12 Abril 2011 at 12.24 a.m.
Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia
Sr. Presidente da Xunta de Galicia
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Señor Presidente:
Os asinantes, compoñentes da Cerna de ProLingua e en representación dos máis de dous mil membros desta plataforma apartidaria e plural, integrada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, mais especialmente como galegas e galegos que desexan preservar para as xeracións futuras a nosa milenaria lingua propia, e preocupados polas declaracións que determinados candidatos das próximas eleccións municipais e sinalados dirixentes do Partido Popular de Galicia fixeron, dirixímonos a vostede para lle expoñer as nosas inquietudes sobre dunha hipotética, pero non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983) no sentido de diminuír as esixencias que a citada lei contén no sentido da protección da lingua galega.
De se producir tal feito, e de sufrir a nosa lingua un novo decaemento da súa situación legal, queremos lembrarlle que iso significaría
a) Que o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983.
b) Un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade.
c) Unha actuación contraria ao espírito da Constitución Española (Art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (Art. 5.3) e da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 222 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia.
d) Unha constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia.
Por todo isto, rogámoslle a vostede que, consonte coa oferta de pacto pola lingua que manifestou no Courel o Día das Letras Galegas do pasado ano, se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da LNL que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día.
Galicia, 9 de abril de 2011
Se desexas apoiar esta iniciativa, asina a petición online co teu nome e apelidos e un enderezo de correo electrónico válido.

Comentarios desactivados -
10 Abril 2011 at 1.36 a.m.
Esta suspensión temporal que anunciaba hai uns días é en realidade unha mudanza de orientación momentánea. É voluntaria, por suposto.
Hai unha importante, e feliz, razón persoal que me impedirá durante certo tempo elaborar anotacións, posts ou artigos (como sexa que teñan que chamarse) que requiran un esforzo máis ou menos intenso. Cando é persoal e feliz a razón, non é preciso desvelala.
E hai tamén unha importante, e espero que feliz, razón non estritamente persoal senón máis ben profesional e creativa. E esta si que merece ser desvelada. A partir do mes de maio comezaremos a rodaxe dunha nova película. Chamarase Sinbad, e será unha adaptación moi libre e persoal da novela de Álvaro Cunqueiro Se o vello Sinbad volvese ás illas…
Sinbad empezou xa a rolar hai algún tempo. É unha criatura delicada que require todas as atencións e moito tempo, ademais do traballo de moitísimas persoas dun talento e dunha capacidade moi importantes.
O mellor dunha película é vela e conservala na memoria. Para os que temos a sorte de participar na súa elaboración, o mellor empeza xa na primeira versión do guión e continúa na rodaxe. En todo o proceso faise patente a forza rexa que posúe o traballo colectivo no que cada persoa é imprescindible porque o importante é o común. É unha mostra evidente da potencialidade do traballo cooperativo, no que importa o produto e non o lucro que del se tire.
A película é unha coprodución da TVG e de Ficción Producciones. Con ela intentaremos, entre outras cousas, contribuír a celebrar o centenario de Álvaro Cunqueiro.
Quen queira irse informando máis polo miúdo dos aconteceres ligados con esta produción, poderá ir visitando esta páxina que se acaba de abrir en Facebook. Durante toda esta temporada, xa que non terei moito vagar para manter esta República da Multitude como ata o de agora, irei engadindo de cando en cando notas sobre calquera cuestión que me pareza interesante. Non terán periodicidade nin regularidade. Se vos achegades por aquí de cando en cando, estarei encantado de seguir conversando convosco.
Para principiar, déixovos o cartel da película, deseñado polo artista David Rubín.
E comezamos viaxe cara ás Illas Cotovías.

Etiquetas:
Sinbad
Comentarios desactivados -
12 Marzo 2011 at 12.58 a.m.
Durante unha temporada, que será o máis breve posible, e por razóns estritamente persoais, esta República da Multitude permanecerá en silencio.
Volverá á actividade máis adiante.
Agardo que regresedes cando se lle volvan abrir as persianas. Seguiremos dando voltas ao redor deste mundo, inxusto, si, pero o único que temos.
Beizón, apertas e deica pouco.
2 Febreiro 2011 at 3.07 a.m.
Que non teñan medo Miguel Bosé, Alejandro Sanz, David Bisbal e outros semellantes. Non teño ningunha intención de descargar nin unha soa das cancións polas que cobran dereitos de autor. Non serei eu quen impida que ingresen os seus diñeiros. Ora, do mesmo xeito que eu declaro publicamente que non sucumbirei ao mal gusto de impedir que se fagan máis ricos, esíxolles a eles que me comuniquen a parte dos diferentes canons que a min como autor me corresponde e que nunca vin convertida en pagamento. Que me digan quen recada o canon, como se recada, entre quen se distribúe e a que oficina podo ir cobrar a miña parte.
Tamén escusan ter medo, no tocante á miña necesidade e ao meu dereito de compartir, Gerardo Herrero e outros directores españois. Por min, poden seguir reservando toda a súa capacidade emotiva para a lei Sinde e outras meritorias accións da ministra de cultura, que, por certo, fai parte interesada do negocio. Digo negocio, si, e non arte nin cultura nin nada parecido. Poden, daquela, durmir tranquilos, azorrados á súa caixa forte. Nos meus plans non teño previsto dilapidar o meu tempo en descargar nin en compartir ningunha das súas producións cinematográficas.
Quen di Gerardo Herrero podería dicir outros, incluída a ministra, coa que o eximio director comparte cartel en máis dun par de producións. Porque precisamente na produción audiovisual española conflúen múltiples detalles que converten as posicións cavernarias de Herrero e outros, coas súas esgrevias declaracións, nun catálogo de variacións cínicas propio de quen se observa a si mesmo, fachendoso ante o espello, coma un creador privilexiado, un artista, un ser único enfrontado ao enxame indecente de seres anónimos de todas as idades, orientacións sexuais e intereses estéticos. Enfrontado por mor da Gran Causa: a exaltación do mercado como paradigma e a preponderancia do lucro privado sobre o beneficio colectivo. Ou sexa, os produtos culturais como pura mercadoría. Unha enfermiza necesidade de articular un espazo mercantil pechado. Un club de elite. O escenario social de concorrencia artística convértese en posto de mercado ao que só algúns elixidos poderán acudir para vender os seus produtos. Elixidos por rigoroso convite dispensado caprichosamente por discográficas, produtoras, distribuidoras, medios de masas… Homes de negocios, en fin. A finalidade, non se esqueza, é o lucro, o enriquecemento mediante a explotación da forza de traballo e da intelixencia colectiva.
O que en realidade está en debate non é o feito indiscutible de que o creador dun produto cultural teña dereito a vivir do seu traballo. Ao contrario. Quen defende o statu quo aposta pola expropiación da capacidade comunicativa, creativa, artística. A conversión en vulgar mercadoría do produto cultural, elaborado con materia común de propiedade social coma as linguas, as imaxes, as cores, as notas musicais, a luz e a sombra ou toda a bagaxe cultural e creativa da que bebe cada canción, cada película, cada libro. O enriquecemento duns poucos e o silencio dos máis.
É curioso que artistas chamados de esquerda sexan, por seguidismo, por medo ou por insuficiencia analítica, incapaces de comprender os mecanismos de produción e consumo cultural e as mudanzas protagonizadas teimudamente por unha multitude insubmisa. Non entender esas novas realidades equivale a non comprender os mecanismos de produción, explotación e consumo da sociedade capitalista. Talvez de aí veñen as súas reverencias incondicionais ás multinacionais e aos homes de negocios. Os artistas, cantantes, actores, directores e outros creadores enfróntanse ao usuario, que é o elo máis feble da cadea de produción e consumo, criminalízano, e para iso abéiranse a carón do home de negocios. Fanse firmes contra o acceso universal aos bens culturais e apoian os filtros que determinan o que debemos escoitar, ler e ver porque esa é a maneira de condicionar o que temos que producir. É o mercado quen determina o canon artístico. Son os seus filtros. Algo non funciona ben de todo.
Cando alguén descarga unha canción ou unha película non infrinxe ningunha lei nin está xogando ao todo gratis. Xa pagou por eses produtos. Fíxoo ao mercar o ordenador, ao pagar a factura eléctrica, ao mercar os soportes e os aparellos de gravación e reprodución, ao pagar a tarifa telefónica, etc. Paga tantas veces o usuario por un mesmo produto que parece unha indignidade que artistas, cantantes e cineastas teimen en convertelo en culpable de piratería e ladrón de traballos alleos. A obsesión destes é que todo o mundo pague varias veces polo mesmo produto, que siga pagando e nunca pare de pagar. Pagar polo uso de ollos e orellas. Pagar ata perder o sentido.
De todos os campos culturais e artísticos, o audiovisual é probablemente o máis peculiar. Cando alguén descarga unha produción audiovisual española —ou galega, se é que existe tal categoría máis aló dalgunha anomalía incómoda— toma para si unha pequena parte dun produto que xa pagou tamén cos seus impostos. Porque de aí proceden, dos impostos, as imprescindibles subvencións do Ministerio e da Consellería de Cultura ou da TVG, sen as cales probablemente non habería demasiada produción audiovisual. Se cadra, Gerardo Herrero cre ser xusto cando irado e tronante esixe que cada usuario pague repetidamente por un mesmo produto, non só mediante os seus impostos, senón de todas as outras formas imaxinables. Se cadra oculta por descoñecemento ou despiste que leva acumulados bastantes centos de miles de euros de subvencións públicas da Xunta de Galicia e da TVG para realizar un mangado de películas. Ou sexa, diñeiro público cun único destino: o lucro privado. O sistema de negocio audiovisual que defende Herrero non só asenta os seus pés de lama nun alicerce inxusto e inxustificable, senón que desde unha posición ultracapitalista despreza o valor cultural, de uso, dos produtos audiovisuais, de todos, ao tempo que se fundamenta nunha práctica indigna: o diñeiro público como xerador non de riqueza social e cultural, senón de lucro privado. O espolio reiterado como norma.
Eu non teño intención de descargar nin unha soa das producións de Gerardo Herrero realizadas grazas ás subvencións da Xunta e a TVG, pero se tivese un momento de fraqueza faría uso do meu dereito a desfrutar —permítaseme o eufemismo— dun produto financiado co diñeiro de todos. E de compartilo, por suposto. Outramente, se o diñeiro procedente dos impostos só serve para o negocio privado, para lucro dos homes de negocios, entón será preferible dedicalo á educación e á sanidade.
22 Xaneiro 2011 at 3.39 a.m.
Senadores e senadoras poden xa falar en galego, en éuscaro e en catalán na Cámara Alta. A noticia non ten maior transcendencia, é unha consecuencia simple da realidade lingüística e cultural do Estado. Pero para o nacionalismo español, excluínte e reaccionario por natureza e necesidade, parece un coio pesado que estoupa nunha poza.
En dous días, a enxurrada política e mediática, e social por indución, é sorprendente. Non é que España vaia escachar con esta feroz e atroz afronta, pero granciño a granciño vaise enchendo o cabazo. E algún día rebentará. Está por ver que a apocalipse que tantos sonos lle quita ao nacionalcatolicismo de raíz franquista e ao de raíz socialdemócrata sexa tan mala noticia para os subalternos. Tal vez certas malas novas para os poderosos acaban sendo moi boas para os que non somos ninguén nin temos nada.
Como as plumas e as gorxas da caverna non teñen bos argumentos para tanto sufrimento por tal afronta contra o espírito hispano, azórranse ao recurso a picar na víscera popular coa punta basta da mentira, do cinismo, do prexuízo, do descoñecemento e do odio ao diferente. Agora o gran crime é económico: en tempo de feblezas, prodúcese un gasto desmedido, e supoño que inmoral, que sempre se excitan moito coa inmoralidade, en tradución e interpretación para señoras e señores senadores que non comprenden unha palabra de galego, catalán ou éuscaro. O gasto é esaxerado e innecesario para os mesmos que defenden con idénticos berros concordatos, inxeccións financeiras, subvencións confesionais, gasto militar, financiamentos eclesiásticos con visitas papais multimillonarias, colexios concertados con clase de relixión, hospitais privados ou clubes de fútbol arruinados. O diñeiro é unha escusa; a urticaria nace no contacto coa fonética, a sintaxe, a morfoloxía e o léxico de idiomas superfluos. En realidade, para todos os casos manexan sempre a lóxica da prohibición e o castigo tan querida ao nacionalcatolicismo, tan consubstancial á súa propia razón de ser.
Nin a lingua galega, nin a catalá nin a vasca van experimentar un pulo determinante coa posibilidade do seu uso no Senado. É un asunto que non ten demasiada importancia, habendo como hai outros de maior necesidade normalizadora. En realidade, debera ser unha prioridade simbólica para aquelas forzas políticas e para aqueles medios de comunicación que conciben a actual estrutura do Estado como un compendio de todas as máximas liberdades ás que pode aspirar unha nación subalterna e a súa cidadanía. E velaí que son precisamente eles os que saen cargados de armas de eliminación indiscriminada. Quizais demostren así que o proxecto patriótico español é esencial e xeneticamente uniformizador, negador e restritivo, e que por tanto está condenado á imposibilidade, pois sempre baterá coas lexítimas aspiracións antagónicas das nacións e das linguas subalternas. Unha máis.
O proxecto patriótico español concibe as linguas diferentes como expresión dunha natural e insuperable subalternidade. E con elas, as culturas e as nacións que expresan. O reino da negación e, se é preciso, da eliminación. No mellor dos casos, unha tolerancia displicente de realidades subalternas, dependentes, menores. Insignificantes.
Todo fai parte do espectáculo.