As túas conviccións outórganche a certeza absoluta; as miñas obríganme a dubidar de todo. Algo así, con outras palabras, vén a dicirlle Hipatia de Alexandría ao Bispo de Cirene en Ágora, a última película de Alejandro Amenábar. Unha paráfrase da historia da humanidade, da loita entre as conviccións relixiosas e a razón.
A historia do coñecemento do que fomos e somos e do universo inabarcable que nos acolle nun recanto afastado dunha apartada e pequena galaxia é unha loita a sangue e ferro contra o poder omnímodo da fe. O coñecemento, con todo e ser intenso en moitas disciplinas, é incompleto. E probablemente non chegará a dar conta de todo o que nos esixe interrogarnos. Velaí a súa grandeza. A razón é fascinante porque dubida. E isto nada ten que ver con relativismos morais nin outras argumentacións pouco consistentes inventadas para condenar —hoxe a fogueira ou a lapidación son só simbólicas, e é un avance— a aqueles seres humanos que ousan traspasar certas fronteiras só abertas á inconmensurable sabedoría de Deus. Por sorte para nós, humanos simples, o coñecemento, e non precisamente a fe, mediante a dúbida vainos facendo máis libres.
Stephen Hawking conta que Xoán Paulo II lles pediu aos científicos, nunha conferencia sobre cosmoloxía celebrada no Vaticano, que non estudasen a orixe do Universo, pois era o momento da Creación, é dicir, obra de Deus. Hawking presentara un relatorio no que teorizaba arredor o
inicio do Universo, pero alegrouse de que o Papa non se decatase; non lle chistaba a idea de ser entregado á Inquisición, como lle ocorrera a Galileo. Talvez esaxera o científico, porque en 1992 o propio Xoán Paulo II asinou unha declaración na que a Igrexa recoñecía que a acusación contra Galileo fora un erro motivado por unha tráxica e mutua incomprensión. Ao bo do Galileo déralle por teimar en que a Terra andaba a voltas ao redor do sol. A Igrexa non foi tan severa con Galileo coma con Giordano Bruno, pero é que este sumaba varios crimes ao seu currículo, desde a submisión á ciencia deica a herexía. Hipatia de Alexandría, á que Amenábar lle rende unha fermosa homenaxe, tamén morreu violentamente. Pola razón.
A militancia na fe merece todo o respecto. E non necesariamente é incompatible coa militancia na razón. Mais o conflito é inevitable cando a fe, que inviste a existencia humana de transcendencia, impón os seus principios e as súas normas tanto no ámbito privado coma no público. Aí a fe é totalitaria. É a que define a Igrexa Católica desde Constantino. E non muda nin mudará.
Nesa liña totalitaria circulaba esoutro día Carlos Luis Rodríguez ao perseguir a Carlos Callón, naquela ignominiosa entrevista, para que comparase a manifestación a prol da lingua coa que un día antes atravesara Madrid para esixir a abolición do dereito ao aborto e o correspondente castigo terreal (o eterno está garantido) contra as mulleres que decidan non culminar embarazos e contra todo aquel que practique abortos. Rodríguez, non é nada novo, recorreu insistente á técnica do sofisma infantil: se vostedes din que o Goberno ten que escoitalos por saíren á rúa milleiros de persoas, entón recoñecerán que o Goberno de España ten que escoitar o clamor dos antiabortistas ou como sexa que haxa que denominalos. Ou sexa, somete a xuízo relixioso a ocupación pacífica da rúa e acubíllase no principio totalitario de que a única lexitimidade é a da representación, que é como dicir a da lei. Obvia, por tanto, que o dereito é posterior ao poder constituínte e que muda necesariamente cando muda este. Para el, non é o pobo quen máis ordena, senón a entidade abstracta da representación, que despois de cada proceso electoral queda fixada como vontade unitaria e inmutable, non sometida á multitude, por suposto. A soberanía residirá en cada caso nesa representación absoluta exenta de todo control democrático, só sometida ao control aristocrático das empresas comunicativas.
Sobre ese castelo de fume, o xornalista Rodríguez reitérase nun discurso sen raciocinio, de superficialidade relixiosa. Porque hai mal e hai ben que eticamente han de determinar as liñas de bo ou mal goberno. E para exemplo, as dúas manifestacións. Na estrafalaria concepción do xornalista Rodríguez, unha manifestación estaba amparada polo dereito de responder a un goberno que xeraba
división social cunha decisión eticamente reprobable; a outra, por contra, disparaba contra a verdadeira soberanía popular residente no goberno que actúa conforme ao sentido común, á liberdade e á non imposición. As incoherencias profundas e superficiais do hipotético pensamento de Rodríguez darían para moitas páxinas. Mais a propia comparación en si de ambas as manifestacións é, como mínimo, perversa e tramposa. Porque os puntos de partida e de chegada son non xa opostos, senón incompatibles, profundamente antagónicos.
Se o círculo é a perfección, e a perfección é cousa de Deus, o mesmo ca a Creación da Terra e do home, non haberá peor crime que concibir a Terra en movemento elíptico ao redor do Sol. Se o pobo galego lle deu a maioría absoluta ao PP -non importa que as organizacións do bipartito sumasen máis votos- e este retira a lingua da vida pública e do ensino, o pobo galego desexa a extinción da súa propia lingua; negarse a esta vontade divinizada é un crime de lesa patria. Sedición totalitaria. Ambas as argumentacións representan as prevencións totalitarias da fe contra a razón. Pensamento Rodríguez.
A manifestación de Queremos Galego non facía máis que reclamar un dereito posto en perigo por un goberno lexítimo pero sometido a crítica e contestación social. Pola contra, a manifestación antiabortista reclamaba, con coherencia tradicionalista e relixiosa, o castigo para toda aquela muller (e home) que contraveña os preceptos morais dunha confesión relixiosa. Coma con Giordano Bruno e Galileo e tantos outros. Coma con tantas mulleres. Coma con Hipatia de Alexandría. Castigo á impudicia. Certeza totalitaria contra a dúbida racional.






12.57 am on novembro 12th, 2009 1
Conversa con Manuel Lourenzo, Premio Álvaro Cunqueiro de teatro 2009:
http://nosquedaportugal.blogspot.com/2009/11/conversa-con-manuel-lourenzo-1.html
E venres segunda parte da entrevista. Saúdos.
10.39 pm on novembro 12th, 2009 2
Non é bo confundir relixión(buscar re-ligarte a Deus) ou espiritualidade coas intolerancias e medos propios dos sistemas negadores da liberdade e xerarquicos,non só católicos ou relixiosos,senón tamén filosóficos políticos ou de calquera índole. Pora ben ou mal os humanos somos así,espero que vaiamos evolucionando co tempo.A ciencia,grande e fermosa aliada tamén ten seus perigos, se nos non evolucionamos con ela.O meu entender as relixiós(canto máis personais mellor)non teñen por que ir contra ningún coñecemento científico,pois a transcendencia é algo que sempre irá parello pero máis aló.Non obstante ao final sabremos que sucede, ou non?. saudos
Caralladas a tua é unha promoción hollywoodiense,manda troula
1.56 am on novembro 13th, 2009 3
Eu creo que o máis probable é que xa saibamos antes o que sucede ao final. A relixión meréceme todos os respectos. A fe das persoas na transcendencia, tamén. Aínda que eu non comparta esa fe. Menos comprensión me merece a obsesión relixiosa pola totalidade, por ocupalo todo, por saír do espazo privado e inundalo todo e servir de norma inescusable de conduta e límite para o castigo. Aí é cando a relixión, a que sexa, me parece combatible. Necesariamente combatible. A ciencia pode ser compatible coa fe, tampouco o poño en dúbida. Pero cando a fe combate a ciencia, entón a relixión volve ser necesariamente combatible. Vexamos: oposición a diversas técnicas terapéuticas, oposición a investigacións con células madre, oposición ao uso de preservativos, oposición ás teorías evolutivas… Nos antagonismos coma eses entre ciencia e relixión, Deus nos deixe coa ciencia.
Saúde