak e as luvas, pousa as lentes contra o sol que cega tras bater na neve e xa ten ao seu carón un camareiro negro, moi alto, delgado pero musculoso, fermoso coma un amañecer de inverno ao carón dunha lareira acesa. Un martini era o que lle apetecía. Non lle deu tempo a terminar de acomodarse de todo, e o fermoso camareiro negro xa llo tiña colocado na mesa coma se o fabricara alí mesmo, coma se o quitase do nada para demostrar que certa materia tamén se crea e se destrúe se hai medios.

Saboreou a copiña pouco a pouco. Achegóuselle unha rapariga con riscos faciais andinos. Cunha reverencia que lle quedou a medio camiño da xenuflexión, retiroulle da cadeira contigua a roupa para a neve que fora pousando elegantemente nun ritual ben medido. Nin ollou para ela. Arrombou a mesa coma se fose a súa nova oficina. Un ordenador portátil e un teléfono móbil de última xeración. Máis nada. Ao erguer a pantalla da computadora, deulle un derradeiro repaso ao rostro agarimado polo cuspe de sol e neve en que se estaba mergullando as dúas últimas semanas. Quince días máis, e volvía ao despacho coas baterías do trinque. A crise destes anos require afrontar os tempos duros con espírito vivaz e corpo atento. E rostro harmónico. A empresa familiar xa non é familiar. É súa, só súa. E de máis accionistas, pero súa sobre todo. E o xornal. E a radio. E a rede de concesionarios. E a construtora, que no último ano descendera lixeiramente o nivel de beneficios e pedía tomar decisións dolorosas pero necesarias. E a aseguradora. En fin, non todo era seu, pero coma se o fose.

Preparar o escenario non é o menos importante.

Fóra non neva. Vai un sol amarelo e grande coma o anel que loce no dedo medio da man dereita. Sorrí. Érguese cando entra o seu compañeiro. Abrázanse e bícanse. Algo falan, pero tan baixiño que nada se escoita. Ceiban de cando en vez algunha gargallada divertida. Térmanlles dos rostros bronceados sorrisos un pouco tensos, inchados. Repítese a rutina: chega o camareiro negro e fermoso e serve un cóctel en copa pequena; volve a rapaza con riscos andinos e lévalle a roupa de esquiar. Sentan e falan, ollan a pantalla do ordenador, vense nos espellos, miran a televisión e van vendo como entran outros cos mesmos sorrisos e dan os mesmos bicos, abrazos semellantes, toman copas parecidas, admiran o mesmo camareiro, sorrinlle igual á rapariga, que debe andar a argallar un armario de moita fusta con anoraks, gafas, chaquetas, luvas, bufandas e outros artigos para a neve. Contas, resultados, estratexias, medidas, financiamento, vendas e tamén un pouco de amores, mulleres, homes, escapadas e neve. Ese é o barullo que se escoita no salón Henry Kissinger do Hotel América, de categoría superior. E as campaíñas dos vasos en contacto cos líquidos, cos dentes, cos galillos vibrantes das gorxas. As peles morenas sorrín sen perder a necesaria tensión.

Entre o barullo frenético, non para de observalo todo. Coma se ideara a xuntanza, coma se o mundo se lle puxese aos pés. Antes de pechar a pantalla do ordenador, bótalle unha ollada ao titular do xornal electrónico. A letra é negra, arial, corpo 28. O goberno español vai elevar a idade da xubilación. Colle a copa mediada e levántaa á altura dos ollos. Observa a cálida humanidade do salón. Sorrí con confianza.

—Pola crise!

Todos erguen as copas e beben. Fóra, caen brazadas de neve dos teixos centenarios que circundan o hotel. Coma corpos mortos.

]]>
Chantaxes orixinarias http://antondobao.blogaliza.org/2009/08/31/chantaxes-orixinarias/ Mon, 31 Aug 2009 10:00:47 +0000 http://antondobao.blogaliza.org/?p=503 A lexitimidade do capitalismo estéase en varias chantaxes orixinarias. Talvez por iso sempre está suxeita a impugnación e é tan evanescente que se disipa no aire en canto nota unha turbulencia. Coa acumulación primitiva, a chantaxe inicial, nace o monstro. Os seus mecanismos aínda latexan; así ocorre en Galicia e noutros territorios en que os efectos do desenvolvemento desigual mancan máis. O capitalismo nace desposuíndo de toda propiedade os suxeitos humanos que se verán obrigados a vender a prezo de saldo a súa forza de traballo para poder sobrevivir. O único que lles queda.

Outra chantaxe orixinaria, se cadra non tan patente, proxéctase coma un halo relixioso sobre o asunto económico, esa materia que nos afecta e sobre a que carecemos de potestade. Esta chantaxe, moi ligada a aquela masiva forza gravitatoria da subalternidade, esíxenos a fe inmutable nun concepto tan simple como eficaz: para que a economía progrese (non importa o que iso realmente signifique), é imprescindible que os donos dos medios de produción acumulen riqueza sen taxa. Ou sexa, que incrementen progresivamente o seu beneficio. Que fagamos o necesario para que non opere a caída tendencial da taxa de ganancia. Só así poderemos aspirar a un progreso e benestar aparentes, é dicir, a ser consumidores Outramente, o mundo esborrallaría en anacos. O reino da entropía social. Os nacidos para traballar terán que se sacrificar polo ben común, que, como sabemos de hai tempo, é a acumulación de beneficios. Serán recompensados co Reino dos Ceos, no que admirarán o acougado repouso contemplativo dos ricos á Dereita de deus Padre. Sempre á dereita.

Na incubadora da súa lexitimidade institucional e ideolóxica, o capitalismo disfraza as súas chantaxes cos avíos dunha natural orde das cousas; a súa lexitimación é relixiosa. O sacerdocio liberal exérceno os medios de produción simbólica ao carón dos políticos profesionais, da dereita e da mal chamada esquerda. Os integristas, coma un tal Ramón Tamames ou os seus ridículos e pintorescos discípulos galegos, ofrecen as súas pregarias máis estridentes ao Deus omnipotente para que abra portelos e portóns e disolva calquera linde que poña atranco á gloriosa explotación permanente e sen pexa, ese estado místico de perfección polo que ouvean día tras día desde a súa caverna. Contra o paro, salmodian, a mellor receita é o despedimento libre e gratuíto e a abolición de dereitos e conquistas: a protección requírea o empresario. Capitalismo como Deus manda, beneficio para o empresario e traballos para os de abaixo.

Para paliar os efectos da crise, os gobernos, ora liberais ora socialdemócratas, focalizan necesidades e expectativas dos donos do diñeiro. Entréganlle a riqueza pública á banca, que enfeita os seus balances e se nega ás necesidades da xente e ás economías produtivas para impoñer o seu modelo universal especulativo, incluído o investimento en masivas doses opiáceas coma a coñecida operación Cristiano Ronaldo, que tanto contento orgulloso transporta ás casas dos pobres. Tamén os produtores de automóbiles reciben cartos detraídos dos salarios, cos que tamén se axuda a manter e acrecentar os beneficios das grandes empresas e a precariedade laboral. Alixéirase a presión fiscal aos podentes pero elévase a que recae con máis dureza nos que menos teñen: impostos indirectos e IVE, que por algunha estraña lei da física tende a quedar atoado nos angostos circuítos do capital. A fraude fiscal, unha práctica consubstancial ao mundo dos filántropos emprendedores, resólvea o Estado incrementando os impostos indirectos.

Visto que España é un estado moderno que procura sempre estar á altura das circunstancias, o seu goberno, aparentemente progresista, formalmente interesado no benestar da maioría social, cumpre ao pé da letra os seus compromisos co poder. A socialdemocracia saborea coma ninguén a dozura acaramelada dos salóns institucionais e comprende que a súa principal función na vida política consiste en aparentar verbalmente a defensa dos intereses das maiorías sociais traballadoras ao tempo que executa políticas económicas reaccionarias que benefician a acumulación de riqueza da clase empresarial. O simulacro progresista consiste en aparentar o que nunca se fará. Tal que a defensa dos intereses dos traballadores, da sanidade pública ou da laicidade do Estado, por exemplo. Entre os meneos verbais e as medidas reais adoptadas polos gobernos socialdemócratas florece unha ecuación de capitalismo impúdico. Cando o ministro José Blanco bota a voar o globo sonda dunha suba de impostos ás rendas máis altas, cumpre a primeira fase de acción de goberno socialdemócrata clásica, que consiste en adormecer verbalmente os sectores sociais dos que se extrae o combustible electoral. Ä hora de lexislar, xa o farán, coma sempre, a favor da minoría social que detén o poder real. Por se acaso, as reaccións á prospección gobernamental dun posible incremento impositivo sobre as rendas máis altas non demoraron: desde o PP ao Xornal de Galicia, pasando por CiU, a preocupación é notoria: ningún poderoso está disposto a ceder un céntimo ao ben común. Soamente aceptar a posibilidade dunha política impositiva de esquerda real espiría a chantaxe orixinaria e con ela a lexitimidade mesma do sistema. O PSOE coñece ben a súa responsabilidade: nada de que paguen máis os que máis teñen. O seguinte paso virá co incremento das taxas indirectas e do IVE envolto na alegría de que os impostos non soben, esa chave de bóveda para a reactivación da economía, seica. O capitalismo é mestre en paradoxos.

Toda medida económica ten que pasar por reverter a caída de ganancia dos que acumulan riqueza sen pausa para que asalariados e asalariadas poidan seguir vendendo barata a súa forza de traballo, é dicir, a súa vida, e non teñan necesidade de descender aos abismos do paro, ou sexa, da exclusión e da perda da privilexiada condición de consumidores.

É o natural. Como din os sabios, sempre foi e sempre será. Ou sexa, uns vão bem e outros mal.

]]>