X. L. Méndez Ferrín chegou á Rúa Tabernas e pousou na Cadeira da Presidencia da Real Academia Galega. O camiño non é que o tivese despexado de todo; apenas dous ou tres atrancos tirando a cativos viñeron a darlle un pouco de aire a unha elección que en realidade non tiña por que saír das paredes da sede académica. Todo ten os seus significados; tamén os silencios, os barullos e as faces circunstanciais. Que algunhas obsesións persoais acomodadas ao carón de certas empresas mediáticas pretendesen capitalizar un debate que non lles correspondía e rebozalo en prexuízos sectarios e mala fe interesada non é máis ca un transparente sinal da potencia irredutible da figura do novo Presidente. Algúns teimudos sofistas aínda cospen a súa telexénica rabexa despois da elección. Ao non prender en palla seca o exemplo das súas sensatas advertencias, incorren, con destreza tan cativeira como elevada é a súa impericia cultural, en terreos para eles descoñecidos de ficción literaria. A deles non comprendeu aínda o concepto de verosimilitude nin de destreza técnica. Certos demócratas levan décadas confundidos na relixión totalizadora da seita. Viron a luz e non queren desprenderse do seu fulgor.
Poida que Ferrín como Presidente da Academia sexa unha anomalía. No mundo gris e seco que para o ser humano tece o fascinante sistema de explotación e control de pensamento e instinto, cada anomalía é unha luz que irradia enerxía nova por todas as súas partículas. Incómoda para a materia escura que nos fai mutar en seres amálgama: produtor-consumidor-mercadoría. Tamén a lingua galega é unha anomalía rugosa no liso papel de celofán que excita certas glándulas inferiores e cega de delirio as organizacións mentais dos individuos chamados a santificar as nosas derrotas. Ás veces, cando volven á casa despois de duras xornadas nas que cristalizan en todo o seu esplendor os filantrópicos proxectos que aluman as súas plumas, recitan angustiosas pregarias como epílogo das súas oracións piadosas: por que non somos coma a xente simple ou por que a xente non é tan simple coma nós? Por que nos impuxeches, ou destino, ao noso carón unha lingua de toxos e de silvas para que nos incomode o espírito con tal insistencia e nos faga cheirar a estrume? Teñen o estigma material da cursilería no ADN.
A lingua galega é, aquí e agora, na lisura dun tempo sometido aos espantados e dun espazo inclinado ao baleiro, a anomalía paradigmática. A Academia é unha anomalía institucional nunha nación (con perdón) entregada voluptuosamente á subalternidade. Ferrín é unha anomalía intelectual, humana e literaria no universo unimensional adorado por estes sacerdotes que impoñen penitencia e castigo por transgresión flagrante ou sintomática do pensamento cero. A anomalía é o que nos define. Marabillosa e liberadora anomalía.
A gran noticia destes días achégalle unha luz enerxética ao patio de sombras no que teiman en zarrapechar a lingua, a cultura e Galicia enteira. O escritor máis rico da nosa extraordinaria e fachendosa literatura é Presidente anómalo da anómala Academia dunha lingua anómala. E aquí continuamos. Case non lles queda mecha da que tirar!






9.53 pm on xaneiro 28th, 2010 1
Leva razón sr Dobao mas creo que é un grande erro, xa teñen o discurso feito. ogalla trabuqueme e sexa a sua unha boa laboura,non lle discuto méritos nen compromiso, mas xa estiven a discutir con xente de ld e demáis no faceb, terrorista, batasuno comunista, etc. Non o atara isto de mans?non cho sei. saudos