Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Decembro 14th, 2010 at 2.05 p.m.

A pallasada liberal de Vargas Llosa

Ninguén poñerá en dúbida os merecementos de Vargas Llosa para recibir o Premio Nobel de Literatura. Por semellantes razóns, ninguén deberá alterarse se a figura pública é acedamente criticada cando reparte doutrina desde unha cadeira convertida en púlpito. Un premio, o que sexa, non é ao cabo máis ca o galardón concedido por seres humanos cuxos criterios non é obrigatorio compartir aínda que sexan lexítimos e honestos. Que llo pregunten a Valle-Inclán. E a tantos e tantas.

Vargas Llosa orou. Converteu en espectáculo o que estaba concibido como acto literario. Fiel que é el ao catecismo liberal. Pero literatura é vida, totalidade orgánica, e o escritor insiste libremente nas súas teimas, axeónllase ante a luz do capitalismo máis criminal –descúlpeseme a redundancia—, reverencia silencioso as súas sombras e converte en auga mineral todo o limo que o Gran Sistema produce. Eis o poder creativo da Gran Literatura. Se para iso cómpre tratar de pallasada aquilo que rompe a harmonía da explotación e a miseria dos incapaces, pois faise e xa está. Non, non se refería o Premio Nobel a Honduras, nin a Guatemala nin a Colombia ou a México, non. O pinchacarneiro intelectual de Vargas Llosa sería unha ruín imitación da peor das pallasadas se non fose pura ignominia. Mala raza, din algúns.

O home liberal é fachendoso e cínico. Sorrí con gozosa superioridade. Observa, distante, os intentos dos desposuídos por se faceren co control das súas propias vidas. Altérase cando ve perigo de éxito no intento. E sempre imparte doutrina, que é listo de máis. Apréndenos resignación co argumento da súa propia autoridade moral, que para iso é el liberal e demócrata. Losquea coa superioridade conceptual e ética do mundo tal como o concibe o negocio. Rise da inutilidade da esquerda, esa caste de insuficiencia sináptica propia da infancia, material antigo, obsoleto, inservible. Non soñes máis liberdade ca a que tes. Non areles o que non serás nunca. Deixade na porta do inferno toda esperanza.

Os liberais téñeno todo claro. Por iso presumen. Están dotados para comprender a substancia etérea das cousas e desprezar todo tacto material que non teña raíz no lucro. Por iso desprezan a pequenez das existencias de quen vende a súa forza de traballo. Moi aburridas. Insuficientes mesmo para un pintoresco material literario. A miseria é para eles un problema conceptual. O sufrimento, un poema.

O mercado é deus, iso xa o sabemos. Por iso, a inscrición na porta mesma do inferno. El, o mercado divino, garante a eficacia, a liberdade, a democracia. O liberal non che lerá a letra pequena do contrato forzoso. Porque o prazo de devolución é indefinido, a condición de consumidor con dereito a voto é revogable e o benestar é unha reprodución en papel couché dunha pintura figurativa de dúas cores. O home é para el unidimensional e previsible, e a muller o seu reflexo. Só os pallasos teimamos en que a eficacia ten que lle deixar todo o espazo ao benestar. Pero alterar ou interromper o rito do simulacro merece a excomuñón. É crime de sacrilexio. A transcendencia, tan querida.

Vargas Llosa oficiou unha vez máis de sacerdote liberal. Separou o mundo en bos, malos, pallasos, perversos e idiotas pobres. E nacionalistas, que, condenados, soñan continuamente con facer o mal e derrubar ese cristalino edificio de luz e harmonía que se chama España. Esa modélica familia. Xa hai uns cantos meses, acompañado por luminosos modistas, artistas e ciclistas, propiciou un piadoso manifesto en defensa dunha (mal) chamada Lengua Común, que, como calquera sabe, só é común para os seus falantes. Nunca galegos, cataláns ou vascos atacaron a lingua española coa vehemencia e a xenreira coa que este liberal e os seus diáconos trataron as linguas destas tres nacións sen estado. Soamente persoas moi indignas están capacitadas para desprezar os falantes de linguas que consideran inferiores.

Mal escritor é aquel que postula a inferioridade dunhas linguas fronte a outras. Mala gente que camina y va apestando la tierra, por Antonio Machado. Peores, madia leva, ca pallasos.

Etiquetas: , , ,
-

Comments are closed.

  • Decembro 2010
    M T W T F S S
    « Nov   Xan »
     12345
    6789101112
    13141516171819
    20212223242526
    2728293031  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN