Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Novembro 29th, 2010 at 3.31 p.m.

Non sei que dicir

Podía, como tiña pensado, darlle voz a un personaxe canso ao que cada vez que escoita a palabra España se lle vén á porta dos dentes algún substantivo duro convertido en interxección. Ou que lembra, sen parar de roer nunha indignación bíblica, a custosa viaxe do líder do Partido da Orde Eclesiástica, as súas preocupacións polo anticlericalismo ou a súa xenerosa desculpa do condón cando algún pai de familia acode, para desestresar, aos servizos dunha prostituta. Outro dos tradicionais cometidos especificamente femininos.

Podía, como tiña concibido, pasear máis veigas cheas de toxos e carpazas e colocar fronte ao espello dos seus anos un ser humano, home ou muller, acugulado de frustracións. As batallas perdidas por incomparecencia, os regos ermos de desexos e soños que nin acudiron por utópicos, as múltiples existencias posibles diferidas á promesa doutra vida tras a vida noutra terra de fume, a descendencia distanciada, a pobreza, o salario. E unha teimuda negativa a sentir culpa pola súa responsabilidade na pobreza da humanidade, na crise e en todas esas desgrazas das que falan as radios, as televisións e os xornais. Se o seu egoísmo non o obrigara a gozar dunha pensión para ir sobrevivindo todo sería diferente. Para que os mercados, de psicoloxía feble, perdan a súa dolorida desconfianza, haberá que guindarse polo balcón, aproveitando que a varanda está roída polo óxido, e deixarse ir morrendo na caída á rúa seca.

Podía pensar que un asalariado perde a condición de cidadán, ou sexa, de consumidor, cando adquire a de xubilado. E esa é unha carga demasiado pesada para a lixeireza dos beneficios das empresas. De cada empresa. Das grandes, das pequenas e das medianas. Das transnacionais, das multinacionais e das nacionais. Galegas incluídas.

Podía mesmo facer un poema pola dignidade ou lembrar que a renuncia a uns Premios (antes Nacionais) da Cultura ignorados primeiro e recluídos despois ao rocho da subalternidade nada ten que ver co respecto ás regras do xogo. Ou é xustamente unha manifestación de respecto polas regras do xogo. Ou tanto ten, porque un escritor é libre de participar ou non nun simulacro ao que é convidado como obxecto decorativo de lexitimación. Podía lembrar que calquera que manifeste unha posición publicamente está sometido por forza á crítica. Podía lembrarlle, logo, a Freixanes que a RAG, institución á que el pertence, rexeitou participar no xurado dos Premios da Subalternidade e por boca do seu Presidente considerou publicamente que estes naceron mortos. Porque talvez as regras do xogo foron rotas polos actuais gobernantes. En ámbitos que para algúns de nós non son accesorios, senón pura supervivencia, ou sexa, futuro. E podía tamén dicir que gañar unhas eleccións non o lexitima todo. E que é un moderado consenso de mínimos, nada máis ca iso, o que defende Agustín Fernández Paz co seu xesto. E, sobre todo, que un ten dereito a rexeitar un premio e xa está.

Podía pensar, e dicir, que a lingua está en poxa pública. E que o primeiro sinal da derrota, ou sexa, da renuncia a ela, é que os seus usuarios nos desculpemos por existir e por querer vivir con ela, coa lingua que nos é propia, esa aspiración tan cruelmente humana.

Podía.

Pero hai tantas cousas das que falar que xa non sei que dicir.

-

Comments are closed.

  • Novembro 2010
    M T W T F S S
    « Out   Dec »
    1234567
    891011121314
    15161718192021
    22232425262728
    2930  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN