Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Febreiro 2nd, 2011 at 3.07 a.m.

Que non teñan medo

in: Cultura

Que non teñan medo Miguel Bosé, Alejandro Sanz, David Bisbal e outros semellantes. Non teño ningunha intención de descargar nin unha soa das cancións polas que cobran dereitos de autor. Non serei eu quen impida que ingresen os seus diñeiros. Ora, do mesmo xeito que eu declaro publicamente que non sucumbirei ao mal gusto de impedir que se fagan máis ricos, esíxolles a eles que me comuniquen a parte dos diferentes canons que a min como autor me corresponde e que nunca vin convertida en pagamento. Que me digan quen recada o canon, como se recada, entre quen se distribúe e a que oficina podo ir cobrar a miña parte.

Tamén escusan ter medo, no tocante á miña necesidade e ao meu dereito de compartir, Gerardo Herrero e outros directores españois. Por min, poden seguir reservando toda a súa capacidade emotiva para a lei Sinde e outras meritorias accións da ministra de cultura, que, por certo, fai parte interesada do negocio. Digo negocio, si, e non arte nin cultura nin nada parecido. Poden, daquela, durmir tranquilos, azorrados á súa caixa forte. Nos meus plans non teño previsto dilapidar o meu tempo en descargar nin en compartir ningunha das súas producións cinematográficas.

Quen di Gerardo Herrero podería dicir outros, incluída a ministra, coa que o eximio director comparte cartel en máis dun par de producións. Porque precisamente na produción audiovisual española conflúen múltiples detalles que converten as posicións cavernarias de Herrero e outros, coas súas esgrevias declaracións, nun catálogo de variacións cínicas propio de quen se observa a si mesmo, fachendoso ante o espello, coma un creador privilexiado, un artista, un ser único enfrontado ao enxame indecente de seres anónimos de todas as idades, orientacións sexuais e intereses estéticos. Enfrontado por mor da Gran Causa: a exaltación do mercado como paradigma e a preponderancia do lucro privado sobre o beneficio colectivo. Ou sexa, os produtos culturais como pura mercadoría. Unha enfermiza necesidade de articular un espazo mercantil pechado. Un club de elite. O escenario social de concorrencia artística convértese en posto de mercado ao que só algúns elixidos poderán acudir para vender os seus produtos. Elixidos por rigoroso convite dispensado caprichosamente por discográficas, produtoras, distribuidoras, medios de masas… Homes de negocios, en fin. A finalidade, non se esqueza, é o lucro, o enriquecemento mediante a explotación da forza de traballo e da intelixencia colectiva.

O que en realidade está en debate non é o feito indiscutible de que o creador dun produto cultural teña dereito a vivir do seu traballo. Ao contrario. Quen defende o statu quo aposta pola expropiación da capacidade comunicativa, creativa, artística. A conversión en vulgar mercadoría do produto cultural, elaborado con materia común de propiedade social coma as linguas, as imaxes, as cores, as notas musicais, a luz e a sombra ou toda a bagaxe cultural e creativa da que bebe cada canción, cada película, cada libro. O enriquecemento duns poucos e o silencio dos máis.

É curioso que artistas chamados de esquerda sexan, por seguidismo, por medo ou por insuficiencia analítica, incapaces de comprender os mecanismos de produción e consumo cultural e as mudanzas protagonizadas teimudamente por unha multitude insubmisa. Non entender esas novas realidades equivale a non comprender os mecanismos de produción, explotación e consumo da sociedade capitalista. Talvez de aí veñen as súas reverencias incondicionais ás multinacionais e aos homes de negocios. Os artistas, cantantes, actores, directores e outros creadores enfróntanse ao usuario, que é o elo máis feble da cadea de produción e consumo, criminalízano, e para iso abéiranse a carón do home de negocios. Fanse firmes contra o acceso universal aos bens culturais e apoian os filtros que determinan o que debemos escoitar, ler e ver porque esa é a maneira de condicionar o que temos que producir. É o mercado quen determina o canon artístico. Son os seus filtros. Algo non funciona ben de todo.

Cando alguén descarga unha canción ou unha película non infrinxe ningunha lei nin está xogando ao todo gratis. Xa pagou por eses produtos. Fíxoo ao mercar o ordenador, ao pagar a factura eléctrica, ao mercar os soportes e os aparellos de gravación e reprodución, ao pagar a tarifa telefónica, etc. Paga tantas veces o usuario por un mesmo produto que parece unha indignidade que artistas, cantantes e cineastas teimen en convertelo en culpable de piratería e ladrón de traballos alleos. A obsesión destes é que todo o mundo pague varias veces polo mesmo produto, que siga pagando e nunca pare de pagar. Pagar polo uso de ollos e orellas. Pagar ata perder o sentido.

De todos os campos culturais e artísticos, o audiovisual é probablemente o máis peculiar. Cando alguén descarga unha produción audiovisual española —ou galega, se é que existe tal categoría máis aló dalgunha anomalía incómoda— toma para si unha pequena parte dun produto que xa pagou tamén cos seus impostos. Porque de aí proceden, dos impostos, as imprescindibles subvencións do Ministerio e da Consellería de Cultura ou da TVG, sen as cales probablemente non habería demasiada produción audiovisual. Se cadra, Gerardo Herrero cre ser xusto cando irado e tronante esixe que cada usuario pague repetidamente por un mesmo produto, non só mediante os seus impostos, senón de todas as outras formas imaxinables. Se cadra oculta por descoñecemento ou despiste que leva acumulados bastantes centos de miles de euros de subvencións públicas da Xunta de Galicia e da TVG para realizar un mangado de películas. Ou sexa, diñeiro público cun único destino: o lucro privado. O sistema de negocio audiovisual que defende Herrero non só asenta os seus pés de lama nun alicerce inxusto e inxustificable, senón que desde unha posición ultracapitalista despreza o valor cultural, de uso, dos produtos audiovisuais, de todos, ao tempo que se fundamenta nunha práctica indigna: o diñeiro público como xerador non de riqueza social e cultural, senón de lucro privado. O espolio reiterado como norma.

Eu non teño intención de descargar nin unha soa das producións de Gerardo Herrero realizadas grazas ás subvencións da Xunta e a TVG, pero se tivese un momento de fraqueza faría uso do meu dereito a desfrutar —permítaseme o eufemismo— dun produto financiado co diñeiro de todos. E de compartilo, por suposto. Outramente, se o diñeiro procedente dos impostos só serve para o negocio privado, para lucro dos homes de negocios, entón será preferible dedicalo á educación e á sanidade.

-

Comments are closed.

  • Febreiro 2011
    M T W T F S S
    « Xan   Mar »
     123456
    78910111213
    14151617181920
    21222324252627
    28  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN