Blog de Antón Dobao

República da Multitude

Agosto 3rd, 2009 at 7.31 p.m.

Mellor non dicir nada

in: Lingua

O patrimonio histórico e artístico non se toca. O inmaterial, que é intanxible por definición, curiosamente é máis dado a ser manipulado iso que a súa resistencia á destrución é superior aínda que aparente debilidade. A ninguén se lle ocorrería impulsar unha consulta para ver de manter en pé a muralla de Lugo, a Catedral de Santiago ou a Torre de Breogán. Se a alguén con poder institucional se lle chega a ocorrer tan estrambótica idea por non saber pensar noutros asuntos ou por non dar exercido as funcións públicas para as que fora elixido, non ousaría derrubar os monumentos se por mor dalgunha enfermidade colectiva o resultado da consulta marcase unha preferencia inconveniente. Co lume é mellor non brincar. Hai asuntos que non se someten a consulta a cada pouco, que habitan máis alá dunha deriva momentánea, que pertencen a todos sen exclusión: aos que viviron no pasado, aos que viven no presente e aos que vivirán en todos os futuros. É aberrante que uns poucos decidan sobre eses asuntos. Aos gobernantes tócalles protexelos do efecto corrosivo de intereses particulares inmediatos, que nestes casos nunca son nobres.

A lingua non é patrimonio inmaterial. Se algún día chegamos a defender tal identificación, estaremos confesando unha debilidade irreversible. E non é o caso. Que hoxe algunhas voces aludan a esa condición só indica un incomprensible descoñecemento do que é unha lingua e talvez certa tendencia a considerala unha peza de museo. Outra versión do principio de distancia. Por suposto, a lingua tampouco é o ridículo resultado dunha consulta ridícula.

A consulta debera ser boicoteada. Os pais preocupados por que aos seus fillos se lles ofreza un ensino público en condicións deberan enfrontarse ao disparate dunha Consellería de chiste e negarse a participar en semellante farsa provocativa cuxo único obxectivo é retirar a lingua galega do ensino, é dicir, do futuro. Non lles chega con que a escola sexa factor de castelanización; queren fumigar uns sons que non soportan, que lles derraman a pureza dos seus oídos e unha obsesión enfermiza por ostentar distancia irredutible. Freud saberá. Os pais e os funcionarios responsables están obrigados á desafección. E cada falante consciente desta vella nación, como Castelao lle chamaba.

Despois de ridículas reviravoltas, cos resultados da consulta coñecidos, todo volve ao lugar do que arrincaba. O goberno mantén un discurso que xoga á corda no gume dunha coitela oxidada. O cubil no que se asocian ignorantes e arelantes de extinción non sabe se festexar a derrota ou chorar a resistencia. Entremedias, unha consulta de lectura confusa, indecente e sospeitosa. Tanto o goberno coma os do cubil falsamente bilingüe non pensan proseguir coa empanada de consultas. Seica non se redactarán segundo este método os futuros programas de ensino. O regreso a formas de raciocinio máis propias do pensamento mítico ca do científico queda polo de agora medrando só nas marxes lamacentas dunha vulgar lingua vernácula. Ou sexa, de pobres e escravos. Certos clubs selectos non atopan bo acomodo nas searas da ciencia.

Se é certo que uns poucos milleiros de pais desexan para os seus fillos o descoñecemento da lingua de Galicia, entón quizais sufrimos unha pandemia máis daniña ca a da gripe A. Unha enfermidade social tan grave coma se esa cantidade de persoas avogase pola aplicación da lei do Talión, pola lapidación das adúlteras, pola submisión plena da muller ao seu posuidor ou pola pena de morte. Non teño dúbida de que a dereita estaría gozosa ante a idea de consultar acerca destes extremos. Pero hai cousas que non se someten ao xuízo temporal de certos grupos de persoas maltratadas por acumulacións de prexuízos e ignorancia.

Non diremos nada. Eis a consigna. O noso desprezo colectivo é a mellor resposta a unha ocorrencia grotesca que non debemos lexitimar. O goberno de Galicia debera ter a responsabilidade e o valor suficientes para planificar e executar a política lingüística que considere apropiada aos seus principios e ao tan aludido interese xeral sen necesidade de xustificar os seus actos con ocorrencias grotescas como a absurda consulta. O mesmo vale para o Secretario Xeral de Política Lingüística, que fai parte dese goberno. Xa terán a resposta que os falantes consideremos que deben ter. Valor e proxecto. Que fagan o que desexen coa súa consulta, que é súa e nada máis que súa; que derroguen o vixente decreto —moi tímido e nada normalizador, para que nos imos enganar— e que, como lles gusta dicir, muden o marco lexislativo de referencia. Que elaboren un novo decreto, pois, e que se dispoñan a aplicalo no ensino. Ese será xustamente o momento da resposta. E igual esta resposta é polimórfica e circula coma mil cobras en varias direccións e con diferentes intensidades. Ao mellor mesmo toca recorrer a todos os tribunais, en calquera lugar do mundo, para esixir garantías de exercicio dos nosos dereitos lingüísticos e o cumprimento escrupuloso, escrupulosísimo, da lexislación que en teoría protexe eses dereitos e obriga os poderes públicos de Galicia a potenciar a utilización do galego en todos os ámbitos da vida pública, cultural e informativa. Ou sexa, en todos. Falo do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización. E, se queren, que lle chamen imposición. Por moito que sigan a manipular estupidamente a semántica non conseguirán mudar a verdade dos feitos.

Consolémonos. É verdade que hai alumnos que non levan ben estudar galego. Tamén os hai aos que as matemáticas, a historia ou a física lles caen coma un punteirolo nas canelas. Confiemos en que a estulticia dos gobernantes non os conduza a consultar a posibilidade de eliminar esas ou outras materias pouco amables para os estudantes. Quen sabe que resultados sairían desa consulta. Consolémonos, logo. Aínda non superamos todas as barreiras da necidade. Polo de agora, aínda andan peor por Honduras. Non se consola quen non quere. Ora, o máis perigoso de certos exemplos é a súa extraordinaria potencia infecciosa. Instantánea.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.

  • Agosto 2009
    M T W T F S S
    « Xul   Set »
     12
    3456789
    10111213141516
    17181920212223
    24252627282930
    31  
  • LITERARIA

    i

  • AUDIOVISUAL

    claquetas1
  • Add to Technorati Favorites
  • PROLINGUA

    prolingua
  • A NOSA TERRA

  • REBELIÓN